As verbenas e festas populares son probablemente a manifestación cultural máis importante de Galicia, cando menos se atendemos á cantidade de xente que atraen e á súa pegada económica e social. Porén, ata agora non son moitos os estudos e investigacións que afondaron neste fenómeno e no seu ecosistema e ás súas implicacións culturais
As verbenas e festas populares son probablemente a manifestación cultural máis importante de Galicia, cando menos se atendemos á cantidade de xente que atraen e á súa pegada económica e social. Nelas, a música é un elemento central e as orquestras de verbena son as protagonistas dende hai moitas décadas. Galicia é terra de orquestras e de verbenas, pero ata agora non son moitos os estudos e investigacións que afondaron neste fenómeno e no seu ecosistema e ás súas implicacións culturais.
Botamos un baile? Nos últimos meses a Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura acolleu a exposición Un século de orquestras de verbena en Galicia, á que lle dedicamos esta ducia, unha mostra que afondaba na evolución histórica destas populares celebracións. Agora, a Biblioteca de Galicia organiza a Xornada técnica Transformando a música en patrimonio que, entre outros aspectos, afondará nas verbenas e no estado da súa investigación da man de Zósimo López e Henrique Neira, comisarios da devadita exposición.
Ademais, os investigadores do INCIPIT-CSIC, Íñigo Sánchez-Fuarros e Fátima Rodríguez-Porto poñerán o foco no testemuño material que deixaron esas verbenas, unha investigación que están a desenvolver a través do Proxecto Palcos, un traballo participativo que afonda na catalogación e estudo dos palcos modestos de bloques, ladrillos ou formigón construídos entre a década de 1960 e os anos 2000. "As verbenas quedan fóra das manifestacións de cultura popular que semellan dignas de ser recoñecidas e estudadas", criticaba Sánchez-Fuarros nesta entrevista. Así mesmo, as xornadas contarán coa participación de Daniel Seijas, director do xa mítico programa Palco de Estrelas (Radio Valga). Podes consultar aquí o programa da xornada técnica.
A Biblioteca de Galicia organiza a Xornada técnica Transformando a música en patrimonio que afondará nas verbenas e no estado da súa investigación ou no testemuño material que deixaron esas verbenas
O profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC Zósimo López Pena é, xunto co propio Henrique Neira, Xaime Fandiño e outros poucos autores, responsable das aínda escasas investigacións sobre a industria cultural da música nas festas populares, en traballos pioneiros como Do palco ó escenario ou a súa propia tese de doutoramento, A verbena (en)cuberta. As actuacións musicais en salas con programación periódica a través da prensa local de Vigo. Falamos con el sobre a importancia social e cultural de verbenas e orquestras e das resistencias existentes aínda en Galicia para o seu estudo.
A pesar da súa evidente importancia económica e social, as verbenas e orquestas están soprendentemente pouco estudadas en Galicia? Esta resistencia débese a que son consideradas cultura popular, no sentido máis negativo do termo, cultura de segundo nivel?
"Cando hai unha música que aínda que conteña elementos identitarios non responde a eses canons intelectuais, pois atopa resistencia, ben resistencia activa, ben resistencia pasiva, isto é, sendo relegada a un espazo anecdótico"
Hai un problema de resistencia na academia a estudar este tipo de fenómenos culturais e que non é exclusivo de Galicia. Houbo xa resistencias, hai tempo, á hora que incluír nos estudos académicos de todo o mundo a música popular, é dicir, a música pop. Estes popular music studies, que son unha derivación dos estudos culturais, atoparon acubillo en diferentes disciplinas -socioloxía, antropoloxía, socioloxía...- case en calquera menos nos estudos musicais.
Os estudos de música popular conseguiron finalmente superar esas resistencias e acadaron esa academización no ámbito intelectual, pero agora as resistencias reprodúcense coa música de verbenas, de xeito que todo o que non sexa ou ben música do folclore ou ben música popular dende a óptica anglosaxoa, non é aceptado. Cando hai unha música que aínda que conteña elementos identitarios non responde a eses canons intelectuais, pois atopa resistencia, ben resistencia activa, ben resistencia pasiva, isto é, sendo relegada a un espazo anecdótico.
"É un ecosistema económico moi importante: un amplísimo conxunto de persoas, en profesións moi distintas, que viven da actividade das festas e das orquestras de verbena"
A resistencia comezou a vencerse, iso si, grazas ao labor de Xaime Fandiño dende a Facultade de Ciencias da Comunicación. El deu coa clave para que as verbenas se comezasen a ter en conta: polo seu impacto económico. Porque ninguén fixera un estudo sobre cantas formacións musicais hai, cal é a súa natureza empresarial, canto diñeiro facturan, cantas familias viven desta actividade e que outros sectores dependen deste ecosistema das orquestras de verbena, dende os electricistas, choferes e outros técnicos ata os que fabrican os foguetes ou o que vende comida nun postiño da feira. É un ecosistema económico moi importante e, de feito, é o único sistema de música popular que na actualidade se sostén sen subvencións públicas, senón que vive das comisións de festas e agora, cada vez máis, das contratacións directas dos concellos.
