Cooperativas de vivenda: construír un lugar no que vivir, non só un edificio

Exterior do edificio das Lavandeiras, o proxecto de Outra Forma de Vivenda na Coruña © Outra Forma de Vivenda

Falamos con Roi Zas da coruñesa Outra Forma de Vivenda, e con Carmela Cons da compostelá Alvariza, sobre os seus modelos de vivenda colaborativa en cesión de uso, nos que un grupo de persoas se xuntan para formar unha comunidade e tomar decisións sobre o espazo que finalmente habitarán. Despois de anos de traballo ambas as dúas cooperativas están preto de comezar a edificar

No actual contexto de crise da vivenda, con dificultades crecentes para o acceso a un inmoble, ben a través da súa compra, ben a través do seu alugueiro, hai tempo que vén medrando, de forma paseniña, unha forma diferente de habitar: as cooperativas de vivenda colaborativa, en cesión de uso. Trátase dun modelo no que un grupo de persoas se xuntan para formar unha comunidade e deseñar dende cero un proxecto de construción no que prima o valor de uso da vivenda e non a súa propiedade, xa que os inmobles son propiedade colectiva da cooperativa e non individualmente das persoas que os habitan.

Este modelo, máis asentado noutros países, como Dinamarca ou Uruguai, comezou a desenvolverse hai uns anos en Cataluña, onde son numerosas as cooperativas constituídas, e tamén en Madrid ou Euskadi. En Galicia está dando aínda os seus primeiros pasos e, como todo proxecto pioneiro, atopa no seu percorrido numerosos obstáculos que debe ir superando, abrindo camiño en certa maneira para os que virán despois.

Falamos con representantes de dúas destas cooperativas, a coruñesa Outra Forma de Vivenda e a compostelá Alvariza, que despois de varios anos de traballo están a piques de iniciar a construción física dos seus inmobles. Alvariza, con seis anos de percorrido ás súas costas, adquiriu xa uns terreos en Villestro para iniciar os traballos nun prazo máximo de dous anos. Outra Forma de Vivenda leva case unha década de percorrido e conta tamén con terreos no barrio de Xuxán a través dunha licitación do propio Concello da Coruña e cun proxecto construtivo (As Lavandeiras) realizado por Hábitat Social, gañadora do concurso municipal.

Intervención de Alvariza na sesión organizada polo COAG na Coruña na que tamén interveu Outra Forma de Vivenda © Alvariza

O seu modelo sitúase entre o alugueiro e a compra. A cooperativa é a propietaria do edificio, o que impide a especulación: as vivendas non se poden vender nin converter en patrimonio individual, recuperando a vivenda como ben común e favorecendo a creación de comunidades cohesionadas

O seu modelo sitúase entre o alugueiro e a compra, pero funciona cunha lóxica totalmente distinta: as persoas socias realizan unha achega inicial máis accesible economicamente que a entrada dunha hipoteca e aboan despois unha cota mensual estable, fixada a prezo de custo e non sometida ás subas do mercado. A cooperativa é a propietaria do edificio, o que impide a especulación: as vivendas non se poden vender nin converter en patrimonio individual. As persoas socias teñen un dereito de uso que lles garante estabilidade ao longo da súa vida, e participan nas decisións sobre a xestión, mantemento e futuro do proxecto.

Este modelo permite protexer os fogares fronte ás dinámicas especulativas do mercado, reducir custos a medio e longo prazo e recuperar a vivenda como ben común, favorecendo a creación de comunidades cohesionadas e, polo tanto, a cohesión social. 

Ambos os dous proxectos comparten a filosofía de partida, o carácter interxeracional dos seus integrantes (hai outros proxectos de cohousing dirixidos unicamente a persoas da terceira idade) e a énfase na creación de amplos espazos comúns (patios, terrazas comunitarias, xardíns, horto, servizos colectivos...) onde facer real a vida en comunidade e recuperar esa veciñanza integrada que antes era o habitual en barrios e rúas. 

