O turismo masivo agudiza o impacto que a costa galega xa sofre por mor do cambio climático e do urbanismo. É unha das conclusións que se pode tirar da detallada investigación que Greenpeace levou a cabo, un ano máis, sobre a afectación que a crise do clima e a construción e masificación descontrolada causan no litoral galego e tamén do resto do Estado.
O novo informe de Greenpeace sobre impacto do cambio climático e do urbanismo na costa galega sinala o turismo masivo como outra das principais afectacións ao litoral
Os impactos pódense visualizar claramente no mapa satelital elaborado pola entidade ecoloxista, no que se sinalan un total de 34 puntos do litoral con importantes afeccións: nove por infraestruturas ou construcións e 25 provocadas pola crise climática, aos que engade os riscos e algunhas das consecuencias xa palpables da "crecente" chegada de visitantes.
O mapa vén complementar o informe Destrución custe o que custe 2025: impactos do urbanismo e do cambio climático no litoral, unha nova entrega desta investigación que desde o ano 2000 sinala os impactos climáticos que "mostran a súa crueza en Galicia mentres a Xunta mira cara a outro lado, recuperando modelos litorais xa obsoletos e poñendo ao límite os ecosistemas costeiros que nos protexen”.
Así o advirte Elvira Jiménez, coordinadora de campañas de Greenpeace, organización ecoloxista que denuncia que a xestión do litoral galego "ignora a realidade do cambio climático que afectará numerosas praias, a pesca e o marisqueo".
Greenpeace asegura que a Xunta "ignora a realidade do cambio climático que afectará numerosas praias, a pesca e o marisqueo"
"A suba do nivel do mar, o incremento da temperatura da auga, o aumento en frecuencia e intensidade de fenómenos meteorolóxicos extremos, a erosión do litoral e a perda de biodiversidade costeira e mariña son algunhas das consecuencias que xa se están manifestando ao longo da costa", advirte sobre os efectos do quecemento global a entidade, que engade a estes o impacto que supón "o turismo crecente, que bateu récords en 2024", xunto á "falta de protección das costas e a contaminación recorrente".
E aínda máis. Desde Greenpeace alertan ao tempo de "proxectos como o de Altri" en Galicia porque, din "tamén terán un grave impacto na costa, algo que xa non podemos permitir". "A costa galega non merece seguir deteriorándose", di Jiménez.
No seu informe, Greenpeace lembra que máis do 40% da costa galega "carece de protección efectiva" e, con todo, "a Xunta aposta por aumentar o número de turistas á custa da crecente saturación de espazos naturais, dun incremento do turismo estacional e dunha perda de autenticidade en moitas localidades".
O informe critica que a Xunta "aposte por aumentar o número de turistas á custa da crecente saturación de espazos naturais"
Segundo a entidade ecoloxista, o Goberno galego está a "repetir os mesmos erros que deterioraron abondosos espazos costeiros", incrementando a tensión nos servizos públicos e no tratamento de residuos, saturando o tráfico, elevando o prezo da vivenda e "contribuíndo a procesos de xentrificación que desprazan a poboación local e dificultan a convivencia".
O documento lembra que as vivendas turísticas disparáronse, concentrándose maioritariamente en zonas costeiras como as Rías Baixas (acollen o 41 % das noites de estadía de Galicia), a ría de Muros e Noia, a ría de Arousa, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e a ría de Pontevedra. E destaca tamén que cada vez é máis a cidadanía que reclama medidas contra a masificación turística.
Para Greenpeace, a presión turística que "ameaza" a costa galega vese agravada pola "falta de protección e mesmo polo efecto chamada dalgunhas campañas publicitarias moi controvertidas por parte da Xunta", que aposta por presentar a crise climática como unha oportunidade para o turismo en Galicia. O informe alude especificamente á que reivindica Galicia como "refuxio climático" e "ignora os impactos reais que xa está a sufrir".
Greenpeace critica o 'efecto chamada' de campañas "moi controvertidas" da Xunta e sinala a que reivindica Galicia como "refuxio climático"
Así, Greenpeace sinala na súa investigación enclaves costeiros "moi sensibles" como Combarro, a praia das Catedrais ou as Illas Atlánticas como focos dunha "presión cada vez máis crecente". Porque para a asociación, malia terse "mellorado o descontrol de hai anos", nesta altura "existen uns límites de visitas diarias regulados excesivos, especialmente nas Cíes (1.800 persoas) e Ons (1.300), que teñen reducidas dimensións".
O informe tamén sinala as ampliacións portuarias e construción de novos portos "para satisfacer a crecente demanda de amarres deportivos ou de cruceiros" como outros impactos graves derivados da política turística da Xunta, e citan o caso da ampliación do porto deportivo de Baiona (que prevé un aumento do 77 % da súa superficie cun recheo de 4.200 metros cadrados da baía, edificios e aparcadoiros) ou a prolongación do novo peirao comercial do porto de Marín, para permitir o amarre de grandes cruceiros.