Cal é o impacto económico, social e cultural da música de orquestra?
Á importancia económica xa me viña referindo antes: ese amplísimo conxunto de persoas, en profesións moi distintas, que viven da actividade das festas e das orquestras de verbena, sobre todo durante o verán, pero moitas durante a maior parte do ano. Despois está a parte cultural e dentro dela a parte que podemos chamar 'identitaria'; nas festas de calquera lugar de Galicia, aínda que polo día poida haber foliadas, coa presenza de gaita e tamboril, pola noite ten que haber, necesariamente, este sistema musical de orquestra de verbena.
"Unha das características máis importantes da verbena é que é unha reunión interxeracional: reúnense no mesmo espazo avós, pais, fillos, nenos pequenos e o primo que veu do País Vasco. E iso é algo que dificilmente se podería conseguir con outro sistema musical"
Unha das características máis importantes da verbena é que é unha reunión interxeracional: alí reúnense no mesmo espazo avós, pais, fillos, nenos pequenos e o primo que veu do País Vasco. E iso é algo que dificilmente se podería conseguir con outro sistema musical.
E, despois, hai outra cuestión moi relevante: ademais do aspecto máis puramente musical, está todo o que se configura como proxecto, a organización da festa. Sobre todo no ámbito rural, a creación dunha festa é todo un pegamento social, que fai que moitas persoas estean traballando xuntas durante todo o ano por este obxectivo. E isto mobiliza a todo tipo de persoas na aldea ou na vila: xente maior, xente nova, homes, mulleres... Tamén é en moitos casos, un labor que achega á aldea a moita xente que foi vivir á cidade, pero que deste xeito se mantén ligada á súa aldea de orixe, e obrígase a volver con moita frecuencia, porque ten que facer tarefas de organización da festa. É un traballo que favorece o tecido asociativo sobre todo no ámbito rural e, nas cidades, nos seus barrios.
"Sobre todo no ámbito rural a creación dunha festa é todo un pegamento social, que fai que moitas persoas estean traballando xuntas durante todo o ano por este obxectivo. Tamén achega á aldea a moita xente que foi vivir á cidade, pero que deste xeito se mantén ligada á súa orixe"
As resistencias que comentabas ao comezo comezan a vencerse no mundo académico galego?
A nivel académico creo que non, porque aínda non atopamos traballos académicos sobre as verbenas en ningunha das universidades galegas, que se podería tratar en moitos ámbitos distintos, dende a Comunicación Audiovisual á Socioloxía ou a Economía. Hai nada, ademais, a Facultade de Económicas publicou un estudo do impacto económico da música ao vivo, obviando bastante ás verbenas. De igual xeito, na Facultade de Ciencias da Comunicación, unha vez que Xaime Fandiño se xubilou, non houbo continuación para o seu traballo. Que non é que eu ou Henrique Neira esteamos en primeira fila dos concertos da Panorama, senón que simplemente somos persoas interesadas polo noso sistema cultural.
"As novas xeracións penso que xa non teñen o prexuízo ideolóxico cara a este tipo de festas que ten a xeración que somos fillos directos da Transición"
É cuestión de tempo que a música das orquestras adquira outra consideración? Teñen que pasar algunhas décadas para ser vistas doutra maneira? Penso por exemplo, na consideración que na actualidade teñen formacións musicais de mediados do século XX, como Los Tamara...
Non sei se é unha cuestión de tempo, pero si que creo que é importante sinalar que a xeración que somos fillos directos da Transición estamos moi influídos polo feito de que nese momento se rexeitou esteticamente todo o que era popular durante a ditadura, entre elas as orquestras de verbena, que comezaron a ser vistas como algo propio doutra época, pero tamén a música tradicional, que arrastrou durante un tempo ese estigma. Pero agora as novas xeracións penso que xa non teñen ese prexuízo ideolóxico cara a este tipo de festas.
Hai algún outro aspecto que vaiades tratar na vosa intervención na xornada deste venres e que creas que é importante comentar?
"Nos libros de festa temos un filón histórico que penso que aínda non está suficientemente traballado, tanto a nivel filolóxico, económico, sociolóxico... Están ben arquivados, pero aínda non suficientemente estudados"
Si, imos falar das dificultades que estamos atopando, a nivel de acceso a materiais, para investigar o mundo das festas e das orquestas do tempo actual. É máis doado atopar libros de festa ou carteis anteriores aos anos 80 do pasado século, que atopar eses mesmos carteis ou libros da festa de hai dous ou tres anos. A razón é que antes era obrigatorio que pasaran polo Depósito Legal e agora xa non e, ademais, que dende que todo é dixital, parece que non se conservan as cousas, tíranse.
Isto pode facer que, no futuro, alguén que queira ver como era este sector neste momento, ou que queira analizar a evolución económica das festas ou o tipo de orquestras que actuaban, terá moitas máis dificultades para facelo. Nos libros de festa temos un filón histórico que penso que aínda non está suficientemente traballado, tanto a nivel filolóxico, económico, sociolóxico... Están ben arquivados, pero aínda non suficientemente estudados.