Rueda di que no Xacobeo "todo o mundo é benvido mentres actúe con civismo" e cre "ideolóxicas" as críticas pola masificación

Mozos e mozas da peregrinación, no chan da praza do Obradoiro CC-BY-SA Conferencia Episcopal

O presidente evita pronunciarse sobre o modelo turístico que quere Galicia tras encargar o seu Goberno un estudo “urxente” sobre a sostibilidade do sector 

Representan as grandes aglomeracións de grupos organizados de peregrinos como os que estes días está a recibir Santiago coa Peregrinación Europea de Jóvenes o modelo turístico que debe ofrecer Galicia? Esa foi a pregunta que se lle formulou este xoves ao presidente Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. A súa resposta evitou atender á pregunta e en vez de pronunciarse sobre o modelo de turismo optou por defender o “civismo” e atribuír as posturas críticas á “ideoloxía”.

Vídeo da chegada a Santiago compartido por unha das dioceses participantes na peregrinación

Foi a propia Xunta quen hai dous meses encargou un observatorio sobre sostibilidade turística admitindo que carece de datos ao respecto, un estudo continuo no tempo que considera “urxente” e “extremadamente necesario” ante a ameaza de “morrer de éxito”. Malia ser algo que di o propio Goberno galego, o seu presidente negou daquela, preguntado por eses temores, que haxa “ningunha situación de risco”.

Este xoves, preguntado expresamente pola peregrinación masiva destes días, Rueda dixo que “estamos nun ano Xacobeo e mentres a afluencia de peregrinos se produza con civismo, con orde e sen molestar a ninguén mais alá do que poida supoñer a presenza de moitas persoas nun momento dado, eu creo que iso non prexudica a ninguén senón todo o contrario”. “Todo o mundo é benvido mentres actúe con civismo e respectando aos demais”, engadiu. 

A rúa Galeras e o seu parque son un dos lugares habilitados para que coman os participantes na peregrinación. Estes días están a ver desbordados os seus servizos de recollida de lixo CC-BY-SA Praza Pública

Rueda di que non se debe "mesturar a ideoloxía con datos obxectivos", sen aclarar a que datos se refire

Non aclarou o presidente se a Xunta rexeita as mostras de incivismo que se están a rexistrar estes días. Pola contra, Rueda considera que as críticas que se están producir son froito de “posicionamentos máis ideolóxicos”. Nesa liña, incidiu en que non se debe “mesturar a ideoloxía con datos obxectivos”, sen aclarar a que datos se estaba a referir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.