No caso baionés, Ecoloxistas en Acción xa alertara da "desproporción da obra", como lembra Greenpeace, e das posibles "consecuencias irreversíbeis para os ecosistemas mariños e praias proximas, incluíndo o areal da Ladeira, parte da Rede Natura 2000".
As ampliacións portuarias en Baiona ou Marín son tamén citadas como exemplos de impactos provocados pola aposta polo turismo masivo
Ante estes riscos, Greenpeace recomenda "pór couto á turistificación contando coa participación comunitaria". Así, demanda de maneira urxente "abandonar o discurso cuantitativo e a cultura do crecemento continuo por un cualitativo que conduza a unha reforma estrutural que combine as necesidades da poboación residente e os límites ambientais para poder desenvolverse en equilibrio". "Hai que avanzar na regulación con moratorias ás vivendas turísticas, erradicando a oferta ilegal, reducindo a actividade aeroportuaria, limitando a entrada de vehículos nas illas, reforzando o transporte público e controlando a capacidade nos espazos sensibles", explican.
Ademais, o informe alerta de que a estes impactos hai que engadirlle "o problema crónico da contaminación das rías" provocado polas verteduras diarias "procedentes da actividade industrial, augas residuais urbanas, fertilizantes, xurros e outros tipos de residuos", 2.000 en 2024, segundo cifra o documento. Pero, sobre todo, a aparición "dun dos peores proxectos con afección á costa peninsular: a construción dunha macrocelulosa en Palas de Rei da man da multinacional portuguesa Altri", explica Greenpeace, que advirte dun "impacto negativo que chegaría ata a ría de Arousa, a xoia da coroa do marisqueo e da pesca artesanal galega, onde xa hai unha escandalosa baixada na produtividade dos seus bancos marisqueiros".
As zonas costeiras máis ameazadas
Pero ao mesmo tempo, alerta a organización ecoloxista, as previsións do impacto do cambio climático enchen a costa galega de puntos de risco. A demarcación hidrográfica Galicia-Costa conta con 172 áreas con risco potencial significativo de inundación. Moitas destas zonas concéntranse ao redor das rías, ás que se suman outros puntos que destacan por risco potencial de inundación mariña.
Entre as zonas máis ameazadas cita a costa de Burela e San Cibrao e a ría de Viveiro, na provincia de Lugo; e as praias de Cedeira, ría de Ferrol, Betanzos, praia do Orzán e Riazor, ría da Coruña, Malpica, Laxe, Arou, Muxía, praia da Langosteira en Fisterra, praia do Ézaro, praia do Pindo, Porto do Son, Corrubedo, A Pobra do Caramiñal e Vilanova de Arousa, na da Coruña.
Na provincia de Pontevedra o impacto céntrase en Marín, litoral desde cabo Estai ata a praia de Patos; Nigrán, San Pedro da Ramallosa e A Guarda.
O informe advirte de que "nun escenario moderado de redución de emisións e un horizonte 2026-2045, estímase que a suba da temperatura do mar máis acusada darase na costa ao norte de Ferrol e Cedeira ata Foz, onde podería aumentar ao redor de 0,20 ºC para mediados de século e ata 0,6 ºC para o último cuarto de século. Ademais, as estimacións científicas falan dunha suba do nivel do mar de aproximadamente 25 cm de media", lembrando que a regra de Bruun sinala que cada centímetro de suba supón un retroceso de aproximadamente un metro de praia.
Ademais, advírtese da chegada de furacáns o ciclóns con máis forza e frecuencia a Galicia polo quecemento da auga no Atlántico ou o desprazamento de especies de interese pesqueiro cara ao norte, como a sardiña, e a entrada de especies do sur, entre as que se inclúen numerosas especies invasoras de algas, moluscos e crustáceos.
"No caso das especies sésiles, que non se poden desprazar, como os bivalvos, as augas quentes poden provocar mortaldades masivas e afectar a produción de marisco, xa de seu en situación precaria pola contaminación e a calidade das augas", como acontece nos últimos anos na ría de Arousa.
Ante esta situación, Greenpeace reclama unha "acción climática urxente e ambiciosa" que protexa a biodiversidade e deseñe "un novo sistema enerxético no que se substitúan os combustibles fósiles e o uranio por enerxías renovables". Tamén aposta por "protexer, restaurar e renaturalizar a costa" e reducir a exposición ao risco no litoral "utilizando os datos e a cartografía sobre impactos e riscos ante a inundación e a erosión". Ademais, advirte da necesidade dunha adaptación ao cambio climático "transversal, local e participada".