O número de pisos turísticos rexistrados legalmente en Galicia duplica os que existían xusto antes da pandemia de COVID
O número de vivendas de uso turístico -os chamados pisos turísticos- segue a aumentar en Galicia. E, de feito, neste ano 2023 está a facelo con moita máis rapidez que nos anos precedentes, segundo os datos oficiais do rexistro de aloxamentos regulados da Xunta de Galicia. As cifras actualizadas o 1 de xullo indican que no país funcionan legalmente case vinte mil establecementos deste tipo (19.663), un incremento do 15% dende xaneiro, cando nos últimos anos a taxa de incremento no conxunto do ano roldaba o 20%.
Este incremento, ademais, é maior nas grandes cidades, especialmente na Coruña (máis do 33% en seis meses) e Vigo (23%). As dúas hai tempo que superaron a Compostela como as urbes cun maior número de pisos turísticos en Galicia, xa que Santiago mantén estabilizada a súa cifra de vivendas de uso turístico dende hai case tres anos. Por diante delas mantense Sanxenxo, o concello cun maior número destes establecementos.
O aumento do número de pisos turísticos acelerouse este ano, cun incremento do 15% en só seis meses
Na actualidade o número de pisos turísticos rexistrados legalmente en Galicia duplica os que existían xusto antes da pandemia de COVID, en xaneiro de 2020. En total, estes establecementos suman máis de 100 mil prazas dispoñibles, unha cantidade que hai xa tempo que superou ao número conxunto de prazas que ofrecen hoteis (ao redor de 57 mil) e pensións (24 mil).
Entre as urbes galegas, Vigo é a que acumula un maior número de vivendas de uso turístico (1.202), por diante da Coruña (953) e Santiago (784)
Entre as urbes galegas, Vigo é a que acumula un maior número de vivendas de uso turístico (1.202), por diante da Coruña (953) e Santiago (784).
Por detrás, aínda que con cifras menores, tamén Pontevedra (409), Ourense (334), Lugo (235) e Ferrol (154) están a incrementar rapidamente os seus indicadores, con aumentos que roldan o vinte por cento dende xaneiro en Lugo, Ourense ou Ferrol, preto do ritmo de aumento da cidade de Vigo. Tamén en Pontevedra a porcentaxe de aumento nos últimos seis meses (+16%) supera a media galega. A excepción é Compostela (+6%), onde semella que as medidas adoptadas nos últimos anos teñen contribuído a frear este ascenso.
Tanto na Coruña coma en Vigo cada vez son máis as voces que reclaman unha regulación semellante para defender o dereito á vivenda da poboación habitual, evitando a carencia dun parque de suficiente de inmobles en alugueiro, os incrementos de prezo e as molestias causadas polos visitantes.
Sanxenxo segue a ser a localidade cun maior número destes establecementos, cun total de 2.630
Non é unha cuestión exclusiva das cidades, en todo caso, aínda que os prexuízos que provoca pola redución do parque de vivendas de alugueiro se deixan notar máis nas zonas urbanas. En calquera caso, as vivendas de uso turístico concéntranse ao longo de todo o litoral, especialmente nas zonas que reciben máis visitantes no verán.
Sanxenxo segue a ser -con moita diferenza- a localidade cun maior número destes establecementos, cun total de 2.630. Na lista, despois de Vigo, A Coruña e Compostela, atopamos outros concellos litorais cunha importante actividade turística, tanto das Rías Baixas coma da Mariña, como O Grove (611), Cangas (583), Foz (524), Barreiros (430) e Poio (400).
No que levamos de ano, ademais do rápido incremento destes establecementos na cidade da Coruña (+34%), Vigo (+23%) e Lugo (+22%), destaca o aumento en Viveiro (+22%), Nigrán (+21%), Cambados (+18%) e Barreiros (+17%)
Entre as localides con máis pisos turísticos aparecen igualmente concellos como Fisterra, Bueu, Baiona, Carnota, Viveiro, Ribeira, Nigrán, Ribadeo, Boiro, Porto do Son, A Illa de Arousa, Cambados, Muros, Camariñas ou Vilanova de Arousa, todos por riba das 180 vivendas de uso turístico rexistradas legalmente.
O mapa amosa tamén unha importante concentración en localidades do Camiño Francés como Sarria (o punto de partida máis habitual da ruta), Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa ou O Pino. E, igualmente, un número crecente na comarca de Lemos e nas localidades próximas á Ribeira Sacra, como Monforte, Pantón, Sober, Nogueira de Ramuín ou Castro Caldelas.
No que levamos de ano, ademais do rápido incremento destes establecementos na cidade da Coruña (+34%), Vigo (+23%) e Lugo (+22%), destaca o mesmo fenómeno en Viveiro (+22%), Nigrán (+21%), Cambados (+18%) e Barreiros (+17%). 287 dos 313 concellos galegos contan con algunha vivenda de uso turístico rexistrada legalmente.