O verán que estamos a piques de rematar bateu récords históricos no turismo en Galicia, con excelentes datos para a hostalaría na meirande parte do país. Así o amosaban hai unhas semanas os datos de ocupación hoteleira do mes de xullo, no que tanto as Rías Baixas coma a Mariña e a Costa da Morte recibiron máis viaxeiros ca nunca nestas datas, con cifras que se situaron por riba dos datos anteriores á pandemia.
A cifra de xuño a agosto supera amplamente os indicadores do 2019 (165.191), ata agora o verán con máis peregrinos na cidade, cun aumento do 28%
Tamén Compostela bateu o seu récord de visitantes en xullo, superando amplamente os anteriores récords, fixados nos anos 2015, 2016 e 2017. O incremento na capital de Galicia debeuse principalmente á multiplicación do turismo procedente do estranxeiro, que case triplicou os datos de 2021.
Que en Santiago había moita xente este verán era unha evidencia que abondaba con camiñar pola zona vella para comprobar. Especialmente rechamante era o número de peregrinos e peregrinas que a diario ingresaban na Praza do Obradoiro, unha situación que xerou malestar e preocupación na veciñanza dos barrios da cidade, debido ás actitudes incívicas dunha parte destes visitantes.
O mes con máis peregrinos chegados a Santiago foi agosto, con 85.842, case tres mil por día
Xa se coñecen os datos das credenciais entregadas pola Oficina do Peregrino entre xuño e agosto, uns indicadores que tamén superan os anteriores récords históricos e que máis que duplican os datos do pasado verán, aínda marcado pola pandemia de Covid-19.
En concreto este verán chegaron 211.228 peregrinos a Compostela, fronte aos 92.362 do verán de 2021 e aos 29.675 do verán de 2020 (en xuño case non houbo actividade). A cifra deste verán supera tamén amplamente os indicadores do 2019 (165.191), ata agora o verán con máis peregrinos na cidade, cun aumento do 28% con respecto a ese ano. Se comparamos os datos cos dos anterior ano Xacobeo, o do 2010, no que Compostela recibiu 137.756 peregrinos no verán, o aumento neste 2022 é do 53%.
Entre xaneiro e agosto a cifra de peregrinos supera os 304.000, por riba do dato de 2010 e moi preto xa do indicador de 2019
Como é habitual, neste 2022 o mes con máis peregrinos chegados a Santiago foi agosto, con 85.842, case tres mil por día. Cómpre lembrar que para recibir a Compostela, os peregrinos deben acreditar adecuadamente ter percorrido cando menos 100 quilómetros dalgunha das rutas oficiais, se o camiño se fixo a pé ou a cabalo, e 200 quilómetros se o medio escollido foi a bicicleta.
Hai uns meses o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixaba como obxectivo "bater o récord de peregrinos que anotamos en 2019" e "situarnos por riba das 347.000 compostelas". No anterior Xacobeo, o de 2010, o total de peregrinos roldara os 272.000 e no previo, o de 2004, non chegaran aos 180.000. De momento, entre xaneiro e agosto, a cifra supera xa as 304.000, por riba do dato de 2010, e moi preto do indicador de 2019, que se pode superar nunhas semanas.
Especialmente problemática resultou a Peregrinación Europea de Jóvenes
Especialmente problemática resultou a Peregrinación Europea de Jóvenes, inicialmente prevista para 2021 e adiada pola pandemia, que este verán trouxo a Compostela a 12.000 mozas e mozos católicos, segundo cifras da Conferencia Episcopal. O colectivo veciñal A Xuntanza e a Asociación Empresarial do Barrio de San Pedro víronse obrigados a pedir publicamente aos peregrinos que respectasen o descanso da veciñanza, evitando os berros, reclamando tamén unha mellor xestión dos grupos moi numerosos, o respecto ás sinalizacións de tráfico ou evitar deitar lixo nas rúas.
As críticas á masificación foron desbotadas, con todo, polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que as culificou como "ideolóxicas". Iso si, dúas consellarías do Goberno galego alertaron de posibles impactos sobre o patrimonio e espazos naturais nas súas alegacións a un programa de investimento de fondos europeos.
Máis mulleres que homes
Este verán chegaron a Compostela máis mulleres que homes peregrinando. No 2018 o número de mulleres que fixo o Camiño de Santiago superou por primeira vez ao de homes
Os datos ofrecidos pola Oficina do Peregrino amosan que este verán chegaron a Compostela máis mulleres que homes peregrinando. No 2018 o número de mulleres que fixo o Camiño de Santiago superou por primeira vez ao de homes.
A estatística tamén revela que o Camiño Francés segue a ser o máis importante, aínda que vai deixando máis espazo ás restantes rutas, que cada ano representan unha cota maior. Este mes de agosto os peregrinos chegados polo Camiño Francés representaron o 47% do total, por exemplo, e foi seguido en popularidade polo Camiño Portugués e polo Camiño Inglés.