O turismo é un dos eixos máis política e economicamente potenciados polo Goberno galego nos últimos anos. Só dende o inicio da década o orzamento turístico da Xunta disparouse un 90% co foco posto especialmente no Camiño de Santiago e, máis concretamente, no que os gabinetes de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda deron en denominar "década xacobea", o ciclo de Anos Santos composteláns que propicia a celebración do Xacobeo en 2021 -prorrogado a 2022 pola pandemia, 2027 e 2032.
O orzamento turístico da Xunta disparouse un 90% na última década
Dentro da política turística e os seus orzamentos teñen especial peso os patrocinios. Son actuacións promocionais mediante adxudicacións directas a diversas empresas para colocar a imaxe turística de Galicia en eventos como festivais de música ou competicións deportivas, entre outros. Os ligados ao Xacobeo 21-22, por exemplo, superaron os 25 millóns de euros no marco dunha estratexia que a Xunta estende agora ás discotecas. Cando menos, a unha: a coruñesa Sala Pelícano.
Os pasados meses de outubro e novembro a Axencia Turismo de Galicia adxudicou á sociedade propietaria desta discoteca e sala de concertos El Pelícano Galicia, S.L. senllos contratos de patrocinio pola vía do negociado sen publicidade por exclusividade. Ascenden, en conxunto, a 157.300 euros, IVE incluído.
Turismo de Galicia patrocina con 36.300 euros os "eventos do aniversario" da sala e con outros 121.000, os seus "eventos de fin de ano". En ambos casos, o compromiso da empresa é inserir os logotipos da Xunta en publicacións en redes sociais, carteis e na propia discoteca
Turismo comezou a tramitar o primeiro destes contratos o 15 de outubro co obxecto da "promoción do turismo de Galicia a través dos eventos do aniversario da sala El Pelícano". Quedou formalizado o día 23 do mesmo mes co importe proposto pola empresa, 36.300 euros -IVE incluído- para quince días de patrocinio cun contido "mínimo" consistente en facer "publicidade do destino Galicia" a través da "incorporación dos logos autorizados pola Axencia Turismo de Galicia" nas "principais accións a desenvolver polo patrocinado. En anuncios de Instagam, Facebook e Google, "carteis publicitarios", "colaboracións con artistas", vídeos ou montaxes "promocionais nas redes sociais", "visuais no escenario" e "recursos físicos na sala".
Cinco días despois da primeira adxudicación, o 28 de outubro, Turismo comezou a tramitar a segunda. Neste caso, co obxecto de outorgar a El Pelícano Galicia, S.L. un "patrocinio publicitario para a promoción do turismo de Galicia a través dos eventos de fin de ano" da devandita discoteca coruñesa. Para este procedemento a empresa propuxo un importe de 121.000 euros, contando o IVE, para os que Turismo deu o seu visto e prace definitivo o 20 de novembro. Os contidos do patrocinio son idénticos aos do primeiro, pero neste caso cunha duración de "3 meses e dous días".
En liña co acordado, nas últimas semanas a Sala Pelícano inseriu os logotipos da Xunta, do Xacobeo e da marca turística oficial de Galicia en varias das súas promocións. Así o fixo, por exemplo, para anunciar eventos como unha festa de Halloween celebrada o pasado 31 de outubro, a festa "Pre fin de año universitario Salseo" celebrada o 21 de novembro ou o "Fin de año universitario USC", destinado o pasado 28 de novembro a estudantes de varias facultades da Universidade de Santiago.
Unha festa de Halloween ou un "fin de ano universitario" para alumnado da Universidade de Santiago, entre os eventos que destacan a colaboración do Goberno galego na discoteca, que forma parte do grupo do empresario Rodríguez Cebrián
A Pelícano promociónase como "unha das salas de concertos máis espectaculares de Europa". Está situada ao carón dos terreos portuarios da cidade herculina, no complexo do antigo centro comercial Los Cantones Village, reconvertido nos últimos anos nunha área de lecer e negocios. É parte do conglomerado que ten como principal referente ao empresario Juan Carlos Rodríguez Cebrián, antigo director xeral de Inditex, con varios negocios no sector de bares e discotecas na Coruña.
Como informou La Opinión de A Coruña, El Pelícano Galicia S.L. é unha compañía que destaca pola súa boa marcha económica. Tras superar a crise da COVID-19, que impactou especialmente no sector, a discoteca agora patrocinada pola Xunta pechou 2023 cun resultado positivo superior ao medio millón de euros.