A Xustiza obriga a Igrexa a pagar o IBI en Allariz

Vista aérea de Allariz © Concello de Allariz

A Igrexa Católica terá que pagar impostos polos seus bens inmobles. O xulgado do contencioso administrativo 2 de Ourense vén de desestimar o recurso que presentou a diócese de Ourense e no que pedía que se anulase un acordo do goberno municipal de Allariz polo que se lle pasaba unha serie de recibos para o pagamento do Imposto de Bens Inmobles (IBI). A sentenza non se pode apelar, polo que o ditame xudicial foi recibido con satisfacción no Concello de Allariz cuxo alcalde, Francisco García Suárez, afirmou que "crea un precedente".

A diócese de Ourense deberá pagar 329 euros de catro recibos de propiedades da Igrexa

Deste xeito, a diócese ourensá deberá abonar os 329 euros correspondentes a catro recibos de propiedades da Igrexa, xa que estes inmobles de natureza urbana non están exentos nin no Concordato de 1979, nin na Lei de Mecenazgo.

Hai xa máis de medio ano, a diócese interpuxo un recurso contencioso administrativo contra a decisión do Goberno alaricano, que en pleno desestimou unha reclamación que presentara a Igrexa de Ourense, na que se solicitaba que non se lle pasasen ao cobro varios recibos de IBI. O bispado argumentaba que o acordo municipal non se axustaba á legalidade ao insistir en que a diócese é unha entidade sen ánimo de lucro e que, segundo a lei, está exenta de pagar ese imposto, tal e como aclara o BNG nun comunicado.

O xuíz aclara que a Igrexa "non alegou nin moito menos probou ser unha entidade sen ánimo de lucro"

Pero o xuíz acaba de darlle a razón ao Concello de Allariz ao aclarar que os bens sobre os que quere cobrar o IBI á Igrexa non se atopan entre os que merecen a categoría de exentos. Son, pola contra, bens urbanos dos que só se pode recadar "unha cantidade mínima". Ademais, o maxistrado carga contra un informe de Facenda encargado pola Conferencia Episcopal e asegura que a Igrexa "non alegou nin moito menos probou ser unha entidade sen ánimo de lucro".

Segundo aclara o Bloque, a documentación solicitada pola Conferencia Episcopal á Dirección Xeral de Tributos non pode ser tida en conta por ningún xuíz. No caso dos concellos, "si deben ter presente as consultas da mencionada dirección xeral en asuntos de tributos". As contraditorias resolucións ditadas nos últimos tempos sobre o mesmo tema fan máis importante este último ditame, xa que a sentenza de Allariz "é a primeira coñecida na que non se lle deu a razón á Igrexa". O seu alcalde, Francisco García, pide que se "unifique a xurisprudencia".

O alcalde da localidade aclarou en rolda de prensa que con esta sentenza, "queda claro que a Igrexa, ou outras entidades relixiosas, están suxeitas ao pagamentos de tributos ao igual que o resto dos veciños e veciñas". "Abre unha vía á revisión dos arredor de 95 recibos que agora ten a Igrexa en Allariz", advirte.

Francisco García, alcalde de Allariz © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.