As 130.000 persoas contratadas supoñen unha completa recuperación dos niveis anteriores á pandemia de COVID e representan o 11% do total de traballadores e traballadoras en Galicia
Galicia non foi historicamente un dos territorios do Estado con maior afluencia turística, máis concentrada no litoral mediterráneo, as illas e Madrid. Tampouco rexistrou, en consecuencia, cifras tan elevadas de persoas traballando no sector turístico. Porén, nos últimos anos o número de visitantes que chegan anualmente a Galicia non deixa de medrar e o 2022 rexistrou un récord histórico de visitantes, cun total de 4,7 millóns de viaxeiros, por riba dos 4,5 millóns de 2017 e 2019. A cifra total de pernoctacións en Galicia (9,1 millóns) tamén superou no 2022 o seu récord histórico.
Á espera de coñecer os datos completos de 2023, espérase que este ano se superen amplamente estes indicadores, con novos máximos históricos que xa se están a deixar notar nas cifras de persoas contratadas no sector turístico. A Enquisa de Poboación Activa correspondente ao segundo trimestre amosa que 130.000 persoas traballan no sector turístico en Galicia, fronte ás 113.200 do primeiro trimestre pero tamén moi por riba dos datos de hai doce meses: no segundo trimestre de 2022 eran 114.200 as contratadas.
No 2022 superouse o récord de visitantes e pernoctacións en Galicia e espérase que neste 2023 se volva rexistrar un máximo histórico
As 130.000 persoas contratadas supoñen unha completa recuperación dos niveis anteriores á pandemia de COVID e representan o 11% do total de traballadores e traballadoras en Galicia, unha proporción que supera á que se rexistraba no ano 2016 (9,41%) e mesmo o máximo que se acadara antes do 2020, situado no 10,8%. Posteriormente, os efectos da COVID reduciron a importancia do turismo no ámbito laboral galego, ata deixalo en pouco máis do 9% das asalariadas e asalariados o pasado ano.
O peso do sector turístico sobre o total das persoas asalariadas (10,99%) achégase á media do conxunto do Estado español (13,14%)
O peso do sector turístico sobre o total das persoas asalariadas (10,99%) é aínda moi inferior ao que se rexistra en territorios como Canarias, as Illas Baleares, Comunidade Valenciana, Andalucía, Madrid ou Catalunya, pero o 11% acadado nas últimas cifras da EPA achégase xa á media do conxunto do Estado español (13,14% na actualidade).