As Lavandeiras, outro xeito de habitar na Coruña

Outra Forma de Vivenda xa conta cos terreos para construír As Lavandeiras no barrio de Xuxán, un edificio de sete andares e entre 35 e 40 vivendas de diferentes tipoloxías con numerosos e amplos espazos comúns

A pasada semana Outra Forma de Vivenda anunciou o inicio dunha campaña de captación de novas socias para o proxecto As Lavandeiras, que busca completar "un grupo diverso e interxeracional que comparta os valores de comunidade, autoxestión e sostibilidade social, ambiental e económica" e que participarán na súa construción e o habitarán. Para participar cómpre estar empadroado na Coruña, non ter ingresos superiores a 7,5 veces o IPREM (un 54.000 euros) e non ter outra vivenda en propiedade, unha condición que busca frear o uso especulativo.

O edificio, deseñado pola cooperativa Hábitat Social tras gañar o concurso municipal, erguerase en Xuxán e contará con sete andares e entre 35 e 40 vivendas de diferentes tipoloxías. O deseño inclúe un gran patio interior concibido como "pulmón verde" e espazo relacional, corredores perimetrais que serven tamén como zona de encontro, e diversos espazos comúns que complementarán a vida doméstica: áreas de reunión, zonas de coidados, espazos de traballo compartido e actividades de lecer. Na cuberta do edificio haberá unha terraza comunitaria cuns bancais para poder plantar.

Roi Zas, un dos socios da cooperativa, destaca en conversa con Praza.gal a filosofía do proxecto: "para nós a vivenda é un dereito, non é un negocio. Somos unha cooperativa sen ánimo de lucro e o noso obxectivo final é construír entre todas as vivendas que imos habitar". "É un xeito de habitar totalmente distinto a este modelo individualista no que estamos agora mesmo", engade Roi, que apunta que "apostamos por unha solución colectiva e autoxestionada fronte á emerxencia habitacional, promovemos un modelo baseado no valor do uso da vivenda como alternativa ao valor patrimonial da propiedade privada".

Xuntanza de Outra Forma de Vivenda © Outra Forma de Vivenda

"É un xeito de habitar totalmente distinto a este modelo individualista no que estamos agora mesmo", destaca Roi Zas. "Promovemos un modelo baseado no valor do uso da vivenda como alternativa ao valor patrimonial da propiedade privada", di

O proxecto de Outra Forma de Vivenda é interxeracional e agrupa persoas moi diversas, "dende xente máis maior a outra como a miña moza ou coma min, que temos trinta e poucos anos", explica Roi, que lembra tamén a énfase que dende o inicio do proxecto se puxo na sostibilidade ambiental e económica e na "accesibilidade", como xa destacaba Praza.gal nesta entrevista publicada en 2015.

Como toda cooperativa de vivenda colaborativa, a participación implica un traballo e un compromiso. Os socios e socias veñen participando no impulso da entidade a nivel comunicativo e de xestión e no deseño do propio proxecto construtivo: "fixemos distintos obradoiros participativos onde puidemos deseñar de forma colaborativa xunto co equipo técnico de arquitectos que nos asesora como queremos que sexan as nosas vivendas e os espazos comunitarios", explica Roi.

Coma noutros casos, non foi un camiño doado. "Os obstáculos foron moitos. As negociacións iniciais co Concello comezaron en 2015 ou 2016 e levou anos conseguir a licitación do dereito de superficie que permite que agora teñamos xa un terreo", comenta Roi. "Ademais, cando plantexas un edificio de vivenda colectiva deste tipo, tes que adaptarte aos mesmos requisitos que as vivendas tradicionais, cando realmente a idea é poder ter outro tipo de espazos colectivos", engade. "Son obstáculos que máis ou menos poden ir salvándose, pero todo require sempre dunha negociación, por iso tamén foi un camiño un pouco lento ata chegar ao día de hoxe, no que xa podemos dispor dun terreo", di.

"Os obstáculos foron moitos. As negociacións iniciais co Concello comezaron en 2015 ou 2016 e levou anos conseguir a licitación do dereito de superficie que permite que agora teñamos xa un terreo", sinala

Iso si, agora o proxecto está a percorrer o final do camiño. Ten ata o mediados do mes de novembro para aceptar o dereito de superficie. E están tamén en negociacións coas entidades de crédito para definir as condicións económicas en función do número de socias existentes e das que se se poidan incorporar ata principios de novembro. As 16 unidades de convivencia xa confirmadas medrarán ata 35 e Roi comenta que nestes días están a recibir "unha avalancha" de solicitudes.

