A Pokémon sitúa a afinidade co PP coruñés como vía para ter traballo no máis profundo da crise

Negreira, nunha visita ao Ágora, onde os investigadores sitúan parte dos enchufes © Concello da Coruña

En maio de 2012 había 23.849 persoas anotadas nas oficinas de emprego do municipio da Coruña, case un 20% máis que un ano antes, cando o PP logrou a súa histórica maioría absoluta con Carlos Negreira á fronte. Mentres, a afiliación á Seguridade Social non deixaba de baixar, cunha media dunhas 85.000 persoas afiliadas que un ano despois eran apenas 82.000 e en 2014, pouco máis de 80.000 como cifra media. Este é o contexto no que, segundo a investigación da Operación Pokémon, o Concello da Coruña se converteu nunha "axencia de colocación" na que, segundo a xuíza Pilar de Lara, os postos de traballo non se asignaban de forma "regulamentaria" e con criterios de "igualdade, mérito e competencia", senón que pesaba máis a afinidade co PP e a posibilidade de ter acceso directo a cargos do goberno municipal.

Segundo os últimos informes de Vixilancia Aduaneira incorporados ao sumario do caso, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, a suposta rede de enchufes de cargos populares desenvolveuse dende o seu acceso ao Concello en 2011 e vese "referendada" polos correos electrónicos intervidos no "volcado informático" realizado polos axentes no Pazo de María Pita en decembro de 2013. Eses correos sitúan o tenente de alcalde, Julio Flores, como receptor de currículos e peticións de recomendacións de, cando menos, unha corentena de persoas. O número dous de Negreira redirixiría, á súa vez, esas solicitudes de enchufes cara ao grupo Véndex, conglomerado de empresas que a investigación sitúa na cerna da trama.

Os investigadores detectan unha rede de presunto "tráfico de influencias" no Concello canalizado a través do tenente de alcalde 

Atendendo ás indagacións de Vixilancia Aduaneira o responsable de Véndex en Galicia, José María Tutor, colaboraría activamente neste "presunto tráfico de influencias" atendendo as "recomendacións de Julio Flores" dentro do seu "propósito de colocar persoas recomendadas por persoal da máxima representatividade do Concello" como contrapartida para conseguir concesións municipais. Unha das concesións sinaldas é o "contrato de servizos integrais de limpeza, conserxaría e mantemento do centro sociocultural Ágora" onde, destaca Tutor nunha das conversas telefónicas gravadas, "as persoas que están traballando son todas da nova corporación". Por este motivo, din os investigadores, "o máis importante" para lograr a concesiń "non é o contido dos pregos, senón que o persoal (...) é da nova xente do goberno municipal da Coruña".

Intercambio de currículos e agradecementos

Os correos electrónicos intervidos son todo un retrato de múltiples casos de persoas afectadas pola crise que, como moitas outras, sufren problemas para facerlle fronte a pagamentos cotiáns ou para manteren as súas vivendas, ou padecen a presión da fin das prestacións por desemprego. A diferenza fundamental a respecto do resto da poboación é a posibilidade de acceder a un emprego vinculado ao Concello dende fóra das canles ordinarias. Deste xeito, por exemplo, Flores pídelle a Tutor que "lle busque algo" a unha persoa que lle pediu un posto de traballo. Tutor, pola súa banda, indícalle ao tenente de alcalde que "necesita" un "diplomado en turismo para substituír aos que están na caseta que está ao pé da Torre de Hércules" e que "mire se ten alguén na lista" que responda a ese perfil. O mesmo fai, pouco despois, para cubrir postos de persoal de limpeza para dúas instalacións municipais.

O responsable de Véndex pídelle a Flores nomes da súa "lista" para cubrir postos vacantes

Os correos retratan, ao tempo, as reaccións de agradecemento das persoas enchufadas. "Querido Julio. Quiero expresarte toda mi gratitud y cariño. Me has ayudado, quizás cuando más lo necesitaba en mi vida. Como nadie lo ha hecho nunca. Todo este tiempo me ha servido para reafirmarme como persona", indica un traballador que atribúe á mediación do político o seu traballo nos servizos das praias e nos grupos de emerxencias. "Querido Julio, esta mañana (...) confirmaron a mi hija (...) en la alcaldía. Quiero pues transmitirte mi profundo sentimiento de reconocimiento por todas las molestias que en este terreno determinastes. Si en algún momento, he molestado, pido disculpas por ello los hijos forman parte especial en la vida de los padres", di un funcionario municipal tras confirmar a colocación da súa filla.

"Querido Julio, me has ayudado como nadie lo ha hecho nunca", dille ao tenente de alcalde unha das persoas presuntamente enchufadas

Do devandito volcado informático realizado os axentes tamén tiran a presunta intermediación nas cuñas doutros membros do PP, como as edís Begoña Freire, Rosa Gallego e Mariel Padín, ou o ex conselleiro de Educación e candidato do PP en Ourense, Jesús Vázquez. Asemade, é posible observar tamén como algunhas persoas botaban man de Flores tanto para tentar a consecución dun posto de traballo como para salvar outro tipo de trámites: "Como sé que eres una persona que siempre estás atenta a cualquier oportunidad, te envío el currículum de una persona por si surge alguna opción", indica un dos correos. "Te agradecería si puedes hacer algo sobre lo de mi hijo para las Becas USA", dille o pai dun alumno dun colexio privado da cidade.

Flores (esquerda), con Negreira e outro edil en María Pita © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.