No ano 1998 o primeiro Goberno presidido por José María Aznar reformou a Lei Hipotecaria facilitando que a Igrexa Católica inscribise ao seu nome milleiros de bens (dende edificios a terreos) sen apenas custo e de forma sinxela, sen necesidade de achegar título ningún que acreditase a propiedade, equiparándoa cunha corporación pública á hora de inscribir un ben inmoble. En realidade, o decreto de 1998 ampliou un privilexio do que a Igrexa gozaba dende a aprobación da Lei Hipotecaria franquista de 1946 e que ata a reforma de Aznar non abranguía os espazos dedicados ao culto, ao considerarse bens de dominio público, pero si outras propiedades. A reforma da Lei Hipotecaria de 2015 acabou con esta posibilidade, despois de anos de críticas e de advertencias sobre o carácter inconstitucional deste privilexio, ao ser España un Estado aconfesional.
Entre 1998 e 2015 a Igrexa inmatriculou (inscribiu por primeira vez no rexistro da propiedade) un total de 34.961 bens en todo o Estado español, 7.131 en Galicia (máis do 20%)
Porén, entre 1998 e 2015 a Igrexa inmatriculou (inscribiu por primeira vez no rexistro da propiedade) un total de 34.961 bens en todo o Estado español, 7.131 en Galicia (máis do 20%). Este martes o Consello de Ministros remitiu ao Congreso a lista completa destes rexistros, o que pode abrir a posibilidade de reclamación por parte das persoas que consideren que tiñan dereitos previos sobre estes bens. Dende o Goberno central trabállase, ademais, para que a Igrexa Católica comece a pagar a parte do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que lle correspode polas súas propiedades.
Entre os 7.131 bens inmatriculados en Galicia tan só 2.747 corresponde a lugares de culto e espazos adxacentes (casas reitorais, casas de exercicios...). Os restantes 4.384 bens son espazos de uso non relixioso, moitos deles terreos
Galicia é, despois de Castela e León, a segunda comunidade autónoma cun maior número de bens rexistrados pola Igrexa nese período. Entre os 7.131 bens inmatriculados en Galicia tan só 2.747 (o 38%) corresponde a lugares de culto (igrexas, conventos...) e espazos adxacentes (casas reitorais, casas de exercicios...). Os restantes 4.384 bens son espazos de uso non relixioso e neles aparecen un gran número de terreos de todo tipo (prados, montes, predios urbanos...) e outro tipo de edficicacións e vivendas.
A gran maioría dos rexistros realizados en Galicia (6.210) leváronse a cabo a través das certificacións eclesiásticas permitidas pola lei anterior, e coa que a Igrexa non necesitaba achegar documento ningún para legalizar a inmatriculación dun ben (abondaba coa súa palabra). Os restantes 921 foron certificados doutro xeito.
Entre os elementos inmatriculados pola Igrexa Católica entre 1998 e 2015 figuran as catedrais de Santiago de Compostela e Ourense
Entre os rexistros realizados en Galicia chama a atención o gran número de inmatriculacións de bens distintos de templos e espazos de culto. Estes edificios relixiosos (2.747) representan o 13,7% dos rexistrados en España. Pola súa banda os 4.384 bens de uso non relixioso rexistrados en Galicia supoñen o 29,3% dos legalizados no conxunto do Estado. Nesta cifra xogan un importante papel a gran cantidade de terreos rexistrados en Galicia, produto do carácter minifundista da estrutura de propiedade da terra.
Dende as entidades que levan anos reivindicando a devolución da propiedade dos bens inmatriculados irregularmente críticase a falta de apoio emprestado polo Goberno central, pois só as persoas físicas ou xurídicas poderán recorrer os rexistros, de forma individual, pola vía do contencioso-administrativo e dependendo sempre da posición adoptada por cada tribunal. Si se sinala a posibilidade de que os concellos poidan recuperar a propiedade dos cemiterios civís rexistrados pola Igrexa, máis de dous mil en todo o Estado e varios centos en Galicia.
As administracións deberán seguir un complexo proceso para reclamar a propiedade pública dun ben. Os particulares terán que recorrer á vía do contencioso-administrativo
No propio documento remitido ao Congreso detállase o procedemento que debe seguir calquera administración que queira reclamar a propiedade pública dun ben rexistrado pola Igrexa, un complexo proceso que se inicia cunha investigación a cargo da Dirección Xeral de Patrimonio do Estado e un pronunciamento da Avogacía do Estado que desemboca no pronunciamento dun instrutor. As posibilidades de que un ben sexa declarado de carácter público increméntanse no caso de elementos declarados Patrimonio da Humanidade ou Ben de Interese Cultural. Entre os elementos inmatriculados pola Igrexa Católica entre 1998 e 2015 figuran, por exemplo, numerosas catedrais, entre elas as de Santiago de Compostela e Ourense.
A Coruña é a provincia cun maior número de bens inmatriculados (2.669), por diante da de Ourense (2.017), Pontevedra (1.383) e Lugo (1.062)
A Coruña é a provincia galega que suma un maior número de bens inmatriculados nese período (2.669), por diante da de Ourense (2.017), Pontevedra (1.383) e Lugo (1.062). Con todo, cómpre lembrar que o sistema de organización eclesiástico está baseado nas dióceses, con límites diferentes ás provincias. A análise do número de bens inmatriculados en cada concello revela importantes diferenzas entre unhas dióceses e outras, o que en parte determina as cifras provinciais. Podes consultar neste mapa a división eclesiastica de Galicia.
A Estrada (184) e Lalín (179) son os concellos que suman un maior número de bens inmatriculados pola Igrexa
A Estrada (184) e Lalín (179) son os concellos que suman un maior número de bens inmatriculados pola Igrexa entre 1998 e 2015. Son termos municipais de grande extensión, correspondente A Estrada á Arquidiócese de Santiago de Compostela e Lalín á Diócese de Lugo, as dúas que semellan concentrar unha maior cantidade de rexistros neses anos. Podes consultar neste mapa a división eclesiastica de Galicia.
O terceiro concello é Allariz (111), pero agás o tamén ourensán Montederramo todos os seguintes corresponden á sede compostelá (Val do Dubra, Carballo, Pontevedra, Vimianzo, Touro, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, a propia Santiago) ou á lucense (Chatada, Friol, Palas de Rei, Castroverde e o propio Lugo).
Nas dióceses de Santiago e Lugo foron onde se rexistraron máis bens e nas de Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo onde menos
En cambio, obsérvase como os concellos da diócese Mondoñedo-Ferrol acumularon un número de rexistros moi inferior, o mesmo que os da diócese Tui-Vigo (agás a propia cidade olívica). Tamén destacan polo baixo número as localidades do sur da provincia de Lugo, na comarca de Lemos e o Courel. E, pola contra, as inmatriculacións foron maiores na comarca de Valdeorras, que pertence á diócese de Astorga.
Na lista aparecen varios centos de mencións a cemiterios e, sobre todo, unha gran cantidade de terreos rústicos e parcelas urbanas e predios, ademais de inmobles non relixiosos
No seguinte documento (un extracto cos datos galegos do enviado polo Consello de Ministros ao Congreso) pódese consultar a lista detallada de bens inmatriculados pola Igrexa. Na lista aprecen un gran número de igrexas, capelas e casas reitorais, pero tamén varios centos de mencións a cemiterios e, sobre todo, unha gran cantidade de terreos rústicos, montes, así como de parcelas urbanas e predios, ademais de inmobles de todo tipo non dedicados ao culto.