Unha ducia de carteis históricos de orquestras e verbenas galegas na exposición 'Botamos un baile?'
Dende o pasado 8 de novembro pódese ver na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, a mostra Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, que afonda na evolución histórica destas celebracións tan populares través de programas de festas, fotografías, discos de vinilo, casetes, CDs e, sobre todo, carteis. A exposición, que conta con Zósimo López Pena e Henrique Neira Pereira como comisarios, pode verse no Gaiás ata o 31 de maio do vindeiro ano.
-
01
Botamos un baile?
A mostra Botamos un baile? percorre a evolución das festas e verbenas (e das orquestras que nelas participan) no último século, destacando que "o concepto de festa con verbena é algo ligado a Galicia dende hai séculos" e que "aínda que hai celebracións que tenden á defensa da tradición orixinal, o fenómeno da verbena está intimamente relacionado coa evolución da tecnoloxía, da sociedade e do consumo de música popular"
-
02
O papel da emigración
Nesta evolución a emigración galega a América foi clave pois fixo das orquestras de verbena "unha viaxe de tornavolta, enviando músicos ao estranxeiro e recibindo músicos, bailes e ritmos que chegarían a terras galegas nos anos 50 para ficar e fixarse á nosa identidade". Na imaxe, unha carta que dá conta da Jazz Band Celta, que funcionaba en Arxentina en 1927.
-
03
Das bandas de música ás 'jazz bands' ou 'orquestras'
A mostra explica como, tendo como orixe as bandas de música, nas primeiras décadas do século XX, estas incorporan músicas bailables importadas de América coma o charlestón, o fox-trot, o jazz ou o tango. Pouco a pouco, integrantes de bandas de música constituíron en Galicia e nos países destino da emigración agrupacións especializadas en música bailable moderna, co nome de jazz bands ou orquestras. Na imaxe, un baile no Círculo de Artesáns da Coruña no ano 1940.
-
04
Amenizando as festas do país
Festas e música estiveron sempre ligadas e estas orquestras comezaron a ser fundamentais para amenizar todo tipo de celebracións, dende os festexos patronais nas aldeas ata as festas de postín nas cidades. Nas imaxes, carteis coruñeses dos anos 1920 e 1923 e de Ourense correspondente ao ano 1930.
-
05
Cartel das festas de Vedra de 1947
Na mostra poden verse todo tipo de carteis, comezando polos máis tradicionais que anunciaban a programación das festas patronais, como este de 1947 de Vedra, coa participación da Banda de Arca e a Banda de Merza, que amenizanron -xuntas ou por separado- "verbenas campestres", "bailes campestres" e un derradeiro "Gran Baile".
-
06
Cartel das festas de Cariño de 1951
Outros carteis coidaban máis o deseño, coma este que anunciaba as festas de verán en Cariño (daquela parte do Concello de Ortigueira) en 1951.
-
07
Programa das festas de San Lucas de Mondoñedo (1956)
As orquestras eran cada vez máis importante e gañaban sona e nome, aparecendo cada vez máis destacadas nos programas das festas, como este das San Lucas de Mondoñedo en 1956
-
08
Los Trovadores, con Pucho Boedo (1959)
Algunhas orquestras atraían os afeccionados co seu nome e cos dalgún dos seus integrantes. Era o caso de Los Trovadores, que tocaban en Madrid no inverno e en Galicia no verán, e que anunciaban neste cartel de 1959 unha actuación na Coruña coa intervención de Pucho Boedo, "cantor de máxima actualidade", Pepe Romero, "triunfador de La Voz de Madrid" ou Ángel Paz , "coa súa marabillosa guitarra eléctrica".
-
09
Os ye-yés
Os tempos estaban cambiando e a estética ye-yé comezaba a notarse nas orquestras, nas súa música e nos seus carteis, como este das festas patronais de Ribadeo de 1967
-
10
Os grupos "enxebres"
Co cambio dos tempos, tamén comezaron a ter presenza, canda ás orquestras, os "grupos enxebres" e os recitais "de música galega", como amosa este cartel da Romaría Vikinga de Catoira na súa oitava edición, en 1968
-
11
Exhuberancia tipográfica
Unha das características que temos asociadas aos carteis das festas patronais é a súa exhuberancia tipográfica (que se mantén na actualidade) que amosa en diferentes tamaños, cores e tipos as distintas agrupacións musicais e actividades que compoñen a programación dos festexos, como vemos neste cartel das festas de Palmeira de 1970
-
12
Festas de San Xoán de Poio (1985)
A exposicións chega ata as décadas recentes, nas que o propio concepto de festa voi evolucionando, diversificándose nalgúns casos e, pola contra, uniformizándose en moitas cuestións. Tamén mudan os carteis, con exemplos tan fermosos como este das festas de San Xoán de Poio de 1985.
-
13
As orquestras, fenómenos de masas
Parte do fondo da exposición procede das propias orquestras, nun sector no que Galicia leva un século sendo unha potencia, convertidas estas agrupacións en verdadeiros fenómenos de masas, con clubes de fans e milleiros de espectadores nas súas actuacións, coma o caso da París de Noia, na foto. Estas orquestras, ademais, foron incorporando os sons máis de moda, coma o reguetón e a cumbia nos últimos 20 anos, como antes fixeran coa salsa e o merengue, o rock, o pasodobre ou os charlestón.