As Rías Baixas e Santiago concentran 6 de cada 10 turistas, cun aumento da saturación nos últimos anos

Praia de Silgar, en Sanxenxo CC-BY-SA Lmbuga

Galicia sumou que no ano 2024 máis de 12 millóns de pernoctacións turísticas, dúas de cada tres correspondentes a persoas chegadas de fóra e o terzo restante á propia poboación galega que se despraza a visitar outras zonas do país

Galicia vén incrementando nos últimos anos a chegada de turistas. Hai uns meses coñecemos os datos completos correspondentes ao ano 2024, cando máis de 8,2 millóns de visitantes estiveron aloxados en establecementos de todo tipo, tanto hoteleiros como vivendas de uso turístico, un récord histórico que supuxo ademais un crecemento do 14% en relación ao 2023 (7,02 millóns). Estas visitar deixaron ademais un máximo histórico de ingresos para un sector que ano a ano gaña peso na economía galega.

Estes indicadores en auxe prodúcense, iso si, nun debate crecente sobre os efectos negativos da masificación turística en determinadas zonas, con prexuízos no acceso á vivenda habitual ou que xeran un incremento do gasto para os concellos á hora de emprestar servizos públicos a unha poboación temporal que no verán se multiplica. Son varios os concellos, como Santiago, nos que en breve entrará en vigor unha taxa turística e outros barallan seguir este camiño.

En calquera caso, o turismo está en auxe en Galicia, que no ano 2024 sumou 12,25 millóns de pernoctacións turísticas, dúas de cada tres correspondentes a persoas chegadas de fóra e o terzo restante á propia poboación galega que se despraza a visitar outras zonas do país. A cifra supera os datos de 2023 (11,95 millóns), que xa fixera un máximo histórico.

As Rías Baixas (Ría de Arousa, Ría de Vigo-Baixo Miño e Ría e Terras de Pontevedra) sumaron o pasado ano o 41% das pernoctacións turísticas en Galicia. Santiago, outro 18&

Pero onde se dirixe o turismo en Galicia? Concéntrase nalgunhas áreas determinadas ou distribúese polo territorio? Esta concentración aumenta ou diminúe? Hai áreas que podemos considerar saturadas? Os datos detallados de pernoctacións e do indicador de intesidade turística que este venres publica o IGE amosan que as Rías Baixas (Ría de Arousa, Ría de Vigo-Baixo Miño e Ría e Terras de Pontevedra) sumaron o pasado ano o 41% das pernoctacións turísticas en Galicia. Se lle engadimos a outra gran área turística (Terras de Santiago), atopamos que o 59,4% das noites contratadas por visitantes se concentraron en Compostela e nas Rías Baixas.

A concentración nas Rías Baixas e Santiago amosa unha tendencia de ascenso. Baixa A Coruña e soben tamén Costa da Morte, Mariña e Ribeira Sacra

A porcentaxe, ademais, amosa unha tendencia de ascenso dende o 58,6% de 2023 ou o 57,4% de 2019. A parte máis importante deste ascenso corresponde á área de Terras de Santiago e á Ría de Vigo e Baixo Miño, que medraron moi por riba da media galega.

No resto do país chama a atención o descenso relativo nas pernoctacións na Coruña e a súa comarca e o ascenso sostido da Costa da Morte, da Mariña Lucense e da Ribeira Sacra.

O IGE ofrece ademais dous indicadores de interese para poñer en contexto os datos de cada comarca: o Indicador de Poboación, que pon relación o número de visitantes coa poboación residente na zona, e o Indicador Estacional, que mide a proporción que o turismo dos meses de xullo e agosto significa no total do ano.

A Ría de Arousa é a área que sofre maior saturación de visitantes, que máis que triplican a poboación permanente. Santiago ocupa o segundo lugar e a Mariña lucense é a terceira área máis saturada

Así, aínda que se trata dun territorio moi poboado, a Ría de Arousa é a área de Galicia que sofre unha maior saturación de visitantes, que -sumados ao longo do ano- máis que triplican a poboación permanente. Santiago ocupa o segundo lugar neste indicador e a Mariña lucense aparece en terceira posición. Na lista as grandes cidades como Vigo e A Coruña aparecen en postos máis atrasados e en cambio destacan zonas como a Ribeira Sacra, Ancares e Courel e a Costa da Morte, que cada ano reciben un número de turistas que supera á suma da poboación local.

A Ría de Muros e Noia e as Rías Baixas reciben en xullo e agosto máis visitantes que no resto do ano

O Indicador estacional destaca a concentración de turistas nos meses de xullo e agosto na Ría de Muros e Noia e nas Rías Baixas, que reciben nestes 60 días máis visitantes que no resto do ano. Aparecen despois a Mariña Lucense e a Costa da Morte, tamén preto do 50% de concentración estival. 

Esta concentración aumenta ou diminúe? Pois o certo é que no conxunto de Galicia a concentración dos visitantes nos meses de xullo e agosto mantense moi estable dende hai anos, cunha lixeira tendencia a descender: entrre 2013 e 2019 moveuse a maior parte dos meses entre o 37% e o 38%, algo por riba do dato fixado o pasado ano (35,6%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.