O pasado agosto Santiago acolleu a Peregrinación Europea de Jóvenes, o encontro organizado pola Conferencia Episcopal Española (CEE) co gallo do Ano Santo ao que acudiron, segundo datos da Igrexa, unhas 12.000 persoas. O impacto do evento -e os comportamentos nas rúas dalgúns dos seus asistentes- axitou na capital galega os receos sobre o modelo turístico de masas do Xacobeo promovido pola Xunta, cuxo presidente considerou "ideolóxicas" as críticas pola masificación.
O Goberno galego aprobou en xullo 360.000 euros "para a organización e actividades" da Peregrinación Europea da Xuventude, pero meses antes xa achegara á Igrexa outros 150.000 destinados a custos de comunicación e imaxe do evento
Uns días antes, o 21 de xullo, o Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio entre a Axencia Turismo de Galicia e a Igrexa a través do que o Goberno galego achegaba 360.427,19 euros "para a organización e realización de actividades dentro da Peregrinación Europea da Xuventude á tumba do Apóstolo Santiago". A achega, que a Xunta revelou aquel mesmo día, foi con cargo aos fondos do Xacobeo e estaba destinada a sufragar diversos aspectos materiais do encontro, dende a loxística á montaxe de escenarios para o "acto de inauguración, festivais e actos de clausura", á "proposta formativa e cultural" e o "voluntariado" do evento. Foi asinado formalmente ao día seguinte do remate da peregrinación, o 8 de agosto.
Pero esta non foi a única achega económica da Xunta. Meses antes, o 25 de abril, rubricou outro convenio coa Conferencia Episcopal "para a mellora da comunicación e imaxe da Peregrinación Europea da Xuventude á tumba do Apóstolo Santiago". Estivo dotado con 150.000 euros e o encargado de asinalo por parte do Goberno galego foi o daquela vicepresidente Alfonso Rueda, que -como agora na Presidencia- tiña incluída na súa consellería as competencias de turismo. Ao non pasar precisamente de 150.000 euros, límite fixado pola lei de transparencia e bo goberno de 2016, non precisou autorización previa do Consello da Xunta.
O convenio, asinado por Rueda aínda como vicepresidente, incluíu financiamento para a aplicación móbil e sitio web da peregrinación, ademais de materiais que recibiron os participantes como a mochila, a camisola ou unha batería portátil para o móbil
O texto deste primeiro convenio consta de 18 páxinas e pola CEE rubricouno o seu secretario de asuntos económicos, Fernando Giménez Barriocanal. Nel explícase que unha das "prioridades" da Igrexa ao organizar a peregrinación foi "poder acadar unha boa comunicación e posicionamento no mundo dixital", ademais de "proxectar" unha "imaxe fresca, moza e dinámica". Adicionalmente, indicaba, cumpría "unha serie de desprazamentos e reunións para poder organizar e seguir avanzando na difusión e preparación" dos actos. A Conferencia Episcopal estimaba un custo de 166.478,89 euros para cubrir estas necesidades, dos que a Xunta puxo a maior parte, 150.000.
No eido dixital, a Igrexa plasmou no convenio tres actividades que a Xunta contribuíu a financiar, a comezar pola aplicación móbil para que "os peregrinos poidan consultar todos os detalles da PEJ 2022" ou reservar prazas nas diferentes actividades. Ademais, o Goberno galego acordou sufragar unha "actualización da páxina web" da peregrinación, na que a CEE vía preciso "un restyling máis actualizado coas webs actuais" e "introducir novas funcionalidades". Ambas accións contaban cun orzamento de 52.971,39 euros. Tanto a aplicación como o sitio web foran presentados publicamente antes da sinatura do convenio, o 8 de abril.
Do mesmo xeito, o convenio contemplou achegar fondos para a "gravación dun disco con algunhas das cancións presentadas polos mozos ao concurso do himno" da peregrinación, "que será ofrecido para descarga" a "través das distintas propostas dixitais que hoxe ofrecen música". O seu custo, segundo o convenio, era de 6.413 euros.
A Xunta deu á Conferencia Episcopal ata o 15 de novembro para xustificar os gastos subvencionados, que en total superan os 510.000 euros
A partida máis cuantiosa do convenio, non obstante, foi a do denominado "kit do peregrino", a mochila e demais materiais que recibiron as persoas participantes na peregrinación, cuxa "proposta visual", sinala o convenio, debía encaixar nesta vontade de ser "fresca, moza e dinámica". Incluía, ademais da mochila, unha camisola e colgante de acreditación, pulseira, chapa e unha batería portátil para teléfono móbil. A Conferencia Episcopal estimou un orzamento de 105.142,95 euros para estes materiais.
O convenio estipulou que a Igrexa conta ata o 15 de novembro para xustificar os gastos e cobrar a subvención adxudicada directamente mediante este convenio. Aos 150.000 euros cos que foi dotado engadíronse os 360.427,19 do segundo convenio, que ten igualmente como data límite de xustificación o 15 de novembro. Deste xeito, a achega económica total da Xunta á Peregrinación Europea da Xuventude ascendeu a 510.427,19 euros.