A Coruña tamén terá a súa taxa turística. O concelleiro de Facenda, José Manuel Lage Tuñas, foi quen anunciou este este mércores que o goberno local decidiu tramitar unha ordenanza para implantar este canon na cidade e que irá desde os 2,5 euros a un euro por visitante e día.
A intención do Concello, segundo explicou o edil, é axudar a xerar máis fondos para facer fronte aos servizos que as persoas turistas usan durante a súa estadía na cidade, unha recadación que calcula que será duns 2,5 millóns de euros para 2025, segundo se contempla xa no proxecto de orzamentos que verá a luz esta semana, aínda que a taxa non se aplicará ata a segunda metade do ano.
“Permitirá mellorar os servizos públicos dos que gozan a cidadanía e os visitantes”, di Lage Tuñas sobre unha taxa que oscilará entre os 2,5 e 1 euros
Lage Tuñas asegura que esta iniciativa non disuadirá os e as visitantes. "É o primeiro paso; buscamos un equilibrio entre o turismo e a corresponsabilidade", dixo o concelleiro, que aclarou que o goberno local intentará levar esta ordenanza ao pleno antes do 29 de xuño, logo dun período de consultas previo. “Permitirá mellorar os servizos públicos dos que gozan a cidadanía e os visitantes”, engadiu.
O edil de Facenda advirte que a taxa non crea ningún conflito coa Xunta e que o Concello será quen leve a cabo a recadación para repercutila logo nas arcas municipais, seguindo así o camiño marcado por Santiago de Compostela, a primeira cidade en Galicia que solicitou poder aplicar este recargo, e que logo seguiron O Grove ou A Illa de Arousa.
Porque o que se denomina como taxa turística supón en realidade unha recarga desde os gobernos locais no imposto galego sobre estadías turísticas, unha "habilitación legal" que permite aos concellos a xestión do tributo. "Unha recarga municipal, tal e como posibilita a Lei 5/2024 da Xunta de Galicia sobre as estadías turísticas na comunidade autónoma", aclara o executivo municipal
No caso da Coruña, o obxectivo segundo Lage Tuñas é "incrementar a capacidade financeira do Concello" ante os "custos derivados do número de visitantes" que chegan á cidade, unha forma, explica, de "corresponsabilizar" tamén os viaxeiros dos servizos que empregan. Así, o goberno local destaca que a taxa permitirá "facer fronte aos gastos que se derivan do elevado fluxo de visitantes que recibe a cidade, especialmente intenso nalgúns barrios que sofren os efectos da masificación turística".
"Tamén nos permitirá mellorar o control sobre as vivendas destinadas a usos turísticos, mellorar a calidade de vida das persoas que residen nos barrios con maior densidade turística e crear novas estratexias para fomentar a desconcentración turística", dixo Lage Tuñas
A taxa prevé aplicarse a establecementos hoteleiros e os seus usuarios, vivendas de uso turístico ou cruceiristas, habendo taxas máis elevadas para aqueles locais de maior categoría.