• Entrevista | Iñigo Sánchez-Fuarros
  • Cultura

"As verbenas quedan fóra das manifestacións de cultura popular que semellan dignas de ser recoñecidas e estudadas"

Palco da Música © Íñigo Sánchez-Fuarros

O proxecto de investigación do CSIC PALCOS. Cultura material e festa na paixagem rururbana galega  está a estudar estes elementos, destacando que "en Galicia, os palcos de música constituíronse como verdadeiros símbolos da vida en comunidade que se tece ao redor da festa en moitas parroquias e lugares"

As festas parroquiais e verbenas son un dos fenómenos culturais máis importantes a nivel social, especialmente no rural. Cada aldea e parroquia ten a súa e constitúen un punto de encontro para a veciñanza, tamén para a que -no proceso de despoboamento que sofre o rural galego dende hai décadas- xa non vive alí. As verbenas lévanse a cabo no campo da festa, onde era común en moitos lugares a existencia de palcos de música permanentes, máis ou menos modestos, que nos últimos anos veñen sendo substituídos polos escenarios móbiles das orquestras.

O proxecto de investigación PALCOS. Cultura material e festa na paixagem rururbana galega, unha iniciativa do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), está a estudar estes elementos, destacando que "en Galicia, os palcos de música constituíronse como verdadeiros símbolos da vida en comunidade que se tece ao redor da festa en moitas parroquias e lugares" e sinalando que "a súa presenza aínda hoxe en moitos campos dá festa testemuña os profundos cambios a nivel social, económico e cultural que sufriron os territorios nos que se sitúan".

A investigación, que se desenvolverá ata o ano 2025, está nas súas primeiras fases, e busca "mapear, catalogar e documentar os palcos de música construídos entre 1970 e os 2000 por todo o territorio galego", nun proceso participativo para o que solicita a colaboración da cidadanía e no que o equipo xa está a realizar -coa colaboración da cooperativa Rexenerado- obradoiros (o primeiro tivo lugar hai uns días na Gentalha do Pichel, en Compostela), roteiros e encontros con entidades locais. Nunha segunda fase, levarase a cabo unha selección de estudos de caso usando metodoloxías de traballo de campo etnográfico "co fin de analizar as dinámicas de cambio e permanencia nas condicións materiais que fan posible a festa".

Palco móbil e palco tradicional nunha festa en Galicia © CSIC

Nunha segunda fase, levarase a cabo unha selección de estudos de caso usando metodoloxías de traballo de campo etnográfico "co fin de analizar as dinámicas de cambio e permanencia nas condicións materiais que fan posible a festa"

O proxecto busca contribuír ao coñecemento sobre a cultura popular galega a partir do estudo da materialidade das verbenas e das festas parroquiais no territorio galego "atendendo á importancia simbólica que se lles confire como elementos configuradores das relacións de sociabilidade e pertenza ao territorio". Tamén analizar a evolución morfolóxica e funcional dos palcos e da contorna construída do campo da festa e, así mesmo, "cuestionar e ampliar" a noción de patrimonio cultural ao centrar a mirada en certos obxectos patrimoniais "que non se adoitan ter en conta habitualmente nos discursos patrimoniais autorizados".

"A investigación ten unha dimensión académica e quere reflexionar sobre algúns conceptos, que ademais se ligan con outros temas coma o despoboamento do rural, pero ten tamén unha dimensión emocional, porque inclúe elementos que son importantes a nivel íntimo para case todas as persoas"

A investigación está dirixida polo antropólogo e etnomusicólogo Iñigo Sánchez-Fuarros, que nos últimos anos analizou en Lisboa o impacto do turismo e a xentrificación nos ambientes sonoros da capital portuguesa. Ademais, inclúe a antropólogas e arqueólogas do Instituto de Ciencias do Patrimonio como Cristina Sánchez-Carretero, Laura Muñoz Encinar, Candela Morado, Cristina Incio del Río, Víctor del Arco, Fátima Rodríguez Porto e Paula Sánchez Carrera. 

