Os pisos turísticos ilegais en Compostela moven cada ano 8,5 millóns de euros non fiscalizados

Marta Lois e Jorge Duarte © Concello de Santiago

​Santiago de Compostela conta con 717 apartamentos de alugueiro turístico non regrados, aos que hai que sumar outros 246 que si constan nos rexistros da Xunta. En total suman 4.325 prazas de aloxamento (3.118 en pisos non regulados), máis da metade das 8.200 prazas das que dispoñen hoteis, pensións, apartamentos e aloxamentos de turismo rural. En total, o alugueiro de pisos turístico non regrados moveu o pasado ano en Compostela ao redor de 8,5 millóns de euros, que non pagaron impostos. Son as principais conclusións dun estudo sobre o alugueiro turístico en Santiago que este martes presentou o Concello.

O estudo foi presentado polos concelleiros de Turismo e de Espazos Cidadáns, Marta Lois e Jorge Duarte, que subliñaron a importancia económica e social que este fenómeno está adquirindo na cidade e as consecuencias negativas que este ten, como xa adiantaron hai unhas semanas en conversa con Praza Pública. "En primeiro lugar supoñen competencia desleal contra o sector turístico regrado, que sigue as normativas e paga os seus correspondentes impostos", sinalou Marta Lois que tamén lembrou que a súa actividade implica a "redución dos ingresos das administracións públicas vía impostos, en tanto que na maior parte dos casos os propietarios e propietarias das vivendas non declaran a actividade económica que desenvolven".

Ademais, a proliferación dos pisos turísticos provoca o incremento no prezo dos alugueiros dedicados a poboación residente e, como consecuencia, o baleirado demográfico das zonas turísticas. Neste senso, o concelleiro de Espazos Cidadáns -Jorge Duarte- apuntou que "practicamente o 50% da superficie habitable dispoñible na améndoa destínase a superficie turística".

O Goberno local levará a cabo inspeccións e imporá sancións a aqueles propietarios e propietarias que incumpran a normativa

Nos vindeiros meses o Concello de Santiago impulsará unha serie de medidas para limitar o alugueiro turístico na zona histórica. En primeiro lugar, levará a cabo un sistema de control con inspeccións nas vivendas e co establecemento de multas a aqueles propietarios e propietarias que non sigan as normativas correspondentes. "A nosa intención é que este programa de control e imposición de multas se poida facer en colaboración coa Xunta de Galicia, coa que queremos fixar liñas de coordinación", sinalou Duarte. Este mecanismo de control e inspección irá acompañado dunha campaña de concienciación dirixida ás persoas propietarias de vivendas na cidade histórica, xunto con outra campaña orientada aos turistas e visitantes.

 

Crecemento do 150% no último ano

A améndoa, na que xa só viven algo máis de 3.000 persoas, concentra o 19% das prazas nestes apartamentos non regrados. E o 50% da superficie habitacional está destinada dunha maneira ou doutra ao uso turístico

O estudo detalla que Airbnb concentra o 75% dos anuncios e da recadación, moi por diante de Tripadvisor, Wimdu, Niumba ou Homeaway. O prezo medio por persoa e noite foi de 19,75 euros. E o nivel medio de ocupación foi do 44%, practicamente o mesmo que o dos establecementos regrados. Calcúlase que no último ano o seu número incrementouse nun 150% e que, se non ser controlado este fenómeno, podería mesmo multiplicarse por 3 ou por 4 nos vindeiros anos

Tamén subliña que cando menos o 40% dos pisos está controlada por multipropietarios, unha porcentaxe que se pode elevar ata o 95% se ademais contan con outra vivenda distinta das anunciadas. Un 15% está en mans de profesionais do sector. A améndoa de Compostela, na que xa só viven algo máis de 3.000 persoas, concentra o 19% das prazas nestes apartamentos turísticos non regrados. E, como subliñou Duarte en rolda de prensa, o 50% da superficie habitacional está destinada dunha maneira ou doutra ao uso turístico.

 

Localización dos aloxamentos turísticos regrados no centro de Compostela © Concello de Santiago
Vivendas de uso turístico non regradas no centro de Compostela © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.