Nos meses de 2005 en que Manuel Fraga permaneceu na oposición no Parlamento de Galicia, encomendara a Alberto Núñez Feijóo como 'número dous' do grupo do PP o labor de formular preguntas ao presidente da Xunta nas sesións de control. En canto finalizaba a quenda, Fraga cuestionaba a Feijóo pola pregunta que ía lanzar a Emilio Pérez Touriño no pleno seguinte, dúas semanas despois.
Historicamente, o PP galego vén operando de maneira semellante cos sucesivos procesos electorais. Dalgún xeito, dende o pasado 19 de febreiro os populares xa teñen en marcha a maquinaria para as seguintes eleccións galegas (que tocarían en 2028) pero, sobre todo, para os únicos comicios que xa teñen data tras as europeas do vindeiro 9 de xuño: as eleccións municipais do 30 de maio de 2027. Unhas eleccións locais que cadrarán en pleno Xacobeo.
Como é sabido, o Xacobeo en xeral e o turismo en xeral veñen sendo uns dos eixos dos gobernos galegos do PP nos últimos anos. Mesmo máis aínda dende que a Xunta é liderada por Alfonso Rueda, que como vicepresidente xa tivera baixo a súa competencia unha política turística que levou consigo para a Presidencia nun contexto de sucesivos récords orzamentarios para o sector. Nesta liña, en 2024 o orzamento turístico da Xunta está dotado con algo máis de 140 millóns de euros no que xa é o cuarto exercicio consecutivo no que as partidas turísticas suman máis fondos nas contas públicas galegas que as culturais.
Os patrocinios adxudicados por Turismo durante o Xacobeo 21-22 superaron os 25 millóns de euros. Volveranse intensificar cara ao ano electoral municipal de 2027, que tamén é Ano Santo e, polo tanto, ano de Xacobeo
O groso dese orzamento está manexado dende a Axencia Turismo de Galicia. A entidade pública, entre outras competencias, é a encargada de adxudicar os contratos de patrocinio cos que o Goberno promociona a súa política na materia mediante o financiamento de eventos como concertos, festivais musicais ou competicións deportivas.
Como pode observarse no cadro que acompaña esta información, os patrocinios adxudicados por Turismo durante o Xacobeo 21-22 superaron os 25 millóns de euros. Estes contratos non se limitan aos anos nos que a Xunta desenvolve unha programación turística especial ligada á declaración eclesiástica de Ano Santo Compostelán, pero si se intensifican cando isto sucede. E iso acontecerá no ano electoral municipal de 2027 nun contexto no que o PP só ostenta unha das sete principais alcaldías urbanas e tras unhas eleccións galegas de forte avance do BNG nas cidades.
Cara ao medio millón anual de peregrinos
Todo isto sucede nun contexto no que, na última edición da feira turística Fitur -o pasado xaneiro-, a Xunta explicou ante empresas do sector que xa está "preparando o Xacobeo 2027" con propósitos como "repartir a peregrinación polas diferentes rutas" para contribuír a desconxestionar o Camiño Francés. Isto é, ultima accións para seguir atraendo peregrinos mentres as estatísticas da Igrexa amosan que fica unha estreita marxe para superar a barreira do medio millón anual.
A Xunta di estar xa "preparando o Xacobeo 2027" coa vontade de atraer máis visitantes e este mesmo xoves avanzou o investimento dun millón de euros en obras de mellora de 34 albergues durante 2024
Ao contrario do que sucedera no anterior ciclo xacobeo, cando os picos de peregrinos de cada Ano Santo (como 2004 ou 2010) daban paso a incrementos anuais máis moderados de camiñantes, unha vez superada a pandemia da COVID a tendencia mudou. Así, en 2022 foron máis de 438.000 os peregrinos que se rexistraron ao chegaren a Santiago e en 2023, que non era Ano Santo, a alza continuou ata superar os 446.000.
Neste sentido, a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, que tamén depende de Presidencia e é a encargada da rede pública de albergues, "estima" nas súas contas para 2024 que xa está en condicións de "retomar a súa actividade empresarial previa á pandemia e cara ao vindeiro Ano Santo que se celebrará en 2027". Por iso manexa previsións "optimistas".
Esta sociedade pública manexa en 2024 un orzamento de algo máis de 7 millóns de euros (en 2023 foran 6,8) e prevé unhas 216.000 estancias de peregrinos nos seus 76 albergues, unhas seis mil máis das proxectadas no inicio do exercicio 2023. Para 34 destas instalacións, precisamente, Rueda avanzaba este xoves a previsión de investir durante este ano 1 millón de euros para "melloras de eficiencia enerxética", traballos que encadra na necesidade de "estar preparados" para o Xacobeo 2027.