Tamén participa a antropóloga Lee Douglas (Goldsmith, University of London), o arquitecto Pablo Arboleda (CCHS, CSIC), a artista sonora Matilde Meireles (University of Oxford), o xeógrafo Daniel Paiva (Universidade de Lisboa), o fotógrafo Luis Díaz Díaz e o filólogo Zósimo López Pena (USC). Falamos con Iñigo Sánchez-Fuarros.

Chama a atención que, a pesar da evidente importancia social que tiveron e seguen a ter as festas parroquiais e verbenas en Galicia, semella ser un asunto polo que a academia non se interesou en exceso. E, en xeral, non houbo unha grande atención sobre o tema ou publicacións. Estas manifestacións non son consideradas alta cultura, pero tampouco son valoradas como cultura popular. A que cres que se debe?

Si, tes toda a razón, houbo unha escasa produción académica ao respecto e, en xeral unha escasa atención a estes fenómenos, en comparación coa atención que si se empresta a outras manifestacións festivas populares, como por exemplo o Entroido. É algo que me chamou a atención cando cheguei a Galicia e decidín pensar o proxecto. Hai un traballo do ano 2011 sobre as verbenas, moi interesante, máis centrado no papel das orquestras como industria cultural, pero non hai moito máis. As verbenas quedan fóra das manifestacións de cultura popular que semellan dignas de ser recoñecidas como tal e estudadas. Dende logo chama a atención a escasa importancia que se lles deu ás verbenas e festas parroquiais, tendo en conta a importancia central que teñen en Galicia.

Palco da Música en San Vicenzo do Pino, O Pino © CSIC

"As verbenas quedan fóra das manifestacións de cultura popular que semellan dignas de ser recoñecidas como tal. Dende logo chama a atención a escasa importancia que se lles deu ás verbenas e festas parroquiais, tendo en conta a importancia central que teñen en Galicia"

E, dentro desta falta de atención xeral ao fenómeno, chegamos aos palcos, que son a súa manifestación material. Aínda que hai palcos anteriores, cun valor patrimonial máis recoñecido, a vosa investigación céntrase nos construídos entre 1970 e 2000 nomeadamente en zonas rurais e case sempre con estruturas modestas. Malia non ser excesivamente valorados, estes palcos constitúense en moitas aldeas como un dos puntos de encontro da vida da comunidade. Cal é a súa importancia?

Os palcos son en parte unha escusa para estudar o fenómeno no seu conxunto. Dende que cheguei a Galicia chamáronme moito a atención estes palcos de festa que hai en moitísimas parroquias, porque eu veño de Cantabria e alí os palcos móntanse e desmóntanse para cada festa. En Galicia tamén se facía así antes, cada ano construíase un palco efémero de madeira, ata que hai unhas décadas se optou por facer estruturas fixas. Teñen unha grande importancia simbólica e son un espazo de construción dun sentido de comunidade. Nós acoutamos a investigación a esas décadas entre 1970 e 2000 porque hai outro tipo de palcos, máis históricos, que están moi ben estudados no proxecto Palcos da Música e que si teñen xa un recoñecemento como valor patrimonial. 

"Estes palcos de música desarrollistas ou feístas permítennos cuestionar que é isto do patrimonio. Vistos dende fóra, non teñen ningún valor patrimonial, pero para as comunidades que os construíron teñen un valor simbólico moi forte"

Nós formamos parte do Instituto de Ciencias do Patrimonio e interésanos pensar criticamente certos discursos patrimoniais hexemónicos. E nese senso, estes palcos de música máis desarrollistas ou feístas, permítennos cuestionar que é isto do patrimonio. Vistos dende fóra, non teñen ningún valor patrimonial, pero para as comunidades que os construíron teñen un valor simbólico moi forte. Recentemente houbo unha polémica nunha parroquia de Lalín (Pareizo, en Goiás) ao redor dun palco sobre o que se debateu a súa restauración ou a súa derruba; para uns era un elemento que molestaba, para outros tiña un gran valor sentimental. Nós presentámonos alí para estudar o tema; finalmente, a veciñanza optou por derrubalo para ampliar o campo da festa. 

