Un país a través dos seus palcos da música

Palco en Marín © palcosdamusica.blogaliza.gal

O arquitecto Xosé Ceferino Castro e o músico Félix Rodríguez traballan dende hai cinco anos no proxecto Palcos da Música, unha iniciativa de carácter participativo e voluntario, que superou xa os cen elementos recompilados e documentados. Búscase catalogar os palcos, saber onde están, en que estado se atopan e darlles visibilidade e na web do proxecto amósanse fotografías, descrición, xeolocalización e mesmo datos históricos de cada un dos exemplos estudados. Mesmo se pode ollar nun mapa todos os palcos que ata agora foron identificados.

Xosé Ceferino Castro e Félix Rodríguez sinalan que “chegados a este punto, o traballo de recompilación tennos proporcionado material suficiente como para estar realizando tamén artigos, colaboración na redacción de documentos para a conservación e proxectos de revitalización e dinamización de palcos da música”. Os autores amplían desta maneira o obxectivo inicial de catalogación e como xa apuntaran ao comezo do proxecto, propoñen que “o ideal sería dinamizar e usar os palcos, mantelos en bo estado, facer deles un espazo cultural activo”.

En relación con isto, destacan que "aínda que poucas e tímidas, en Galicia existen algunhas iniciativas culturais onde os palcos funcionan como soporte". Por exemplo, comentan, "en Ourense organizáronse as Mañás no Palco, nalgúns lugares segue a usarse o día da festa para o concerto da banda de música, e houbo algunhas propostas que non chegaron a realizarse, como A Música aos Palcos, que unía música e danza nun mesmo espectáculo". Engaden que en Portugal o interese polos coretos "é grande e as iniciativas variadas, dende programar concertos ata propolos como espazos wi-fi".

Os autores subliñan que o avance do proxecto de Palcos da Música vese dificultado pola localización dos palcos que aínda restan na xeografía galega, polo que os promotores da iniciativa chaman á colaboración do público, que pode facer as súas achegas no correo palcosdamusica@gmail.com. De feito, xa son varios os e as voluntarias que axudan enviando fotografías, datos ou localizacións dos palcos.

 

Palco en Ourense © palcosdamusica.blogaliza.gal/
Palco en Pías (Ponteareas) © palcosdamusica.blogaliza.gal
Palco en Estás (Tomiño) © palcosdamusica.blogaliza.gal
Palco en Baíña (Baiona) © palcosdamusica.blogaliza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.