Unha vez aceptado o dereito de cesión de superficie, a cooperativa ten un prazo de catro meses ata solicitar a licencia e o proxecto básico de edificación. A partir de aí comeza a contar un prazo que depende do Concello, de entre seis meses e un ano. Unha vez que Outra Forma de Vivenda reciba a licencia, terá dous anos para executar o proxecto.

Interior do edificio das Lavandeiras, o proxecto de Outra Forma de Vivenda na Coruña © Outra Forma de Vivenda

Alvariza, un fogar en Villestro

Ante a imposibilidade de optar por unha cesión de superficie -como si puido facer Outra Forma de Vivenda a través do Concello da Coruña-, a cooperativa acabou por mercar un terreo de 3.380 metros cadrados en Villestro, onde se edificarán as vivendas

O proxecto de Alvariza comparte moitas cousas co das Lavandeiras, pero tamén ten algunhas diferenzas, sobre todo materiais e de procedemento. Ante a imposibilidade de optar por unha cesión de superficie -como si puido facer Outra Forma de Vivenda a través do Concello da Coruña-, a cooperativa acabou por mercar un terreo de 3.380 metros cadrados en Villestro, onde se edificarán as vivendas, aínda pendentes da concesión da licenza de obra por parte do Concello de Santiago. As vivendas de Alvariza construiranse moi preto do colexio de Roxos e a carón do parque infantil do lugar.

Porén, polo demais, o obxectivo é o mesmo. "O que define o noso proxecto é a busca dunha forma de convivencia veciñal próxima, interesada dunhas persoas a outras e con compromiso e interese", explica Carmela Cons. "Cando falo de interese refírome ao onterese por ter unha relación de veciñanza, colaboradora, participativa, o que daría unha relación máis estreita, máis amigable, máis de coñecemento mutuo e de tomar decisións faladas, ese estilo de relación", detalla.

Na actualidade, a cooperativa está formada por 23 persoas de diferentes xeracións e "moi variadas en gustos, perfís e profesións", pero que comparten este obxectivo común de "crear fogares colaborativos alcanzables economicamente e con servizos compartidos que nos faciliten a vida". "É importante que existan persoas que están en etapas vitais diferentes e que teñen puntos de vista diferentes, e que todos poidamos formar unha pequena sociedade", di Carmela.

"É importante que existan persoas que están en etapas vitais diferentes e que teñen puntos de vista diferentes, e que todos poidamos formar unha pequena sociedade", destaca Carmela Cons

Este tipo de cooperativas colaborativas vai de algo máis que de construír unha vivenda. Implican un compromiso e un desexo de comunidade que non existe noutro tipo de cooperativas de vivenda. "As cooperativas de vivenda tradicionais si que, ata hora, son unha forma máis barata de acceso a vivenda que o mercado inmobiliario xenérico. Pero a diferenza é que nestes casos, unha vez construída a vivenda, a cooperativa desfaise e os seus integrantes convértense en propietarios da súa vivenda sen máis. O sentido de comunidade, de veciñanza integrada, pérdese", explica.

"É imprescindible esa motivación de formar unha comunidade na que nos interesamos uns polos outros, na que, ademais, os espazos comúns e servizos son eixo dese tipo de comunidade. E polo tanto, xestiónanse entre todos, páganse entre todos e gózanse entre todos", sinala Carmela. 

"A participación é ademais imprescindible nesta fase na que estamos de deseño e de construción do propio proxecto, do tipo de proxecto que queremos, iso estámolo facendo entre todos. Non hai ninguén alleo a nós, máis que nas cuestións técnicas, que nos diga que é o que queremos, que é o que vai ser a nosa comunidade", destaca. "Iimplica moito traballo. Pero para min é moi positivo poder tomar todas estas decisións e coñecer as razóns que motivan cada decisión que se toma: como van ser as vivendas e os espazos, que materiais se van empregar...", di.

