O cobro do IBI á Igrexa esténdese xa por varios concellos galegos

Vista aérea de Allariz © Concello de Allariz

O precedente creado pola sentenza favorable ao Concello de Allariz, que lle permite cobrar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) aos edificios da Igrexa non destinados ao culto, vén de abrir a vía para que outros municipios galegos ultimen xa o cobro deste tributo. Así, son xa varias localidades gobernadas polo BNG, ao igual que a vila alaricana, as que iniciaron os trámites para aplicar o IBI a estas propiedades eclesiásticas.

A sentenza favorable a Allariz reactiva o proxecto de cobrar o IBI á Igrexa por parte de Mondoñedo e Monforte

Mondoñedo e Monforte, dúas vilas con abundantes edificios propiedade da Igrexa nos seus lindes, xa anunciaron a súa intención de cobrar o IBI logo de que a sentenza do caso de Allariz reforzase unha intención que xa viña de lonxe. "Non creo que haxa ningún católico que diga que hai que discriminar a uns sobre outros; todos somos iguais ante a lei e, para os crentes, todos temos que ser iguais ante Deus", asegura Severino Rodríguez, alcalde monfortino, a Praza.

A vila mindoniense prepara xa un informe para determinar a legalidade do cobro do tributo

"O noso modo de pensar é que a Igrexa debe achegar como o fai calquera outro veciño", asegura Orlando González, alcalde de Mondoñedo, que anuncia xa que encargará un informe para analizar se o ditame sobre Allariz abre a vía para seguir o mesmo camiño na súa vila. "Se é así, claro que intentaremos cobrar o tributo", engade, tras advertir tamén que as contraditorias resolucións ditadas nos últimos tempos sobre o mesmo tema obrigan a analizar polo miúdo as consecuencias legais.

"Xa intentamos cobrarlle á Igrexa unha licenza de obra polo Seminario hai tempo, pero recorreron á Xustiza e tivemos que devolverlles os cartos", conta Orlando González, que aclara que o grupo de goberno do Concello ten unha "visión semellante" sobre o tema, polo que non ve atranco ningún na intención de cobrar o IBI sobre os bens eclesiásticos non destinados ao culto, aínda que el incluiría calquera tipo de propiedade. "Tamén deberían contribuír o resto de edificios, pero nese caso o tema é máis discutible", asegura.

"Isto non ten que ver coa crise económica, é unha cuestión de xustiza"

Ademais, o rexedor de Mondoñedo aclara que o cobro do IBI á Igrexa, unha proposta que xa vén de lonxe, "nada ten que ver" coa crise e a difícil situación económica pola que pasan as arcas do seu e de tantos outros concellos. "Non é cuestión de cifras nin de problemas financeiros, senón de xustiza porque todos somos iguais ante a lei", di. É a sentenza favorable ao municipio de Allariz o que reactiva unha proposta que é común noutras localidades.

O Concello de Monforte realiza un inventario dos bens eclesiásticos para comezar a cobrar o IBI nun mes

Ese é o caso tamén de Monforte, unha localidade con entre setenta e oitenta edificios propiedade da Igrexa, que ultima xa os trámites para cobrarlle o IBI aos bens non destinados ao culto. O pasado mes de xuño, un acordo plenario de BNG e PSdeG acordou realizar un inventario dos bens de todas as confesións relixiosas para determinar así cales eran dedicados ao culto e cales non.

"Unha vez que o teñamos rematado, procederemos a cobrarlle este tributo a aqueles edificios que non estean destinado ao culto, ao igual que se faría con calquera outro veciño", insiste Severino Rodríguez, que non ve "problema ningún" e aplicarlle o IBI á Igrexa, un proceso que podería comezar en menos dun mes. "Paréceme algo totalmente razoable", xustifica, tras rebater algúns argumentos en contra que aseguran que cobrar este imposto dificultaría outro tipo de accións solidarias ou de caridade. "Se non se lle perdoa a quen están no paro, por que se ha de facer coa Igrexa?", pregúntase. "Creo que o primeiro que diría Xesucristo nesta situación é que non hai que discriminar a ninguén", engade.

"Se non se lle perdoa o imposto a quen está no paro, por que se ha de facer coa Igrexa?", pregúntase o alcalde monfortino

A medida podería estenderse a outros concellos onde goberna o BNG, pero o Bloque xa propuxo o cobro do IBI nos plenos doutras moitas localidades. Ademais de en Monforte, Mondoñedo e Allariz, a formación nacionalista conta coas alcaldías da Bola, A Pobra Do Brollón,  Arzúa, Cariño, Bueu, Carballo, Vimianzo, Castrelo de Miño, Carnota, Mugardos, Poio, Pontecesures, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Riotorto, Salceda de Caselas, San Sadurniño, Tomiño, A Mezquita e Zas.

Ademais, o voceiro nacionalista no Concello de Lugo, Antón Bao, xa solicitou ao goberno local que comece os trámites para pasarlle este tributo á Igrexa e pediu que comezase por reclamar o que correspondería polo aparcadoiro subterráneo do Seminario, que suporía uns ingresos duns 200.000 euros ao ano para o consistorio lucense.

A porta aberta pola sentenza sobre Allariz semella que vai ser aproveitada por moitas localidades onde as dúbidas sobre as consecuencias legais impediron até o de agora iniciativas como as e Monforte ou Mondoñedo. Foi o xulgado do contencioso administrativo 2 de Ourense o que deu vía libra tras desestimar un recurso presentado pola diócese de Ourense que pedía que se anulase un acordo do goberno municipal alaricano polo que se lle pasaba unha serie de recibos para o pagamento do IBI. O ditame non se pode apelar, polo que crea un precedente que será seguido por outras moitas vilas.

A diócese ourensá deberá abonar agora os 329 euros correspondentes a catro recibos de propiedades da Igrexa, xa que estes inmobles de natureza urbana non están exentos nin no Concordato de 1979, nin na Lei de Mecenazgo, ao non ser destinados ao culto.

A sentenza que dá a razón ao Concello de Allariz aclara que a Igrexa "non probou ser unha entidade sen ánimo de lucro"

O xuíz deulle a razón ao Concello de Allariz ao aclarar que os bens sobre os que quere cobrar o IBI á Igrexa non se atopan entre os que merecen a categoría de exentos. Son, pola contra, bens urbanos dos que só se pode recadar "unha cantidade mínima". Ademais, o maxistrado carga contra un informe de Facenda encargado pola Conferencia Episcopal e asegura que a Igrexa "non alegou nin moito menos probou ser unha entidade sen ánimo de lucro".

O alcalde da localidade, Francisco García, xa aclarara en rolda de prensa que con esta sentenza, "queda claro que a Igrexa, ou outras entidades relixiosas, están suxeitas ao pagamentos de tributos ao igual que o resto dos veciños e veciñas". "Abre unha vía á revisión dos arredor de 95 recibos que agora ten a Igrexa en Allariz", advertía. Tamén noutros moitos recibos por toda Galicia.

Monforte de Lemos © Concello de Monforte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.