A pandemia de COVID provocou intensos cambios nas nosas vidas no ano 2020, cambios que nalgúns aspectos se estenderon tamén ao ano 2021, especialmente no que atinxe aos hábitos de ocio e, entre eles, ás viaxes e ao turismo. Os datos anuais sobre as viaxes realizadas por galegos e galegas descenderon de forma abrupta no primeiro ano de pandemia, dende as 9,9 millóns de viaxes de 2019 (récord histórico) ás 4,8 millóns de 2020. O 2021 supuxo o primeiro ano de recuperación (7,4 millóns) e o 2022 recuperouse practicamente a normalidade, con 8,7 millóns de viaxes, segundo a estatística que hai uns días publico ou INE, preto do máximo histórico.
O 2021 supuxo o primeiro ano de recuperación (7,4 millóns) e o 2022 recuperouse practicamente a normalidade, con 8,7 millóns de viaxes
Ademais, o importante incremento de prezos que se deixou notar dende os últimos meses de 2021, unido á rápida recuperación económica experimentada polo Estado español dende o final da pandemia elevaron o gasto total realizado por galegas e galegos nas súas viaxes ata o seu máximo histórico.
En 2022 o gasto turístico total de galegos e galegas foi de 2.272 millóns de euros, moi por riba dos 1.392 millóns do ano 2021 e moi por riba do anterior récord, de 2018 (2.048 millóns). A diferenza entre o gasto medio por persoa e viaxe (260 euros) rexistrado o pasado ano e o de 2018 (210 euros) amosa o cambio producido nestes catro anos.
Ademais, o gasto total realizado por galegas e galegos nas súas viaxes supeou o seu máximo histórico
Ao igual de no número total de viaxes, a cifra total de pernoctacións realizadas por galegos e galegas nas súas viaxes recuperou practicamente o seu nivel pre-pandemia, con case 32 millóns de noites, preto do seu máximo histórico.
En 2022 a duración media das viaxes de galegos e galegas (3,63) medrou lixeiramente en relación ao 2021 (3,41) e situouse por riba dos datos anteriores á pandemia. A cifra máis alta corresponde neste caso ao propio ano 2020 (4,33 días de media), o que amosa que nese anos se levaron a cabo menos viaxes, pero de maior duración media.
Os datos que ata agora se coñecen do ano 2023, á espera dun verán que se prevé que baterá todos os récords históricos de viaxes e viaxeiros, amosan xa este incremento nas cifras. No primeiro trimestre o número de viaxes medrou un 2,5% con respecto ao mesmo período do ano anterior e tamén o fixo o gasto total (+3,8%).
Os datos que ata agora se coñecen do ano 2023, á espera dun verán que se prevé que baterá todos os récords históricos de viaxes e viaxeiros, amosan xa este incremento nas cifras
O INE amosa tamén datos sobre o número de excursións realizadas o pasado ano por galegos e galegas, é dicir, viaxes fora da contorna e das rutinas habituais que non incluíron pernoctacións. Neste caso, as cifras do ano 2022 están lonxe dos máximos históricos, con 15 millóns de excursións fronte ás 18 millóns que houbo nos anos 2017, 2018 e 2019.
Iso si, o dato supera amplamente o indicador de 2021, algo menos de 13 millóns. De igual xeito, o gasto medio por persoa e excursión (39 euros) si supera o anterior máximo da serie histórica, fixado nos 35,7 euros no ano 2019.
2022, maximo histórico de visitantes
O 2022 foi tamén un ano récord dende o punto de vista de Galicia como país receptor de turismo. Chegaron un total de 4,7 millóns de viaxeiros, por riba dos 4,5 millóns de 2017 e 2019
O 2022 foi tamén un ano récord dende o punto de vista de Galicia como país receptor de turismo. Chegaron un total de 4,7 millóns de viaxeiros, por riba dos 4,5 millóns de 2017 e 2019. Este máximo histórico debeuse sobre todo ao importante incremento rexistrado polo turismo procedente do interior do Estado español, cos 3,4 millóns de visitantes, récord da serie histórica. O número de turistas procedente do estranxeiro, 1,3 millóns de persoas, estivo tamén preto de superar o anterior máximo, correspondente ao ano 2017.
O pasado ano supuxo un completo regreso á normalidade no sector turístico en Galicia, despois dun ano 2020 (1,7 millóns de visitantes) e 2021 (3,2 millóns) nos que as cifras descenderon de forma importante, especialmente no que atinxe ao turismo procedente do estranxeiro
O pasado ano supuxo, polo tanto, un completo regreso á normalidade no sector turístico en Galicia, despois dun ano 2020 (1,7 millóns de visitantes) e 2021 (3,2 millóns) nos que as cifras descenderon de forma importante, especialmente no que atinxe ao turismo procedente do estranxeiro. Iso si, o sector resistiu a pandemia con mellores cifras que o resto do Estado, especialmente no verán de 2020, que foi de récord na Costa da Morte ou na Mariña.
O ano 2022, especialmente o verán, rexistrou cifran igualmente históricas no Camiño de Santiago e tamén na zona litoral.
A cifra total de pernoctacións en Galicia (9,1 millóns) tamén superou no 2022 o seu récord histórico, de novo asentado no incremento do número de noites pasadas polos viaxeiros e viaxeiras do resto do Estado, 6,9 millóns, máximo da serie.