Compostela amplía a moratoria aos novos pisos turísticos, que seguen multiplicándose en toda Galicia

A cama da campaña contra os pisos turísticos ilegais, na Praza do Obradoiro © Concello de Santiago

"Non podemos permitir que un fenómeno conxuntural arrase co modelo de cidade", sinala Sánchez Bugallo

O Concello de Santiago proporá esta semana unha ampliación da moratoria na concesión de autorizacións para pisos de uso turístico. Na actualidade a medida xa funciona en toda a Zona Vella (foi aprobada polo anterior goberno municipal) e o obxectivo é estendela ao resto da cidade. 

A iniciativa, que será votada no pleno deste xoves, e á que o grupo de Compostela Aberta xa anunciou o seu apoio, é unha medida cautelar mentres se tramita unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para regular esta materia, sinalou o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, que alertou de que "non podemos permitir que un fenómeno conxuntural arrase co modelo de cidade". O rexedor dixo que "o problema non son os 641 establecementos"  rexistrados de xeito legal, "senón un número moi superior que funciona de forma irregular", ademais do "incremento exponencial das demandas de autorizacións para pisos turísticos".

Esta modificación do PXOM busca unha blindaxe "sólida dende o punto de vista legal" dunha regulación que impida os fenómenos de saturación e de expulsión de residentes e de usos comerciais tradicionais. O obxectivo é que "nas áreas residenciais se manteña o uso residencial permanente", fixando "un número máximo de autorizacións, a nivel xeral e por zonas", e mesmo "topes de utilización dunha residencia como vivenda de uso turístico". Medidas que van na liña das recomendacións expresadas recentemente polo Eixo Atlántico nun informe sobre os apartamentos turísticos.

A asociación que agrupa os propietarios está a facer presión para que as administracións eliminen as trabas á expansión deste tipo de establecementos

Sánchez Bugallo anunciou a proposta de moratoria coincidindo coa xuntanza que mantivo coa Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga), unha entidade que representa aos propietarios dos pisos turísticos e que está a facer presión para que as administracións eliminen as trabas á expansión deste tipo de establecementos. Aviturga sostivo publicamente que as limitacións aos pisos turísticos "prexudican a Compostela", sobre todo ás portas dun Xacobeo que traerá á cidade a centos de miles de persoas, que poden optar por pernoctar en vivendas de uso turístico "dos concellos limítrofes".

En Compostela existen 641 pisos turísticos rexistrados de forma legal pola Xunta de Galicia, pero calcúlase que poden estar operando outros mil de forma ilegal. Xa o pasado ano o Goberno municipal realizou un estudo que subliñaba a existencia de máis dun milleiro de apartamentos turísticos, catro veces máis do rexistrado pola Xunta. Uns pisos turísticos ilegais que movían cada ano 8,5 millóns de euros non fiscalizados.

Hai case dez mil pisos turísticos legais en Galicia, aos que hai que sumar unha importante cifra de aloxamentos non rexistrados

A realidade é que o número de pisos turísticos non deixa de aumentar en Galicia. Hai menos de dous anos, na primeira estimación oficial realizada pola Xunta en febreiro de 2018, había 4.630. Hai un ano, en xaneiro de 2019, a cifra elevárase un 62%, ata os 7.494. Hoxe o seu número achégase xa aos dez mil (9.736), cun novo aumento do 30%. En total, os pisos turísticos rexistrados de forma legal suman unhas 50.000 prazas de aloxamento, ás que hai que engadir o mantemento de enormes bolsas de vivendas de uso turístico ilegais e non fiscalizadas.

Sanxenxo (1.716) é a localidade cun maior número de vivendas de uso turístico. A continuación aparecen Compostela (641), Vigo (373) e A Coruña (361)

Aínda que os pisos turísticos están a expandirse por toda Galicia, os concellos do litoral e as sete cidades seguen a ser as zonas de maior concentración destes establecementos. Sanxenxo (1.716) é a localidade cun maior número de vivendas de uso turístico, sumando 8.622 prazas.

A continuación aparecen Compostela (641), Vigo (373) e A Coruña (361). E a seguir sitúanse unha serie de vilas costeiras de importante actividade turística, principalmente no verán: O Grove (310), Foz (281), Barreiros (280), Cangas (269), Poio (229), Carnota (207), Fisterra (206), Bueu (174) e Baiona (159). Ourense (150) e Pontevedra (145) son as seguintes cidades na lista

Ourense (+85%) e Vigo (+59%) foron os lugares nos que máis se incrementou o número de pisos turísticos durante o último ano

Durante o último ano todos os concellos incrementaron de forma importante o seu número de pisos turísticos rexistrados de forma legal. Porén, nalgunhas localidades o aumento foi moito máis destacado. Foi o caso da cidade de Ourense, onde creceron un 85%, ou de Vigo, cun ascenso do 59%. O aumento foi grande especialmente nas cidades, con Pontevedra e A Coruña por riba do 40% e Lugo cun incremento do 57%, unido á escalada que se segue a producir en Compostela (+32%).

Con todo, tamén vilas como Baiona (+51%), Boiro (+44%), Ribadeo (+44%), Muros (+37%), Vilagarcía (+37%) ou Fisterra (+35%) rexistraron un ascenso por riba da media galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.