O Goberno galego sinala que o turismo comportouse este ano mellor do previsto e considera “oportuno seguir incentivando a demanda de visitantes e peregrinos a Galicia”
A Xunta vén de sacar a concurso por case sete millóns de euros un acordo marco para desenvolver ao longo do próximo ano con varias empresas de publicidade unha campaña de promoción turística de Galicia en varias entregas entre as que inclúe unha “de concienciación para ofrecer un bo trato aos turistas que visitan a nosa comunidade”. O Goberno galego di na memoria coa que xustifica a contratación que o turismo comportouse este ano mellor do previsto e que resulta “oportuno seguir incentivando a demanda de visitantes e peregrinos a Galicia” coa prolongación do Xacobeo tamén a 2022.
A nova campaña de promoción tuística, sinala a Xunta, “servirá de continuidade á campaña Camiña a Galicia, que contribuíu a acadar bos resultados turísticos neste ano”. Segundo o Goberno galego, os máis de 170.000 peregrinos que xa se rexistraron no que vai de ano superaron “as previsións de 140.000 para todo o ano” condicionadas pola evolución da pandemia.
Nos pregos de condicións da nova campaña a Xunta prevé “un mínimo de cinco oleadas, de impacto autonómico e nacional” dirixidas a distintas épocas do ano e obxectivos como a gastronomía no outono, o período estival ou unha que denomina “concienciación e acollida de visitantes: campaña interna de concienciación para ofrecer un bo trato aos turistas que visitan a nosa comunidade durante o Ano Santo Xacobeo 2021-2022”. A intención, di o Goberno galego noutro punto, é “sensibilizar á poboación e aos sectores implicados sobre os valores do turismo de Galicia como un destino seguro”.
A propia Xunta sinala que “estas campañas teñen carácter estimativo e non vinculante” e o contrato marco que quere asinar con varias empresas de publicidade non a obrigará a desenvolver un número determinado de campañas nin fixa o seu importe. “A evolución da demanda e dos indicadores turísticos poderán determinar a necesidade de incidir con maior ou menor impacto publicitario nunha campaña de verán, nunha campaña de outono/inverno buscando a ocupación nas pontes de inverno ou nadal ou o fomento da ocupación na tempada de Semana Santa, pero tamén esa evolución dos indicadores turísticos poderán aconsellar a necesidade de prescindir dunha determinada oleada publicitaria pola necesidade de concentrar nunha mesma época un maior esforzo orzamentario para poder chegar a un maior público obxectivo”.
En 2022 os orzamentos da Xunta volven destinar máis fondos a turismo que a cultura tras producirse esa situación por primeira vez en 2021
A campaña publicitaria chegará no segundo ano consecutivo, o 2022, no que os orzamentos da Xunta destinados a turismo volverán superar os dirixidos a cultura. As contas do Goberno galego para o próximo ano prevén uns 115 millóns para Turismo (+10,07% máis que este ano) e 96 para Cultura (+5,77%). Unhas cifras que se explican en parte porque a Axencia Turismo de Galicia foi a que canalizou en 2021 e volverá canalizar en 2022 boa parte dos fondos do que a Xunta denominou "plan de choque" para o sector a causa da pandemia da COVID-19.