Non é posible entender Galicia sen as súas festas parroquiais, sen o papel que historicamente xogaron e seguen xogando a nivel cultural e social. Este luns presentouse na Universidade da Coruña o informe realizado por Carlos Amoedo, Catedrático de Dereito Administrativo da UDC para a Asociación Galega de Orquestras, no que se pide á Xunta a declaración da “festa parroquial galega” como como patrimonio cultural inmaterial de Galicia. Unha declaración como BIC (Ben de Interese Cultural) inmaterial que permitiría recoñecer un fenómeno "que amalgama toda unha serie de tradicións, vivencias e modos de organizar o tempo de lecer no noso país". E que, sobre todo, facilitaría a protección desta tradición cultural antes as actuais ameazas que poñen en perigo a súa "autenticidade e integridade".
"Malia contar cun importante patrimonio cultural neste ámbito, Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que non fixo ningunha declaración dos usos rituais e festivos como patrimonio inmaterial"
A reivindicación parte da Convención da UNESCO para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, que insta os Estados asinantes a adoptar as medidas necesarias para garantir a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial presente no seu territorio, unha perspectiva cada vez máis presente nas políticas culturais de todos os países. O propio informe lembra que neste 2018 o Goberno central iniciou o expediente de declaración da tradición cultural das Tapas como manifestación representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial. E que "malia contar cun importante patrimonio cultural neste ámbito, Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que non fixo ningunha declaración dos usos rituais e festivos como patrimonio inmaterial". Destácase, por exemplo, que Cataluña desenvolveu unha política moito máis avanzada en materia de recoñecemento das festas como patrimonio cultural inmaterial, xa dende os anos 90, aprobando no ano 2006 un decreto do patrimonio festivo de Cataluña.
"Non se trata de declarar unha concreta festa que destaque pola súa notoriedade, potencial turístico, enxebrismo ou singularidade: alén das políticas que centran a súa atención na perspectiva turística, aquí trátase de recoñecer unha modalidade festiva tradicional galega, que posúe uns valores propios singulares e transversalidade territorial. Son estes valores os que lle outorgan carácter sobranceiro para a pervivencia da nosa identidade ao longo do tempo", di o informe, que alerta de que "a desaparición paulatina das festas parroquiais suporía a ruptura dunha tradición antiga e con ela a desaparición dun dos nosos trazos de identidade cultural".
Entre as ameazas que nestes momentos poñen en risco a pervivencia das festas parroquiais, tal e como hoxe as coñecemos, hai factores estruturais (modernización económica, crise demográfica, reformulación do territorio, emigración...), destacando o informe que "nun momento de globalización económica, profundos cambios sociais e, tamén, de grave crise demográfica, a bagaxe cultural disposta arredor da festa parroquial galega, tal e como a coñecemos, está experimentando distintos procesos de perda, transformación e reinvención". Con todo, hai tamén un "crecente intervencionismo administrativo" e importantes elementos de "burocratización" coma a suba do IVE para as actuacións das orquestras ata o 21% (a rebaixa do IVE Cultural ata o 10% non terá efectos nas festas parroquiais) ou a entrada en vigor (precisamente este luns) da Lei de Espectáculos Públicos, da que o informe destaca "a súa calculada ambigüidade e os problemas que cara o futuro deixa abertos".
"Trátase de recoñecer unha modalidade festiva tradicional galega, que posúe uns valores propios singulares e transversalidade territorial. Son estes valores os que lle outorgan carácter sobranceiro para a pervivencia da nosa identidade ao longo do tempo"
A declaración BIC da festa parroquial galega permitiría "desenvolver unhas políticas públicas de reapropiación e control deses procesos, de modo que se lle poda dar unha pervivencia a esta tradición que garanta a súa autenticidade e integridade", salienta o informe. Así mesmo, contribuiría a estimular "o desenvolvemento de políticas municipais de estudo, inventario e, de ser o caso, protección nos correspondentes catálogos urbanísticos" dos espazos e dos bens materiais nos que se veñen desenvolvendo as festas (campos de festa, adros, torreiros, palcos tradicionais, rutas procesionais, cruceiros...). O propio informe lembra o inventario dos palcos da música do país que está a levar a cabo a Rede Galega de Patrimonio. O documento conclúe que a declaración permitiría "poñer o acento das políticas públicas no ámbito patrimonial cultural, reordenando a seu redor o resto das perspectivas interventoras sobre este fenómeno".
