O pleno compostelán dá a luz verde inicial á norma para aplicar o tributo turístico ao que accedeu a Xunta cunha lei que o bonifica ao 100% e deixa nas mans dos concellos recadalo con entre 1 e 2,5 euros por día e un máximo de cinco xornadas
A aplicación da taxa turística en Santiago entra na recta final. A reiteradísima reivindicación por parte do goberno municipal compostelán bateu durante anos co "non" do PP na Xunta, que a través do actual presidente, Alfonso Rueda, a viñera rexeitando como "contraproducente". Os populares, non obstante, acabaron virando.
Esa viraxe concretouse coa tramitación, canda os Orzamentos Xerais de 2025, dunha lei que creou o imposto galego sobre as estadías turísticas, tributo que o PP concibiu cun desconto do 100% pero con marxe para que os concellos impoñan "recargas". A efectos prácticos, que os gobernos locais que o consideren poidan aplicar a taxa sempre que o fagan coas regras fixadas pola Xunta nesa norma, coma os importes máximos ou a xestión do imposto.

Isto é, precisamente, o que se dispón a facer o Concello da capital galega. O pleno municipal deste 16 de maio deu o visto e prace por maioría absoluta -co "si" do goberno de BNG (6) e CA (2) e mais os votos afirmativos dos dende agora edís non adscritos (4) e PSdeG (2), mentres o PP se abstivo- á aprobación inicial da ordenanza fiscal que permitirá cobrar a taxa turística.
Cun importe de entre 1 e 2,5 euros por día e un límite de cinco xornadas -como fixa a lei da Xunta-, a recadación xestionarase mediante ingresos dos establecementos turísticos cada semestre. Tamén seguindo o ditado dende o Goberno galego, o 80% do ingresado -"unha vez deducidos os gastos da súa aplicación- terá que dedicarse, especifica o Concello, a "investimentos e gastos vinculados a promoción, o impulso, a protección, o fomento e o desenvolvemento do turismo sustentable".
Para a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín (BNG), esta primeira aprobación da ordenanza -penúltimo paso no que intervén o pleno para o visto e prace definitivo- é "un día para parabenizarnos" porque culmina un proceso no que a cidade "tomou a iniciativa no debate público sobre os efectos do turismo". "Compostela foi abandeirada das mudanzas normativas" para a "creación dun imposto do que se beneficiarán moitos outros concellos que tamén teñen unha alta afluencia turística", resalta.
Goretti Sanmartín: "Compostela foi abandeirada das mudanzas normativas" para a "creación dun imposto do que se beneficiarán moitos outros concellos que tamén teñen unha alta afluencia turística"
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, coida "histórica" a aprobación dunha ordenanza "pioneira e altamente demandada pola veciñanza" para poder cobrar un imposto que "ten o obxectivo de equilibrar algúns dos desaxustes provocados entre uns orzamentos municipais que se calculan en función do número de persoas residentes e un nivel de gasto moito máis elevado polo volume de visitantes que chegan cada día a Compostela". Neste sentido, Louzao subliña que Santiago "rexistra unha ratio de 9,45 turistas por habitante, superando en case cinco puntos destinos como Barcelona ou Sevilla".
Contar coa taxa turística permite "equilibrar os gastos" ligados ao turismo" pero "non só nos servizos básicos". Tamén supón, resalta a edil do BNG, "ter máis recursos para mellorar o concello e por tanto a vida da veciñanza e, ao mesmo tempo, tamén o que podemos ofrecer a quen nos queira coñecer" e "por suposto, tamén significa máis recursos para traballar por obxectivos como a diversificación ou a desestacionalización".