Sito Sedes, historia de Los Satélites e emblema da música popular galega

Sito Sedes, cantando con Los Satélites en 2021, nunha homenaxe que recibiu en 2021 no barrio coruñés de Matogrande © Concello da Coruña

Sito Sedes (Narón, 1946) é máis célebre para centos de milleiros de galegos que outros artistas con ben máis horas de promoción paga ou que incontables deportistas de elite. Porque o cantante, falecido este 24 de xullo de 2024 aos 78 anos, era e será sempre, antes que calquera outra cousa, popular.

O histórico vocalista da orquestra coruñesa por excelencia faleceu aos 78 anos

Naronés de nacemento e de infancia fenesa, Sito Sedes quedará para sempre ligado á memoria da Coruña. Non en van, encabezou un dos emblemas musicais da cidade herculina, nada máis e nada menos que á orquestra Los Satélites. Foi o seu principal vocalista dende finais dos anos 60 do século pasado e ata principios dos 80, nun tempo no que os sempiternos tirapuxas entre A Coruña e Vigo nos campos de fútbol se reproducían tamén nos campos da festa a conta da competencia coa Sintonía de Vigo.

Sito Sedes, cantando con Los Satélites en Matogrande (A Coruña) en 2021 © Concello da Coruña

Considerado discípulo musical de Pucho Boedo, Sito Sedes chegou a encabezar tamén o grupo que liderou o crooner do Ventorrillo, Los Tamara, de quen non negaba que foi o seu ídolo -aínda que comezase a cantar para imitar ao seu propio pai-. Púxolles voz en 1990 para gravar o disco Carta a un amigo, homenaxe a Boedo catro anos despois do seu pasamento.

Considerado discípulo musical do seu admirado Pucho Boedo, Sedes chegou a encabezar a Los Tamara e nos últimos anos recibiu diversas homenaxes, en varias das cales volveu cantar con Los Satélites

Son múltiples os temas que na memoria popular do país e das súas verbenas mesturan as voces de Sedes e Boedo malia seren ben distintas. Como Galicia terra nosa, Mi tierra gallega ou El loco soñador. E moitas as persoas que, cando saiban do pasamento de Sito Sedes, mesturarán o pesar coa ledicia dunha noite bailando ao son duns versos como "así se conocieron papá y mamá"

Sito Sedes, que tamén traballou como produtor na Televisión de Galicia e colaborou en múltiplos espazos da CRTVG, recibiu diversas homenaxes nos últimos anos. Dos músicos da Coruña e en moitos campos da festa de barrios da cidade e tamén de fóra dela, aos que volveu deleitar cantando puntualmente coa formación actual de Los Satélites.

Sito Sedes, cantando nas festas do Ventorrillo en 2023 en homenaxe a Pucho Boedo

En canto comezou a transcender o seu pasamento, nas redes sociais comezaron a agromar as mostras de condolencia. De persoas vinculadas ao mundo da música e da televisión, como Paco Lodeiro ou Xosé Antonio Touriñán, mais tamén da política -caso do líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, ou da Marea Atlántica-. E, sobre todo, de múltiplas persoas que bailaron ao son da súa voz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.