Cohousing autoxestionado: a alternativa de apoio mutuo á crise de vivenda gaña peso en Galicia

Xornadas "Vivenda cooperativa desde a Economía Social", impulsadas pola cooperativa Perviure. Habitatge col·lectiu © Coop57

En Galicia, máis dunha de cada catro persoas supera os 65 anos. O ano pasado, foi a comunidade con peor crecemento vexetativo. Anotouse un saldo negativo de 18.057 persoas. En 2037, o 29,8% dos fogares serán unipersoais (datos do INE correspodentes a 2022), cunha porcentaxe indeterminada de soidade non desexada. As principais cidades galegas atópanse tensionadas pola especulación dos alugueiros e a presión dos usos turísticos.

Existe un crecente anhelo de solución á conciliación, ás dependencias da vellez e a consciencia de que se fortalecen cun apoio mútuo máis estábel e interxeracional. Unha realidade factíbel dentro do crecente modelo de vivenda colaborativa ou cohousing autoxestionado en cesión de uso que gaña peso en Galicia

Fronte a iso existe un crecente anhelo de solución á conciliación, ás dependencias da vellez e a consciencia de que se fortalecen cun apoio mútuo máis estábel e interxeracional. Unha realidade factíbel dentro do crecente modelo de vivenda colaborativa ou cohousing autoxestionado en cesión de uso que gaña peso en Galicia.

O ‘Grupo Galego de vivenda colaborativa’, que acaba de ser formado, vén de participar en Santiago de Compostela na primeira xornada estatal impulsada pola cooperativa Perviure, a través da súa incubadora de acompañamento de vivendas colaborativas ‘La Germinadora’

O estilo de vivendas colaborativas nace en Dinamarca nos anos sesenta e gaña importancia en territorios como Cataluña, Madrid, País Vasco ou Andalucía. Tanto é así que o Plan Estatal de Vivenda 2022-25 contempla axudas para este modelo residencial. Parte de grupos que deciden construír ou adquirir unha ou varias vivendas e compartir zonas comúns e a contratación ou desenvolvemento de cantas necesidades consideren. 

O modelo polo que avoga o Grupo Galego de Vivenda Colaborativa é o de o cesión de uso, unha vía para que os particulares accedan a unha vivenda só pagando o dereito de uso durante longos períodos de tempo. O terreo pode ser cedido pola administración ou pode utilizarse terreo privado.

Xornadas "Vivenda cooperativa desde a Economía Social", impulsadas pola cooperativa Perviure. Habitatge col·lectiu © Coop57

O modelo polo que avoga o Grupo Galego de Vivenda Colaborativa é o de o cesión de uso, unha vía para que os particulares accedan a unha vivenda só pagando o dereito de uso durante longos períodos de tempo

O Grupo Galego de Vivenda Colaborativa está integrado, de momento, polos proxectos Outra Forma de Vivenda, Somos Amizar, O Laghar, Alvariza. Colaborativas Compostela, Habitat Social, Cohousing Galicia, Sete Oitavas, Galca, Provivenda e Alicerce Social.

“Este tipo de comunidades fomenta a autonomía”, puntualiza Miguel de la Peña, da cooperativa de cohousing Alvariza Colaborativas Compostela, que actúa nesta ocasión como voceiro do grupo galego. “As persoas xestionan, producen, consumen e contratan os servizos e a atención que van recibir. Elimínase a dicotomía entre parte activa (xestora) e pasiva (residente)”. 

Como explicariades que é o cohousing e a vivenda colaborativa? 

A vivenda colaborativa ven ser unha cooperativa de vivenda na que as persoas que a compoñen fan unha reflexión previa de como queren vivir e que servizos e espazos queren compartir desde a perspectiva do coidado mutuo. Non se trata dunha suma de individualidades coma nas actuais cooperativas nas que na práctica a empresa promotora toma gran parte das decisións e as persoas que forman parte da cooperativa, ocupan o rol dunha veciñanza clásica que non ten por que coñecerse.

Tamén poderíamos definila como unha resposta desde a economía social á carestía da vivenda, á necesidade de coidados na primeira e última etapa da vida e mesmo á soidade non desexada.

Non todo o cohousing é vivenda colaborativa en cesión de uso. O mesmo mercado inmobiliario especulador aproveita o auxe da procura de novas fórmulas habitacionais coma esta para sacar partido e está a crear vivenda con certas semellanzas. En que se diferencian?

"A vivenda colaborativa vén ser unha cooperativa de vivenda na que as persoas que a compoñen fan unha reflexión previa de como queren vivir e que servizos e espazos queren compartir desde a perspectiva do coidado mutuo"

Cohousing é un termo que nos inicios do fenómeno se popularizou no conxunto do estado. Ao non a ter un termo propio e baixo esa denominación, a día de hoxe pódense atopar tanto proxectos nos que existe un grupo de persoas que protagoniza todo o proceso coma proxectos que ben poderiamos cualificar como residenciais comunitarios ofertados por promotoras cunha vocación elitista ou só accesible para rendas altas.

