Outra vivenda é posible: sustentable, comunitaria e accesible

Integrantes da cooperativa © Coop Outraformadevivenda

Todo comezou cunha caída dunha persoa de 62 anos que lle provocou unha lesión medular. Dados os limitados recursos existentes para este tipo de poboación, viuse na obriga de mudarse a unha residencia de maiores na Coruña. Esta historia, relativamente frecuente, é o punto de partida dun proxecto de promoción "doutro tipo de vivenda", a través dunha cooperativa (Outra Forma de Vivenda) impulsada por un dos familiares da persoa accidentada. Un grupo de profesionais de diversas áreas (terapia ocupacional, arquitectura, comunicación, traballo social, psicoloxía…) decidiron unirse nese momento para desenvolver un proxecto piloto de vivendas accesibles, sustentables e comunitarias.

O obxectivo é construír na Coruña ao redor de 10 ou 15 vivendas, a xeito de modelo

O obxectivo é construír na Coruña ao redor de 10 ou 15 vivendas, a xeito de modelo. "Queremos que se converta nun proxecto replicable para o futuro, para a poboación en xeral ou para colectivos específicos e aprender así no proceso", sinalan. "Non queremos empezar a casa polo tellado. Preferimos facelo desde abaixo, promovendo un proxecto de cooperativa de vivendas adaptadas ás nosas necesidades e situación persoal. Porque outra forma de vivenda tamén é posible", din.

Este mércores 7 de outubro, ás 19:30 horas, celebrarase no centro cultural Ágora da Coruña a primeira xuntanza informativa aberta ao público. A idea é que a partir desta xuntanza se forme un grupo de xente -futuros residentes- para crear esta cooperativa "na que serán as persoas interesadas as que formen parte activa do proceso de creación e xestión das súas propias vivendas, e participen no seu deseño, axustándoas ás súas necesidades", subliñan.

Serán as persoas interesadas as que formen parte activa do proceso de creación e xestión das súas propias vivendas, e participen no seu deseño, axustándoas ás súas necesidades"

"Esta iniciativa xorde da necesidade doutro estilo de vivir, na que se teña en conta a natureza e os seus recursos, os seres humanos como seres sociais, e tamén o pasado, presente ou futuro de cada persoa" -explica- "de forma que tanto a vivenda, a contorna, e as nosas características persoais e familiares, non sexan nunca unha barreira, senón o punto de partida do desenvolvemento persoal e social, onde o fogar tome o espazo como lugar de confort e benestar que lle corresponde". "Este proxecto pretende dar o protagonismo aos seus habitantes desde antes de selo, aos espazos adaptados ás necesidades dos individuos en calquera situación da súa vida, sen esquecer esa natureza da que somos parte", salientan.

 

Vivendas accesibles, sustentables e comunitarias

Explican que a maioría de residencias destinadas a persoas maiores e persoas con diversidade funcional en Galicia están claramente orientadas "cara a persoas con grandes dependencias con esixencias de coidados elevadas". "A escaseza de prazas en relación á demanda social tamén imposibilita a especificidade dos coidados e a cobertura axeitada para os individuos potencialmente autónomos", engade. Polo tanto, esta accesibilidade, a posibilidade de contar con vivendas e espazos comúns que permitan unha completa autonomía a estas persoas, é un dos piares do proxecto. 

Porén, a urbanización non estaría pensada para un tipo específico de habitante, senón que tería un deseño universal e buscaría atraer tipos moi distintos de usuarios en función de intereses e valores diversos: "Non existirán elementos exclusivos e diferenciadores para persoas con discapacidade, senón que todos os ambientes acollerán a diversidade de todos os individuos".

Destaca a importancia dada aos espazos comúns: lavandería, espazos verdes..., contribuíndo "a facer un consumo máis responsable, colaborativo e a alimentar as relacións sociais"

A súa construción e funcionamento buscaría a sustentabilidade, destacando neste senso a importancia dada aos espazos comúns: lavandería, espazos verdes..., contribuíndo "a facer un consumo máis responsable, colaborativo e a alimentar as relacións sociais, na medida en que cada un prefira". As vivendas deben, a este respecto, "impulsar a convivencia entre individuos e grupos, e posibilitar o apoio e a participación comunitaria". Tamén se buscará que as vivendas teñan preto algún "parque e instalacións públicas accesibles" para que todas as persoas "poidamos facer exercicio ao aire libre, sen importar a nosa situación persoal".

Trátase dunha cooperativa de vivendas en cesión de uso. Isto significa que se crea unha cooperativa que será a propietaria ou xestora das vivendas

O último aspecto que define a este proxecto de habitabilidade é o seu funcionamento horizontal e democrático. Trátase dunha cooperativa de vivendas en cesión de uso. Isto significa que se crea unha cooperativa que será a propietaria ou xestora das vivendas (segundo sexan de cesión, de compra ou de aluguer). As persoas cooperativistas pagan unha achega inicial e unha cota mensual de dereito de uso. Segundo os responsables da iniciativa, "este concepto dálle dinamismo e heteroxeneidade ás vivendas pola posibilidade de entrada e saída de novas unidades de convivencia na cooperativa". Tamén se prevé a posibilidade de reservar algunha vivenda para uso temporal, vacacional ou de intercambio.

"No caso de que sexa necesario contar con financiacións ou movementos de diñeiro, queremos que se faga a través de banca ética"

O proxecto tamén ten en conta os valores éticos en relación coas entidades financeiras e o investimento. Sinalan que "no caso de que sexa necesario contar con finanzamento ou movementos de diñeiro, queremos que se faga a través de banca ética" e citan a Fiare para definila como "ferramenta ao servizo da transformación social a través da finanzamento de proxectos de economía social e solidaria e a promoción da cultura da intermediación financeira, baixo os principios de transparencia, participación, democracia e o crédito como dereito”. 

 

Experiencias semellantes en Euskadi, Cataluña ou Madrid

Os impulsores da cooperativa citan algúns exemplos próximos, xa en marcha

Os impulsores da cooperativa citan algúns exemplos próximos, xa en marcha. Por exemplo, Etxegoki, un proxecto apoiado pola Deputación Foral de Biscaia, que conta con 32 apartamentos situados no barrio de de Txurdinaga (Bilbao). Ou a cooperativa Trabensol, situada nunha pequena localidade preto de Madrid, que "converteu o concepto e o contido dunha residencia de maiores, nun fogar comunitario ao gusto".

A máis interesante é probablemente a de La Borda, en Barcelona, unha iniciativa que quere "harmonizar a necesidade de acceder a unha vivenda de carácter social, económico e ambientalmente sostible, e ao mesmo tempo promover o acceso a un lugar onde vivir sen pasar polos circuítos convencionais do mercado inmobiliario". No antigo espazo industrial de Can Batlló, ao pé de Montjuïc, tras unha intensa presión veciñal e dos movementos sociais, conseguiuse que o Goberno municipal de Barcelona asegurase a cesión dunha parte dos predios para vivenda de protección oficial (VPO) e outros usos comunitarios. É aí onde se desenvolve este proxecto de cooperativa de vivenda en cesión de uso que quere "contemplar novas formas de xestión que vaian máis alá das VPO". O réxime de tenza proposto "elimina os posibles efectos perniciosos da propiedade, salvagarda a cooperativa do mercado inmobiliario e abre a posibilidade de reinventar as formas de convivencia", destacan.

Xuntanza dos e das integrantes da cooperativa © Coop Outraformadevivenda
Logo da cooperativa © Coop Outraformadevivenda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.