Algunhas das persoas participantes en Alvariza © Alvariza

Carmela Cons relata os múltiples obstáculos que a cooperativa foi atopando no camiño durante estes últimos anos. "Temos esa sensación de ir polo medio dunhas silvas co machete na man, abrindo o sendeiro. Pero tamén temos que recoñecer que se foi andando camiño", di

Carmela Cons relata os múltiples obstáculos que a cooperativa foi atopando no camiño durante estes últimos anos. "Temos esa sensación de ir polo medio dunhas silvas co machete na man, abrindo o sendeiro. Pero tamén temos que recoñecer que se foi andando camiño", di. "Dende hai cinco anos que comezamos nós, case seis, en moitos lugares dicíannos que non o iamos conseguir: en xestorías, en despachos de avogados, en estudios de arquitectura... Había unha desconfianza grande sobre o sentido que podería ten este tipo de proxectos", explica.

"Agora xa non, agora xa todo mundo sabe un pouco máis ou un pouco menos do tema, pero a todo o mundo sóalle. Cando digo todo mundo, digo tanto nas administracións, Xunta e concellos, como a nivel técnico-profesional", salienta.

"As cooperativas de vivenda tradicionais si que, ata hora, son unha forma máis barata de acceso a vivenda que o mercado inmobiliario xenérico. Pero a diferenza é que nestes casos, unha vez construída a vivenda, a cooperativa desfaise e os seus integrantes convértense en propietarios da súa vivenda sen máis", explica

"Coa Xunta reclamamos a necesidade de cambiar a normativa vixente sobre vivenda e sobre as cooperativas de vivenda en particular. E, efectivamente, agora mesmo hai un anteproxecto de lei de cooperativas de Galicia que modifica a que está en vigor, do ano 1995. E neste anteproxecto si que se recolle unha das modalidades de cooperativa, que son vivendas de cesión de uso. Non está en vigor aínda, está en fase de presentar alegacións, pero é un paso adiante importante. A nós, probablemente, os beneficios da lei non está claro que non vaian chegar, pero para a implantación deste modelo si que é un avance importante", afirma.

"A nivel municipal, aquí en Compostela, non conseguimos, a pesar de telo traballado con esta corporación, que aprobasen a posibilidade de ofertar concursos públicos con concesión de superficie, como se fai en Cataluña e noutras comunidades e como se fixo na Coruña. Cremos que a este Goberno municipal lles gustaría que fose adiante, pero non estaban convencidos de que a seguridade xurídica para o Concello estivese garantida. Por esa razón acabamos decidindo comprar un terreo, porque non tiñamos ningunha garantía de cantos anos podía tardar en resolverse a outra vía", explica.

"Para min é un chute de enerxía ver como vai tomando forma o proxecto e como se vai debuxando o sitio no que vas vivir, que pouco a pouco se aproxima a ese soño que ti tes na cabeza. Iso é moi motivador", conclúe Carmela

"E logo están as dificultades a nivel financeiro", remata. "Nós estamos en conversas coa banca ética, con Fiare e con COOP57, porque poñen algunha facilidade á hora de valorar un proxecto coma o noso para dar créditos. Nós buscamos unha hipoteca que non é persoal, senón que está a nome da cooperativa. Non o conseguimos na banca tradicional, que nos mira con malos ollos. En Cataluña, en cambio, o ICO si está facendo unha aposta clara por este tipo de proxectos, pero aquí non existe tal cousa", di.

Alvariza vén de comezar a tramitación no Concello para ter unha licencia de obra, que inclúe a condición de que o 30% da promoción de vivenda sexa de protección autonómica. "Nós aceptamos esa condición sen problema, porque efectivamente pensamos que iso pode facilitar que persoas cunha situación económica menos boa poidan ter acceso, e pensamos tamén que nos pode facilitar que xente máis nova poida incorporarse", explica Carmela.

"No concello din que nun ano debería estar todo listo para todos os permisos. Como sabemos que estas cousas ás veces van lentas, contamos con dous anos e despois a construción. Facemos un cálculo de 5 anos para poder estar entrando a vivir", sinala. "Para min é un chute de enerxía ver como vai tomando forma o proxecto e como se vai debuxando o sitio no que vas vivir, que pouco a pouco se aproxima a ese soño que ti tes na cabeza. Iso é moi motivador", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.