Neste contexto, o proxecto pretende emprestar especial atención á localización daqueles palcos máis modestos, eses que foron levantados polas veciñas e veciños con bloques, ladrillos ou encofrados de formigón, revogados ou sen revogar, ornamentados ou sen ornamentar, que estean en bo ou mal estado. O proxecto pretende así mesmo recoller as historias, memorias e relatos que circulan ao redor deles.

Dende hai unhas décadas, o habitual é que estes palcos sexan substituídos polos camións das orquestras...

Si, nesta evolución dos palcos, as festas foron tamén cambiando, porque os camións-escenario das orquestras xa non poden entrar en moitas parroquias, o que obriga a modificar o lugar de realización da festa dende o tradicional Campo da Festa.

Obradoiro realizado na Gentalha do Pichel, hai uns días © Rexenerando

"Queremos darlle esta compoñente de ciencia cidadá que é importante para nós e que é transversal a todas as fases do proxecto. A través deste mapeo colectivo, a cidadanía pode axudarnos a localizar os palcos, pero tamén pode dar a coñecer historias interesantes ao redor deles"

Na vosa investigación facedes un chamamento á colaboración da cidadanía. Entendo que, en parte, é porque necesitades esta participación para conseguir información sobre os palcos, pero supoño que tamén credes neste modelo de ciencia cidadá, non si?

Si, queremos darlle esta compoñente de ciencia cidadá que é importante para nós e que é transversal a todas as fases do proxecto. A investigación ten unha dimensión académica e quere reflexionar sobre algúns conceptos, que ademais se ligan con outros temas coma o despoboamento do rural, pero ten tamén unha dimensión emocional, porque inclúe elementos que son importantes a nivel íntimo para case todas as persoas, ben porque elas mesmas ían ás festas, ben porque os seus pais se coñeceron nunha verbena, ben porque axudaban a organizalas. Esta parte colaborativa é moi importante dende un punto de vista utilitario -falamos coa xente porque hai información que necesitamos conseguir- pero tamén crea un ambiente de participación e un coñecemento colectivo que enriquece as persoas que participan.

A través deste mapeo colectivo, a cidadanía pode axudarnos a localizar os palcos, pero tamén pode dar a coñecer historias interesantes ao redor deles. Ademais, grazas a isto podemos contar con aliadas e aliados que estás traballando no territorio. Por iso este programa de obradoiros que estamos comezando é co-organizado con entidades e grupos locais con traballo previo ao redor das festas, do patrimonio ou do asociacionismo. Por exemplo, o primeiro obradoiro fixémolo en colaboración coa Gentalha do Pichel e a Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro).

"Os palcos presentes na maioría das parroquias galegas son testemuñas privilexiadas dos cambios nos ecosistemas sociais, culturais e económicos nos que se sitúan. Hai un aspecto no que incidimos especialmente, que é a relación que existe entre as festas parroquiais e a emigración"

Que podemos saber sobre a comunidade que habita un lugar estudando as súas festas? As festas parroquiais seguen a constituír un exemplo de vida comunitaria e de autoorganización nestas parroquias. A través delas pódense estudar fenómenos como o despoboamento ou a emigración, que son claves nestas zonas?

Os palcos presentes na maioría das parroquias galegas son testemuñas privilexiadas dos cambios nos ecosistemas sociais, culturais e económicos nos que se sitúan. Hai un aspecto no que incidimos especialmente, que é a relación que existe entre as festas parroquiais e a emigración. Neste mapeo dos palcos interésanos cuestións sobre a súa morfoloxía e usos, pero tamén quen pagou por eles, porque temos constancia de que moitos deles foron financiados grazas ás achegas de veciños que estaban emigrados.

Xa no presente, queremos comprobar tamén se as xeracións máis novas que comezan a facerse cargo da organización das festas en moitos lugares entenden a festa dunha maneira diferente e se hai nestes casos hai unha certa volta ás festas de antes, unha certa nostalxia ás festas de aldea nas que todo o mundo se coñece e non tanto un evento dunha dimensión maior, cunha orquestra como a Panorama que atrae a milleiros de persoas.

Festas no Eixo (Santiago) ©
Palco da Música en Oza, Teo © CSIC
Palco da música abandonado © Palcos.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.