O presidente salienta a “magnífica situación” de Galicia ante o turismo ao tempo que o departamento competente encarga un estudo “urxente” pola ameaza de “morrer de éxito”
Este martes a Xunta sacou a concurso un observatorio de seguimento da sostibilidade do turismo en Galicia admitindo que ignora en que situación se atopa o sector –“non podemos actuar sobre o que non vemos”- e argumentando que é “urxente” e “extremadamente necesario” sabelo para poder tomar medidas ante a ameaza de “morrer de éxito”. Este xoves o presidente, Alfonso Rueda, foi preguntado por ese risco de masificación do que se vén advertindo en diversos lugares de Galicia e pola posible contradición coas mensaxes reiteradas do seu Goberno e del mesmo chamando a máis visitantes.
“Do que se trata é de manter a magnífica situación que temos agora pero tamén de actuar con previsión”, dixo Rueda, malia que o seu departamento de Turismo -con dependencia orgánica directa da Presidencia da Xunta- admite nos pregos de condicións do concurso que vén de convocar de que descoñece se a situación actual é magnífica. O novo contrato busca efectivamente que a Xunta poida “actuar con previsión” ante o que poida suceder no futuro, pero toda a argumentación do contrato baséase en que actualmente se descoñecen os impactos que o turismo está a provocar en Galicia.
Malia iso, Rueda insistiu este xoves en que “non hai a día de hoxe ningún risco de turismofobia ou masificación” en Galicia, ligando así el mesmo o problema dos impactos do turismo co do rexeitamento por parte da cidadanía residente nos lugares que se visitan, polo que non se lle preguntara.
"Estamos nunha situación óptima para que ese novo turismo que evolucionou coa pandemia evolucione a espazos máis abertos en contacto coa natureza” e “que poña os seus ollos en Galicia”, insiste Rueda
O presidente insistiu en que o contrato que agora sae a concurso é unha “medida de prevención, sen que a día de hoxe haxa ningunha situación de risco nin moitísimo menos”. E continuou lanzando mensaxes de chamamento de máis turistas a Galicia: “estamos nunha situación óptima a día de hoxe para que ese novo turismo que evolucionou coa pandemia evolucione a espazos máis abertos en contacto coa natureza” e “que poña os seus ollos en Galicia”, dixo.
Rueda tamén foi preguntado especificamente sobre se haberá algún estudo concreto para o caso de Santiago e a chegada masiva de peregrinos, pero a súa resposta foi lembrar que no caso de Compostela xa está en marcha un plan de sostibilidade turística no que colaboran a Xunta, o Goberno de España e o concello.