O termo vivenda colaborativa polo momento está máis ligado a economía social e polo tanto non está rexido pola procura de beneficios alleos aos intereses da comunidade, xa que os principios de democracia, inclusión e participación están no seu ADN. 

Cales son as fases dunha vivenda colaborativa?

"É un modelo válido para axudar a facer fronte a esta crise ao eliminar parte do beneficio empresarial e concibila coma un ben de primeira necesidade, non como un investimento, non vai ser obxecto de especulación, mais para iso as administracións teñen que ver a potencialidade do modelo"

Habitualmente arrinca cunha etapa inicial de procura dun soar coa fórmula óptima da cesión de uso. Desde o grupo galego recomendan recorrer a servizos técnicos externos de cooperativas especializadas tanto para traballar as cuestións de cohesión e convivencia como no asesoramento económico e administrativo. Tamén acudir a fontes expertas na xestión de fondos europeos e de subvencións que facilitan o camiño económico e solicitar crédito, despois da avaliación monetaria, á banca ética e a cooperativas de aforro como Fiare ou Coop 57, ambas as dúas con presenza en Galiza.

O urbanismo e a arquitectura, normalmente de equipos técnicos contratados, deben facilitar a creación de espazos compartidos segundo as decisións do colectivo. Desde os concellos pódense realizar estudos de viabilidade co apoio de equipos técnicos externos e apoiar procesos.

Ao falar de cohousing ou de vivenda colaborativa con frecuencia pénsase nunha alternativa habitacional para a etapa adulta do envellecemento. Porén, ten sentido centralo só nunha cuestión sénior cando existe un problema de vivenda inédito?

Este fenómeno dáse sobre todo nas cidades, pero non é exclusivo delas. Nun contexto onde a especulación sobre os alugueiros resulta cada vez máis elevada e os territorios urbanos soportan grande tensión, o modelo de vivenda colaborativa preséntase como alternativa. É un modelo válido para axudar a facer fronte a esta crise ao eliminar parte do beneficio empresarial e concibila coma un ben de primeira necesidade, non como un investimento, non vai ser obxecto de especulación, mais para iso as administracións teñen que ver a potencialidade do modelo.

O modelo de vivenda colaborativa que impulsa o grupo galego parte de cooperativas autoxestionadas de persoas que se unen por vontade propia para iniciar un proxecto de habitaxe conxunta. 

Edificio de vivendas © Concello da Coruña

A cultura de mercado fainos vivir de costas á realidade da nosa dependencia. A vivenda colaborativa parte desta toma de conciencia?

"Cabe destacar a potencialidade deste tipo de comunidades que en colaboración publico-cooperativa pode atender non só a persoas maiores senón tamén a crianzas a través da convivencia de persoas con fillas e fillos a cargo que se poden organizar para axudarse mutuamente na difícil conciliación"

Así é! Os coidados foron durante moito tempo a parte invisible e desvalorizada do mercado xa que ao darse tradicionalmente no entorno do fogar e maioritariamente por mulleres nin se tiñan en conta nin tiñan valor. Eran parte dun contrato matrimonial no que a parte feminina víase comprometida sen posibilidade de elección. Esto mudou grazas ao traballo do movemento feminista que permitiu a entrada da muller no mercado laboral e a visibilización desa responsabilidade imposta e encuberta que eran os coidados.

Dun tempo a esta parte estase dando unha toma de conciencia da necesidade de coidar e ser coidada e aínda que estamos moi lonxe dun reparto igualitario dos tempos adicados a este labor os homes empezan a entender a dimensión do problema e a querer ser parte desa esfera do emocional que implica o feito de coidar, non por obriga ou remuneración senón por vontade.

Neste senso cabe destacar a potencialidade deste tipo de comunidades que en colaboración publico-cooperativa pode atender non só a persoas maiores senón tamén a crianzas a través da convivencia de persoas con fillas e fillos a cargo que se poden organizar para axudarse mutuamente na difícil conciliación e, en comunidades interxeracionais, contando coa experiencia de persoas que xa deixaron atrás esa etapa e poden deste xeito poñer en valor a sua experiencia.

De feito, se pensamos no tema dos coidados en experiencias como a maternidade (a paternidade), podería ser un modelo moi favorecedor para a conciliación.

