O número de mulleres que fixo o Camiño de Santiago superou por primeira vez ao de homes

Unha muller percorre un dos camiños a Compostela CC-BY-SA Jesús Mª Ezkerra

O 2010 foi o último Ano Santo. Naquela ocasión o número de peregrinos e peregrinas chegadas a Compostela superou as 271.000, unha cifra que naquel momento supoñía unha marca histórica, case duplicando os rexistros do 2009 (non xacobeo). 

Os 327.378 peregrinos e peregrinas de 2018 supoñen un novo récord histórico

Porén, nos anos seguintes a tendencia crecente continuou, de xeito que xa no 2016 se volveu superar aquel récord (277.854 camiñantes). O 2017 (con 301.046) mantivo o ascenso, que vén de consolidarse cos datos completos do ano 2018, que fixan un novo máximo histórico de ocupación nos camiños de Santiago, cun total de 327.378 peregrinos e peregrinas. A cifra supón un crecemento do 8,6% con respecto ao 2017 e de case o 90% con respecto ao 2011. Está, igualmente, un 21% por riba dos rexistros do xacobeo 2010.

Ademais do crecemento no número total de camiñantes, nos rexistros de 2018 cómpre destacar tamén outro dato, correspondente ao xénero as persoas que chegan a Compostela. O pasado ano, por primeira vez na historia, houbo máis peregrinas que peregrinos, consolidando unha tendencia que xa se viña apuntando dende hai unha década. Así, se no ano 2011 o 58% dos camiñantes a Compostela eran homes e o 42% eran mulleres, no 2018 houbo máis peregrinas (50,35%) que peregrinos (49,65%). 164.836 mulleres fronte a 162.542 homes.

Cada vez son máis os estranxeiros e estranxeiras que chegan a Compostela, supoñendo xa o 56% do total, fronte ao 44% que proceden do Estado español

Dende o 2011 medra, igualmente, a porcentaxe de camiñantes maiores de 60 anos: 14% no 2011 e 18% no 2018. E, ademais, cómpre destacar que cada vez son máis os estranxeiros e estranxeiras que chegan a Compostela, supoñendo xa o 56% do total, fronte ao 44% que proceden do Estado español. O 2012 foi o primeiro ano no que se produciu este feito e dende entón a marxe en favor dos camiñantes chegados de fóra de España non deixou de crecer.

Alemaña (14%), Estados Unidos (10%) e Portugal (8%) son os países dos que procede un maior número de peregrinos. Mentres, no que respecta ao camiñantes españois, Andalucía (21%), Madrid (20%) e Comunidade Valenciana (12%) son os máis habituais.

O Camiño Portugués, o Camiño Inglés e o Camiño Primitivo son os que máis soben. A Vía da Prata, o que menos

Crecen todos os camiños a Compostela, aínda que uns máis que outros. Así, o Camiño Francés sobe apenas un 3% no último ano e non chega á cifra de peregrinos acadada en 2010. Algo semellante ocorre coa Vía da Prata, estancada dende o ano 2013 e moi por debaixo dos seus rexistros máximos.

Pola contra, as restantes vías experimentan o ascenso moi superior. Sobre todo o Camiño Portugués, que en 2018 duplicou as cifras de 2010. Ou o Camiño Inglés, un 120% do número de peregrinos daquel ano, unha tendencia semellante á que presentou no 2018 o Camiño Primitivo.

Tamén o Camiño do Norte, o Camiño a Muxía-Fisterra ou os máis recentes Camiño Portugués da Costa e Camiño de Inverno amosan un crecemento moi importante nos últimos anos.

No 2011 o 72% dos e das peregrinas chegaba a Santiago a través do Camiño Francés. Hoxe só o fai o 57%

Estas distintas tendencias fan que a ocupación dos camiños a Compostela tamén variase nestes últimos anos. Así, mentres que no ano 2011 o 72% dos e das peregrinas chegaba a Santiago a través do Camiño Francés, hoxe só o fai o 57%. Seguen a ser unha clara maioría, pero neste tempo creceron outras alternativas, como o Camiño Portugués e o Portugués da Costa, que xa reúnen a máis do 25% dos camiñantes. Ou o Norte (6%), o Inglés (4,3%) ou o Primitivo (4,6%), con porcentaxes superiores ás de hai sete anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.