Non é a primeira vez. Nin sequera a máis multitudinaria; na memoria da cidade aínda está o medio millón de persoas que acudiu en 1989 á chamada da Igrexa católica para ver e escoitar o papa Xoán Paulo II cando nin existía o Xacobeo. Pero si hai unha sensación de fartura, de saturación tras moitas pingas. De deterioro por repetición e saturación cun modelo turístico elevado á categoría de "puntal do despegue" de Galicia, onde o Goberno galego situou como clave a que denomina como "década xacobea", a que vai do duplo Ano Santo 2021-22 e continuará cos previstos para 2027 e 2032.
Non é a primeira vez, nin sequera a máis masiva. Pero o encontro que estes días acolle Santiago contribúe a acentuar a sensación de deterioro por repetición e saturación cun modelo turístico que a Xunta eleva á categoría de "puntal do despegue" de Galicia
Nestes días non son medio millón, senón arredor de 12.000 -segundo cifras da Conferencia Episcopal- as mozas e mozos católicos que participan na Peregrinación Europea de Jóvenes (PEJ), inicialmente prevista para 2021 e adiada pola pandemia. O evento comezou oficialmente este 3 de agosto cun encontro masivo na praza do Obradoiro, pero nos días previos xa foron chegando á capital galega os diferentes grupos, organizados polas diversas dioceses e mais por grupos cristiáns de moitos puntos do Estado e de fóra del. Algúns fixérono sen maior alteración. Outros a cantar, berrando a deshora ou atrancando rúas, como acreditan fotografías e gravacións que axiña se espallaron polas redes sociais.
Estas 12.000 mozas e mozos e as comitivas que as acompañan sumaranse, a finais de mes, ao rexistro de máis de 218.000 persoas que, segundo datos da Oficina do Peregrino, xa recolleran a súa compostela no que vai de 2022. Recibiron o documento acreditativo por faceren o Camiño no devandito acto inaugural do Obradoiro, que empregou como escenario as escaleiras da Catedral tras a caída de parte da estrutura do palco montado para o evento. O incidente feriu un voluntario e obrigou a trasladar ao aparcadoiro de Salgueiriños, nos arrabaldes da cidade, parte dos concertos incluídos na programación das xornadas.
As 12.000 persoas que participan no evento da Igrexa sumaranse ás máis de 218.000 rexistradas na Oficina do Peregrino ata agosto mentres a Xunta explicita a súa vontade de "bater o récord de peregrinos" de 2019 e superar as 347.000 chegadas
A celebración católica, ao cabo, contribuirá a engrosar unhas estatísticas que xa superan con abundancia os algo máis de 178.000 peregrinos rexistrados en 2021, cifra aínda marcada polas restricións da COVID. O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa advertía o pasado xuño que a aposta do seu Goberno non é outra que "tentar bater o récord de peregrinos que anotamos en 2019" e "situarnos por riba das 347.000 compostelas". No anterior Xacobeo, o de 2010, o total de peregrinos roldara os 272.000 e no previo, o de 2004, non chegaran aos 180.000. En 1989, ano da devandita visita de Xoán Paulo II e o seu medio millón de fieis, non era Ano Santo e aínda faltaban catro para que existise o Xacobeo como evento turístico estrela da Xunta. Chegaran como tales apenas 5.000 peregrinos.
O argumento gobernamental para impulsar este modelo é, fundamentalmente, económico. Agora, a Xunta tamén alude á necesidade de contribuír á recuperación do sector hostaleiro en particular e turístico en xeral tras a pandemia.
Nestes días en Compostela xorde a contraargumentación: os participantes na peregrinación xuvenil organizada pola Igrexa alóxanse fundamentalmente en instalacións de entidades relixiosas, en 11 pavillóns deportivos cedidos polo Concello -cun custo de 40.137 euros, segundo o propio goberno local- e mesmo nunha nave industrial que ata hai pouco era un concesionario da Seat, cedida pola empresa propietaria para que alí durman algo máis de 2.000 persoas. Tamén en pavillóns doutros concellos e comarcas lindeiras. Ademais, agregan, teñen un servizo de comidas de seu, alleo aos locais hostaleiros da capital galega. E cando marchen quedará o modelo que contribúe a estender pola cidade os servizos e instalacións máis dedicados ao turismo que á propia veciñanza, vivendas incluídas.
A asociación veciñal que nos últimos días difundiu un "decálogo de boas prácticas" para os peregrinos vén reclamando ir alén da conxuntura e repensar o modelo turístico, no que a Xunta di que non aprecia risco de "masificación" tras encargar un estudo aludindo ao risco de "morrer de éxito"
Ao estrutural, alén da conxuntura, aludiu nos últimos días unha das entidades compostelás que dende hai anos veñen avogando por repensar o modelo turístico de Santiago, a asociación veciñal A Xuntanza do barrio de San Pedro, porta de entrada do Camiño Francés cara ao casco histórico. Recentemente sintetizaron as súas reivindicacións nun "decálogo de boas prácticas" dirixido aos peregrinos e visitantes ocasionais en xeral, un documento co que pretenden sentar as bases dun "xeito diferente de entender a última etapa do Camiño" e "promover actitudes que axuden a preservar a calidade da experiencia de quen vén", mais tamén "a forma de vida de quen aquí vivimos".
Respectar o descanso veciñal evitando berros, mellor xestión de grupos de peregrinos moi numerosos, respectar os sinais de tráfico ou evitar deitar lixo nas rúas son algunhas das peticións deste colectivo veciñal, ás que tamén se adheriu a asociación empresarial do barrio. Coidan n'A Xuntanza, así e todo, que a cuestión non pode quedar nunha demanda da veciñanza nin, sobre todo, cinguirse a un evento concreto como o destes días. Piden ao Concello, que nestes días pediu á veciñanza facer un esforzo de acollida ante a peregrinación xuvenil, ser máis "proactivo" e ir alén de accións puntuais como prohibir comer e beber ou apoiarse nos edificios da praza do Obradoiro, medida que ata o momento ten un cumprimento escaso e sobre todo, illado.
Na oposición municipal, pero tamén na galega, alúdese tamén á cuestión do modelo, que vai alén de Santiago e atinxe a unha política de país. Tamén o fai a propia Xunta, cando menos sobre o papel. Non en van, recentemente encargou por 114.000 euros un "observatorio de sostibilidade turística" advertindo de que se trata dunha acción "urxente" e "extremadamente necesaria" ante a ameaza de "morrer de éxito". Non obstante, días despois o propio Rueda rebaixou o nivel de alerta que o seu propio Executivo plasmara por escrito nun documento oficial: "Do que se trata é de manter a magnífica situación que temos" porque "non hai a día de hoxe ningún risco de turismofobia ou masificación" en Galicia, concluíu.