"Non se trata de substituír outras políticas de vivenda, senón de ser unha política pública máis para facer fronte tanto ao problema da vivenda como á cuestión social do apoio mutuo e dos coidados, das etapas nas que somos máis dependentes, de crianzas e de maiores"

Sen dúbida! Moitas familias pasan por un período de semiillamento nos primeiros anos de crianza que se agrava en moitos casos polo afastamento físico das familias, amizades… En moitos casos obriga o mercado laboral. Paliaríase cunha rede de apoio formada tanto por iguais que poidan organizarse para facer fronte ao coidado das crianzas como por persoas que pola sua idade achegan a sua experiencia compartindo compaña e recoñecemento. E se esta rede estivera localizada nunha cooperativa que comparte servizos e convivencia, mellor.

É curioso que, co que se fala do envellecemento da poboación en Galiza, non se teña en conta o factor conciliación e acceso a vivenda como dous dos elementos centrais.

Na vivenda fraguáronse historicamente moitas das desigualdades e das violencias de xénero. Polo propio feito de ser un espazo que revaloriza os coidados e establece a dinámica de diálogo permanente entre as partes, este modelo ten a potencialidade de traballar a perspectiva de xénero na práctica cotiá.

Os valores da comunidade e o deseño da edificación e vivenda proveñen dun traballo de deseño colaborativo de todo o grupo e isto axuda a que o proxecto atenda as necesidades grupo-persoa, e polo tanto, poida mitigar aspectos ligados ao poder. Na maioría dos proxectos tense en conta a lacra da desigualdade que se manifesta a través da reprodución de condutas inconscientemente aprendidas e que forman parte do noso legado cultural, que aquí se cuestiona na procura dun novo modelo de vida.

Desde o Grupo Galego de Vivenda Colaborativa denunciades que as dificultades administrativas supoñen un gran lastre. No complexo quebracabezas da vivenda colaborativa falla a peza normativa. A Lei de Cooperativas de Galicia (Lei 5/98) avanzou ao admitir a posibilidade de interxeracionalidade, pero inclúe apenas unha mínima referencia á cesión de uso.

"Os poderes públicos poden seguir poñendo en dúbida o sostemento do sistema ou buscar solucións innovadoras que, segundo os principios de bo goberno, pasen pola corresponsabilidade da cidadanía organizada como na colaboración público-cooperativa. O tempo estase a esgotar"

Non se trata de substituír outras políticas de vivenda, senón de ser unha política pública máis para facer fronte tanto ao problema da vivenda como á cuestión social do apoio mutuo e dos coidados, das etapas nas que somos máis dependentes, de crianzas e de maiores. Nós non só queremos axudas, vimos ofrecer solucións. Sabemos que o noso futuro demográfico é moi escuro e que iso vai ter consecuencias serias no financiamento de políticas públicas como sanidade, educación e sistema de pensións. Os poderes públicos poden seguir poñendo en dúbida o sostemento do sistema ou buscar solucións innovadoras que, segundo os principios de bo goberno, pasen pola corresponsabilidade da cidadanía organizada como na colaboración público-cooperativa. O tempo estase a esgotar.

Que opinades de que no Plan Estatal de Vivenda 2022-25 se contemplen axudas para este tipo de vivenda?

É un paso na boa dirección que agardamos sexa seguido por outras administracións máis alá da do estado. É moito o que queremos ofrecer ás administracións e á sociedade en xeral e pedimos cousas tan razoables como que haxa un marco normativo claro que favoreza a consolidación do modelo.

Non pedimos nada sen dar algo a cambio. De feito nos lugares onde o modelo xa está consolidado demostrouse a sua potencialidade como elemento de integración e coidado aos máis vulnerables ademais de colaborar coa contorna na que se asenta tanto ofertando servizos como promovendo comunidades enerxéticas ou fixando poboación en lugares que estaban a perdela.

Como nace o Grupo galego de vivenda Colaborativa e con que obxectivos? 

"Nos lugares onde o modelo xa está consolidado demostrouse a sua potencialidade como elemento de integración e coidado aos máis vulnerables ademais de colaborar coa contorna na que se asenta tanto ofertando servizos como promovendo comunidades enerxéticas ou fixando poboación en lugares que estaban a perdela"

Grazas ao apoio e bo facer de Rubén Méndez, técnico del Grupo Vivienda de Reas, a Rede de Economía Alternativa e Solidaria, que co motivo da tramitación da Orde que regula a vivenda colaborativa como posible recurso de atención a persoas maiores púxose en contacto con grupos promotores e de acompañamento para facer unha achega conxunta. Daquelas xuntanzas saíu unha proposta que fixo que a interxeracionalidade fora incorporada pola Consellería de Política Social e xuventude na orde 10/10 do 2022.

Continuamos reuníndonos coa intención de compartir experiencias e recursos, apoiarnos no labor de abrir camiño para que a Vivenda Colaborativa chegue a ser unha alternativa de vivenda normalizada en Galiza e converternos en interlocutores coa administración no noso ámbito desde a perspectiva do diálogo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.