O mes pasado o Foro do Camiño Primitivo, conformado por 30 organizacións defensoras dos Camiños de Santiago, denunciou perante a nova equipa directiva de ICOMOS-España "a destrución completa da identidade tradicional e do valor patrimonial" do Camiño Primitivo ao seu paso pola Fonsagrada entre os lugares de Vilardongo e Pedrafitelas. Na súa denuncia responsabilizaban á Xunta da realización de obras agresivas de pavimentación que supoñen "a alteración irreparable deste treito". As obras teríanse realizado con maquinaria pesada, sepultando con cemento unha parte do percorrido, nivelando ademais o seu perfil.
Coincidindo co Día do Patrimonio, que tivo lugar este venres, o Foro reiterou as súas denuncias, presentando un novo informe no que alerta de que o camiño está "en risco de perder a súa condición de Patrimonio Mundial" polo seu "deterioro e adulteración" resultado de "actuacións da propia administración e particulares que atentan contra os postulados esenciais de integridade e autenticidade".
Outra das obras denunciadas polo Foro | ADEGA
Para o Foro do Camiño, esta modificación da arquitectura e paisaxe do Camiño Primitivo "conleva a perda irremisible da súa memoria inmaterial asociada á vía milenaria recoñecida pola UNESCO como patrimonio mundial", denunciando que estas obras "están a anular a súa identidade e paisaxe cultural, logrando que o itinerario tradicional fique reducido á memoria ou a unha caricatura esperpéntica de si mesmo".
O Foro tamén quere chamar a atención "sobre o estado de abandono que padece o Camiño Primitivo na cidade e entorno de Lugo", sinalando a existencia de "treitos completos apropiados e desviados á estrada" tanto na entrada da cidade polas parroquias de Bascuas e Carballido (monte das Regas), como na súa saída ao paso por San Xoán do Alto no lugar da Seara, "con perigoso tránsito polas vías destinadas ao tránsito rodado". Ademais, advirte "o abandono e falsificación da traza histórica no barrio do Carme, presionado pola especulación urbanística sobre os seus terreos".
Outro camiño histórico cuberto con pavimento, que provocou tamén danos ás arbores, cortando as súas raíces | ADEGA
De igual xeito, a entidade demanda "a urxente posta en valor da Rúa Vella da Ponte como traza histórica do Camiño a Compostela polo barrio de San Lázaro, logo do perverso e artificioso desvío dos peregrinos pola vía urbana de Fermín Rivera en dirección ao Clube Fluvial".
En conxunto, o Foro conclúe denunciando "a ausencia crónica de implicación das administracións públicas na posta ao día deste ben cultural como patrimonio mundial e na súa visibilización, alén do fomento do consumismo depredador dos seus valores". Sinala especialmente "o deterioro do conxunto monumental asociado a esta vía" e reclama a recuperación da torre do antigo hospital de San Miguel en Porta Miñá como Centro de estudo e acollemento ao peregrino do Camiño Primitivo "segundo estaba previsto hai anos". E, igualmente, "a apertura e posta en valor" da Capela da Virxe do Camiño ou do Carme "como emblema espiritual desta calzada".
O Camiño Primitivo ao seu paso polo barrio lucense do Carme | ADEGA