Rosa Cedrón será a pregoeira dos festexos coruñeses, que se prolongan todo agosto
As festas de María Pita fan 175 anos e o Concello da Coruña comeza a desvelar os contidos do mes festeiro por excelencia na cidade -con permiso do Entroido. Baiuca (1 de agosto), Bonnie Tyler (día 2), Marina Reche (4), Zahara (10), Uxía (13), Coti (17) ou Vega (25) destacan no cartel musical como principais bandas das Noites de María Pita nun programa no que non faltan as citas tradicionais de cada agosto coruñés.
Viñetas desde o Atlántico, a Romaría de Santa Margarida, a Feira do Libro, Mostrart ou o Festival Noroeste irán anunciando en días vindeiros, especifica a alcaldesa Inés Rey, cadansúas programacións dentro duns festexos que abrirá, o día 1 (21h) o pregón de Rosa Cedrón, "unha das intérpretes máis recoñecidas da música galega contemporánea", subliña a rexedora.

Concertos en clave retro como Los Sírex e Los Rebeldes (día 5), o espectáculo dos 40 Principales (día 5) con Naiara, Chema Rivas, La Beba, Pikete, Lemot, Vicco, Paula Koops e Walls, o Rock en Familia do día 12 ou o concerto homenaxe a Sito Sedes do día 12 destacan tamén nunhas festas que homenaxean a súa propia historia cunha exposición específica. As Festas de María Pita a través dos seus carteis poderá visitarse durante a primeira quincena de agosto na contorna do Obelisco e durante a segunda, no centro comercial Marineda City.
Citas tradicionais coma o Festival Noroeste, a Romaría de Santa Margarida ou Viñetas desde o Atlántico debullarán cadanseus programas en días vindeiros para "o mes no que sae toda esa efervescencia festeira que temos na cidade", sinala Inés Rey
O programa anunciado este 24 de xullo volve incluír o ciclo Cascarillarte, que leva actividades para toda a familia a diversos barrios da Coruña. O festival de música urbana Beatout Week (do 21 ao 23 no parque de Santa Margarida) ou o Festival Internacional de Folclore, este no no Campo da Leña, únense a unha axenda na que non faltan as festas en varios Barrios. Así, por exemplo, Sés, Ruxe Ruxe e Rebeliom do Inframundo estarán o sábado 16 nas festas de Oza-Gaiteira-Os Castros e as do Castrillón terán a Tam Tam Go! o xoves 21.
"Agosto é o mes no que sae toda esa efervescencia festeira que temos na cidade e ese orgullo coruño polo noso e por iso quixemos ir do concreto ao xeral e do local ao internacional", resume Inés Rey. O programa, mantén a alcaldesa, "sitúanos como o gran referente galego o do ocio durante o mes de agosto".