Os 1.700 pasaxeiros e tripulantes foron confinados en Bordeos ata coñecer a causa do problema, finalmente aclarada como “un episodio de gastroenterite de orixe viral”
O pasado mércores o cruceiro Ambition, con case 1.700 persoas a bordo, foi confinado preto de Bordeos (Francia) despois de que un cento de pasaxeiros e pasaxeiras presentasen síntomas como vómitos e diarrea. A alarma multiplicouse despois de que unha persoa de 92 anos -sen esto síntomas- morrese por un ataque cardiaco.
Os 1.700 pasaxeiros e tripulantes foron confinados ata coñecer a causa do problema, finalmente aclarada como “un episodio de gastroenterite de orixe viral”. Unha vez confirmado que o problema era un simple norovirus, moi habitual neste tipo de cruceiros, aos pasaxeiros asintomáticos se lles permitiu desembarcar na cidade francesa.
Finalmente o cruceiro non recalará en Ferrol, senón na Coruña, onde está prevista a súa chegada ás 9.30 da mañá deste sábado
O buque, xestionado pola empresa británica Ambassador Cruise Line, saíra o pasado 6 de maio das illas Shetland, en Escocia. Despois de pasar por Belfast e Liverpool, chegou á Bretaña francesa (Brest), para dirixirse despois a Bordeos. O itinerario previsto inicialmente levaba o barco primeiro a Ferrol e posteriormente a Xixón e Bilbao, para dirixirse de novo a Francia (La Rochelle) e o Reino Unido (Liverpool), pois a maior parte dos pasaxeiros son británicos ou irlandeses.
Finalmente o cruceiro non recalará en Ferrol, senón na Coruña, onde está prevista a súa chegada ás 9.30 da mañá deste sábado, segundo confirma a Autoridade Portuaria. Permanecerá no Peirao de Trasatlánticos ata as oito da tarde.
O episodio do Ambition provocou un gran número de noticias falsas e rumores infundados nas redes sociais, ao coincidir no tempo coa chegada ás Illas Canarias do buque no que había algúns viaxeiros infectados co hantavirus
O episodio do Ambition provocou un gran número de noticias falsas e rumores infundados nas redes sociais, ao coincidir no tempo coa chegada ás Illas Canarias do buque no que había algúns viaxeiros infectados co hantavirus. De feito, foi este contexto, unido á morte dun dos pasaxeiros (aínda que finalmente nada tiña que ver coa gastroenterite) o que levou ás autoridades francesas a decretar o confinamento.
Segundo informa La Opinión da Coruña, o departamento de Sanidade Exterior, dependente do Ministerio de Sanidade, realizará unha visita de inspección para determinar se os 1.670 pasaxeiros e a tripulación poden baixar do barco mentres este estea na Coruña, o que semella o máis probable. Neste momento tan só 30 sofren xa a gastroenterite vírica e o pasaxe desembarcou en Bordeos sen maior problema.