Carnota é o concello con máis concentración de pisos turísticos, que nas cidades se condensan nos cascos históricos

Nos últimos catro anos triplicouse o número de pisos turísticos en Galicia CC-BY-SA Foto: pxfuel | Montaxe: Praza.gal

Nos últimos catro anos triplicouse o número de pisos turísticos en Galicia, ata chegar aos máis de 15.000 rexistrados legalmente neste 2022, aos que habería que sumar un número indeterminado de vivendas alugadas ilegalmente. Este crecemento tivo consecuencias no mercado de alugueiro, reducindo notablemente o número de vivendas dispoñibles para un arrendamento de longa duración e, polo tanto, contribuíndo a incrementar o prezo das restantes. O prezo dos alugueiros medrou un 30% dende o ano 2015

Nos últimos catro anos triplicouse o número de pisos turísticos en Galicia, ata chegar aos máis de 15.000 rexistrados legalmente neste 2022

Segundo a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN), o circuíto de comercialización de vivendas para o seu alugueiro limítase a 3.900 inmobles en toda Galicia. E, de feito, catro das sete cidades galegas contan xa con máis pisos turísticos que vivendas de alugueiro, segundo os datos que manexa FEGEIN.

Con todo, a distribución xeográfica destas vivendas de uso turístico é moi desigual. Sanxenxo (2.180 vivendas de uso turístico) é o concello cun maior número. Vigo (709) converteuse nos últimos meses no segundo concello con máis pisos turísticos, superando a Compostela (691), que ata agora sempre fora a segunda localidade. Aparecen despois A Coruña (589) e posteriormente varios destinos turísticos de importancia, como O Grove, Cangas, Foz, Barreiros, Poio e Barreiros.

En Carnota o 9% dos inmobles existentes no termo municipal están rexistradas legalmente como vivendas de uso turístico. Sanxenxo achégase ao 8% (7,84%) e tamén Fisterra, O Grove, Corcubión, O Vicedo e Muxía superan o 5%

Porén, máis aló da cifra total, resulta interesante fixarse na proporción que estas vivendas turísticas representan sobre o número total de inmobles existentes nun determinado concello ou, dentro del, nunha parroquia ou barrio. O Instituto Nacional de Estatística publicou a pasada semana datos detallados a este respecto, que veñen debuxar unha foto fixa da concentración dos pisos turísticos en todo o Estado. 

Aínda que Galicia está lonxe dos niveis acadados en determinados destinos vacacionais do Mediterráneo ou dos barrios céntricos das grandes cidades, hai algún concellos que presentan unha concentración moi elevada destes tipo de vivendas. En Carnota, por exemplo, o 9% dos inmobles existentes no termo municipal están rexistradas legalmente como vivendas de uso turístico. Sanxenxo achégase ao 8% (7,84%) e tamén Fisterra, O Grove, Corcubión, O Vicedo e Muxía superan o 5%. Todos eles, ademais, sitúanse moi por riba dos datos que se rexistraban hai dous anos, xusto antes da pandemia de COVID.

Barreiros, Dumbría, Negueira de Muñiz, Mondariz-Balneario e A Illa de Arousa superan o 4% e Meis, Laxe, Mañón e Poio achéganse a esa porcentaxe. Todos eles, por suposto, sitúanse moi por riba da media galega (0,99%). Por provincias, Pontevedra aparece destacada (1,4%), por diante de Lugo (1%) e A Coruña (0,94%). Ourense é a provincia con menos apartamentos turísticos por inmoble (0,32%).

Unha das seccións censuais de Ribadeo aparece como o lugar de Galicia con máis vivendas de uso turístico en relación co total de inmobles existentes chegando ao 16,7%

Os datos do INE van máis ao fondo e ofrecen información sobre a concentración de pisos turísticos en cada sección censual (delimitacións que equivalen, máis ou menos, a unha agrupación de parroquias nos concellos rurais, e aos barrios ou partes de barrios nas cidades). Neste caso, unha das seccións censuais de Ribadeo aparece como o lugar de Galicia con máis vivendas de uso turístico en relación co total de inmobles existentes chegando ao 16,7%. Seccións de Boiro, Sanxenxo, Carnota, O Grove, Muxía, A Lama e O Vicedo superan tamén o 10%

Tan só Compostela presenta datos superiores á media galega (1,12%). Iso si, a capital galega é a única urbe que conseguiu reducir nos últimos dous anos o número de pisos turísticos

En Galicia son os concellos costeiros que funcionan como destinos estivais as zonas cunha maior concentración de pisos turísticos. De feito, tan só Compostela presenta datos superiores á media galega (1,12%). Iso si, a capital galega é a única urbe que conseguiu reducir nos últimos dous anos o número de pisos turísticos, fronte ao incremento sostido que se segue producindo no resto de cidades. Cómpre lembrar que Santiago aprobou dende o ano 2017 medidas para limitar a expansión destes establecementos.

En calquera caso, Santiago presenta algunha zona no seu casco histórico na que a porcentaxe de vivendas de uso turístico rexistradas legalmente chegan ao 6,7% e varias que roldan o 5%.

O Casco Histórico compostelán, a Mariña e a Cidade Vella na Coruña e Samil e o Porto en Vigo, concentran os pisos turísticos nas tres cidades 

Na Coruña, é a Mariña, a contorna da Praza de María Pita, a Cidade Vella a zona que concentra máis vivendas de uso turístico. Con todo, tamén as proximidades da praia de Riazor ou as rúas próximas á Torre de Hércules presentan porcentaxes elevadas.

En canto a Vigo, é a zona de Samil a que ten máis pisos turísticos sobre o total de vivendas, xunto cos barrios máis próximos ao porto, dende a Cidade Vella ata o Areal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.