Galicia recibe máis turistas estranxeiros ca nunca, pero gastan menos

Peregrinos en Compostela © Cluster do Turismo

O ano 2025 pechouse cun novo récord de turistas procedentes do estranxeiro. Galicia recibiu o pasado ano 1,89 millóns de visitantes dende fóra do Estado español, un 3,1% por riba do anterior máximo

O ano 2025 pechouse cun novo récord de turistas procedentes do estranxeiro. Galicia recibiu o pasado ano 1,89 millóns de visitantes dende fóra do Estado español, un 3,1% por riba do anterior máximo (2024). Trátase dunha suba cativa, pero que consolida unha tendencia á alza nos últimos anos, freada pola pandemia entre 2020 e 2022, pero que retomou os máximos en 2024 e 2025.

O aumento na chegada de visitantes procedentes do estranxeiro aséntase, entre outros factores, no incremento do turismo de cruceiros (preto do millón de pasaxeiros anuais, boa parte de fóra do Estado) e tamén na auxe das cifras dos Camiños de Santiago.

Os datos galegos medran en paralelo ao incremento que se rexistra no conxunto do Estado. En 2025 España recibiu 96,8 millóns de visitantes estranxeiros, un 3,2% máis que no ano anterior. En calquera caso, Galicia continúa a ser un destino minoritario para este tipo de turismo, lonxe dos máis de 20 millóns de Cataluña ou dos ao redor de 15 millóns de Baleares, Canarias e Andalucía. 

Galicia roldará a cifra total do nove millóns de turistas no ano 2025, fronte aos 8,2 millóns de 2024, segundo as estimacións da Xunta

Este mesmo martes a Xunta destacou que Galicia roldará a cifra total do nove millóns de turistas no ano 2025, un cálculo realizado a partir do dato de 7,3 millóns de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros galegos, publicado hai uns días polo INE, aos que se suman os que fixeron noites en vivendas de uso turístico. En 2024 a cifra de turistas -internos e externos- foi duns 8,2 millóns e en 2023 foran 7,3 millóns en base a estes mesmos cálculos.

O turismo de residentes no Estado acadou "máximos históricos", segundo a Xunta, rexistrando 6,4 millóns de noites e o turismo o internacional achegouse aos 4 millóns de noites.

Porén, descendeu o gasto medio realizado por cada turista procedente do estranxeiro, que pasou de 165 a 150 euros por día, o que levou a unha caída no gasto total

Nos datos de 2025 chama a atención un dato. A pesar do incremento do número de turistas, o gasto total realizado por estes visitantes diminuíu en relación ao ano 2024, pasando dos 2.667 millóns de euros aos 2.464. 

Un descenso que se explica por unha lixeira redución na duración media das súas viaxes (de 8,83 a 8,68 días) pero sobre todo pola caída no gasto medio realizado por cada turista procedente do estranxeiro, que pasou de 165 euros por día a 150 euros. 

Cómpre destacar que os datos de 2024 marcaran máximos neste indicador: foi o ano no que se acadara un maior gasto por día, un maior gasto por visitante e un maior gasto total. Haberá que agardar a ver se o descenso de 2025 supón un cambio de tendencia ou se se trata dunha caída conxuntural. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.