A declaración BIC da festa parroquial galega permitiría "desenvolver unhas políticas públicas de reapropiación e control deses procesos, de modo que se lle poda dar unha pervivencia a esta tradición que garanta a súa autenticidade e integridade"
Finalmente, a petición subliña a importancia das "comunidades" que sosteñen e organizan os milleiros de festas parroquiais que todos os anos se celebran en Galicia e tamén a relevancia cultural "da autoorganización asumida polos propios veciños e veciñas mediante fórmulas informais de financiamento". E incide na necesidade de involucrar "a maior cantidade posible de portadores desta forma festiva" a través "da mobilización das comunidades portadoras desta tradición". De feito, o informe péchase cunha proposta de Manifesto de apoio á declaración das festas parroquiais galegas como patrimonio cultural inmaterial de Galicia para a súa sinatura por comisións de festas, asociacións veciñais, entidades locais ou empresas, como organizadoras, colaboradoras ou usuarias das festas parroquiais. O texto proposto manifesta que "estas festas parroquiais constitúen unha tradición cultural viva e arraigada ao longo do tempo, que contribúe decisivamente a conformar a identidade e a cohesión social dos veciños e veciñas".
O informe propón impulsar a creación dunha Asociación de defensa das festas parroquiais de Galicia que poida dar personalidade xurídica, organización e interlocución única a todas as persoas e entidades favorables a esta declaración. E que sería a entidade que podería recibir no futuro a condición de entidade de xestión do Ben de Interese Cultural.
As razóns da declaración como patrimonio cultural inmaterial
"Poucas manifestacións culturais sinalan tan claramente a singularidade dun pobo como as súas formas de facer festa"
"Poucas manifestacións culturais sinalan tan claramente a singularidade dun pobo como as súas formas de facer festa", comeza dicindo o informe, que subliña a "transversalidade territorial” das festas parroquiais, que se estenden pola maior parte das 3.772 parroquias existentes en Galicia. Unhas festas que constitúen unha "forma tradicional de organización territorial do país que ten chegado até hoxe logo dunha longa historia na que se mistura permanencia, cambio e adaptación", cunha "mistura de elementos relixiosos e populares, unha aleación de aspectos sagrados e profanos que dotan a nosa tradición dunha fonda singularidade". O informe destaca que "a festa parroquial era un tempo de lecer colectivo que rompía coa rutina dos traballos agrarios e marcaba unha referencia temporal no decorrer dos días. Ningunha festividade se celebraba ao chou".
A festa parroquial é "un fenómeno de autoorganización, de democracia cultural popular, non profesionalizada e informal, cuxo protagonista é a comisión de festas"
O informe subliña así mesmo que outro elemento destacable da identidade das festas parroquiais foi e é a presenza de música ao vivo. E destaca o mural realizado en 1915 por Joaquín Sorolla como encargo de Archer Milton Huntington para a decoración da sede da Hispanic Society en Nova York, unha pintura coa que Sorolla "describiu simbolicamente Galicia mediante a imaxe dunha feira de gando convertida en romaría grazas á foliada dun gaiteiro". Unha música ao vivo que foi variando co tempo, coa chegada das bandas de música e tamén das orquestras, xa dende os anos 20 do pasado século, e que hoxe se contan por centos en Galicia, convertidas nunha auténtica industria cultural.
O texto fai fincapé tamén en que a festa parroquial é "un fenómeno de autoorganización, de democracia cultural popular, non profesionalizada e informal, cuxo protagonista é a comisión de festas". Unha "peculiar modalidade non burocratizada de voluntariado que se caracteriza por organizarse para buscar as fontes de financiamento (insercións publicitarias na cartelería, rifas, “ir polas portas”) e así desenvolver as festas parroquiais conforme a uns códigos culturais de longa tradición".