O Goberno galego incide na privatización das súas políticas turísticas a través da asociación Clúster de Turismo, á que vén encargando non só a posta en marcha de bonos e produtos turísticos senón mesmo o deseño das estratexias
Os Orzamentos da Xunta para 2024 consolidan a senda iniciada hai catro anos no que respecta á primacía do gasto en turismo sobre o cultural. O primeiro volve aumentar outro ano máis por riba da media do global das contas públicas e xa supera os 140 millóns de euros, cifra que rexistraba o gasto cultural en 2009, mentres que este último practicamente estáncase en 105 millóns de euros.
As sendas de crecemento orzamentario do turismo e a cultura cruzáronse nos últimos anos coincidindo coa decisión da Xunta de privatizar boa parte da súa política turística e deixala en mans da denominada Asociación Clúster Turismo de Galicia, á que vén encargando non só a execución senón mesmo o deseño das estratexias públicas para o sector.
En 2009, nos últimos orzamentos do goberno de coalición de PSdeG e BNG, o gasto ou investimento en cultura roldaba os 140 millóns de euros, polo algo menos de 80 millóns de euros destinados a turismo, segundo a distribución funcional do gasto da propia Xunta, que ten en conta o destino efectivo dos fondos públicos máis alá da consellería ou departamento que os execute.
Durante a crise dos primeiros anos da pasada década as dúas áreas viron reducidos significativamente os seus fondos. Pero a recuperación económica dos últimos anos veu acompañada dunha decisión do Goberno galego de primar os destinados a turismo sobre os de cultura, de xeito que nas contas de 2020 as dúas áreas víronse igualadas e nestes catro últimos anos o gasto turístico medrou a ritmo máis alto que o cultural.
Hai unha década o gasto cultural incluía importantes partidas para a Cidade da Cultura mentres que agora o gasto turístico non baixou tras o xacobeo 2021-22
Nesta evolución hai que ter en conta matices como a inflación ou como que boa parte do superior gasto cultural rexistrado ata hai unha década ía destinado á construción da Cidade da Cultura, que nos últimos anos vén requirindo moitos menos fondos. Tamén que o gasto destinado a promoción da lingua galega non está incluído dentro do gasto cultural senón que vai por separado, con 11 millóns de euros para 2024, a metade que en 2009.
Ao tempo, tamén hai que ter en conta que o gasto turístico adoita ser máis elevado coincidindo cos anos xacobeos, que nestes últimos anos foron o 2010 e o bienio 2021-22. Porén, os orzamentos turísticos seguiron medrando significativamente tamén en 2023 e seguirán a facelo en 2024, coincidindo coa adscrición da Axencia Turismo de Galicia novamente á Presidencia da Xunta desde a chegada á mesma de Alfonso Rueda, que vén aproveitando esa área de xestión para darse a coñecer á cidadanía.
Por outra banda, de xeito paralelo ao aumento dos fondos dedicados ao turismo sobre os culturais, a Xunta vén deitando a responsabilidade de xestionar e mesmo planificar o destino de boa parte deles no denominado clúster de empresas do sector, unha asociación creada hai unha década que foi a encargada, por exemplo, de elaborar o Plan Estratéxico de Turismo de Galicia 2017-2020. E que agora vén de iniciar os traballos de diagnóstico da situación actual de cara ao novo plan para o período 2024-2030.
Turismo de Galicia vén de mudar a súa dirección, coa saída de Nava Castro, que a ocupaba desde 2013 e desde a que derivou ao clúster de empresas do sector a xestión de parte das políticas públicas
Ademais da planificación das políticas para o sector, o clúster tamén vén sendo o encargado de executar e xestionar parte desas políticas, como a promoción en feiras turísticas no estranxeiro. No último ano, por exemplo, o clúster foi o encargado de xestionar o bono da Xunta para que mozos e mozas fagan o Camiño de Santiago, igual que en anos anteriores xa xestionou bonos como o destinado ao persoal sanitario durante a pandemia.
Porén, a área de turismo vén de rexistrar unha mudanza de relevancia cuxas repercusións nas políticas públicas aínda están por ver. Nava Castro, máxima responsable de Turismo de Galicia desde 2013, coincidindo coa creación e ascenso do clúster de empresas do sector, deixou o cargo hai catro meses para facerse de novo coa alcaldía de Ponteareas. Substituíuna Xosé Manuel Merelles, que desde 1999 ocupaba a xefatura da área de comunicación da axencia turística galega.