0 Gardados para despois

Os concellos costeiros concentran a maior parte dos 4.630 pisos turísticos rexistrados en Galicia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Un total de 4.630 vivendas de uso turístico están rexistradas legalmente en Galicia, segundo os datos facilitados pola Axencia Turismo de Galicia, en resposta a unha pregunta parlamentaria formulada polo PSdeG-PSOE. A Xunta ofrece ademais a información detallada por concello, como lle esixían os socialistas, o que permite analizar polo miúdo a importancia que o fenómeno dos apartamentos turísticos ten en cada localidade, atopando neste senso grandes desequilibrios entre unhas zonas e outras.

Case unha cuarta parte do total (1.117, exactamente) sitúanse no Concello de Sanxenxo

De feito, case unha cuarta parte do total (1.117, exactamente) sitúanse no Concello de Sanxenxo. Santiago de Compostela é o segundo lugar con máis pisos turísticos legalmente rexistrados, uns 246. Porén, unha ollada rápida ao mapa amosa que son as localidades do litoral as que acumulan un maior número destes inmobles, suman Barreiros (174), O Grove (169) ou Foz (144) unha cantidade maior que A Coruña (141) ou Vigo (135). Poio (132), Cangas (126), Carnota (98), Bueu (97) ou Fisterra (91) tamén presentan cifras importantes.

O pasado mes de outubro o Goberno galego negárase a facer público o número de vivendas de uso turístico existentes en cada un dos concellos de Galicia, en resposta a outra pregunta dos socialistas. A Xunta, malia recoñecer que dispoñía dos datos completos, limitouse a ofrecer unha estimación xeral para todo o país, situando a cifra total en "máis de 4.500 solicitudes" de apartamentos turísticos que demandaban ser rexistrados ao abeiro do decreto co que o Goberno galego buscaba regular este tipo de inmobles. A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) recorreu este decreto ante os tribunais, a pesar de que o Executivo de Núñez Feijoo modificou algún dos elementos criticados polo ente estatal.

En canto ao número total de prazas dispoñibles nestes apartamentos turísticos, Sanxenxo suma 5.737. A moita distancia aparecen Santiago de Compostela (1.207), O Grove (964), Poio (771), Barreiros (704), A Coruña (677), Cangas (586) e Foz (583). Os datos de Sanxenxo son moi significativos, e máis se os poñemos en relación coa poboación habitual deste concello (17.314) e, sobre todo, en relación ao número de prazas en establecementos hoteleiros (9.245 nun total de 177 hoteis ou pensións). Chaman tamén a atención os datos que Barreiros, ofrece xa máis prazas en apartamentos turísticos que en hoteis ou pensións (294) e o mesmo pasa en Foz (362), ou Cangas (428), e tamén en Bueu ou Carnota.

Barreiros, Foz, Cangas, Bueu ou Carnota ofrecen xa máis prazas en apartamentos turísticos que en hoteis ou pensións

No mapa podemos observar que a cifra de apartamentos turísticos é elevada en todo o litoral galego. Tanto nas Rías Baixas, de Baiona a Ribeira, coma na Costa da Morte e as Rías Centrais, de Muros a Camariñas, coma na Mariña Lucense, destacando os casos de Viveiro e Ribadeo, ademais dos xa comentados. 

O número de pisos turísticos é moito máis reducido en concellos do interior, especialmente na provincia de Ourense, que en conxunto suma só 97, menos que Foz ou Cangas. As excepcións aparecen unicamente nalgunhas localidades do Camiño Francés, como Sarria, Arzúa ou O Pino, ou en concellos como Pantón ou Ribadavia, pero con datos moito máis modestos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Compostela suma xa 519 pisos rexistrados en Airbnb

O fenómeno das vivendas turísticas non é novo en Galicia, pois sempre existiu, sobre todo nas localidades costeiras en tempada estival. Porén, nos últimos tempos está a adquirir unha nova dimensión ao abeiro de plataformas como Airbnb. A proliferación deste tipo de apartamentos nalgúns lugares e sobre todo a súa concentración en determinados barrios está a converterse nun grave problema, provocando un crecemento do prezo da vivenda nos centros das cidades ou a retirada do mercado de alugueiro de numerosos inmobles. Por que alugar permanentemente un piso no barrio barcelonés do Raval ou na zona vella de Santiago cando en dúas ou tres fins de semanas ao mes se pode obter un ingreso equivalente ou maior? 

O número de pisos composteláns que se ofrecen nesta plataforma é moi superior á cifra dos rexistrados legalmente

En Barcelona os apartamentos de Airbnb chegan a supoñer o 5% do total de vivendas no Barrio Gótico e en Madrid roldan o 17% no barrio de Sol (datos de agosto de 2017). A situación en Galicia está lonxe de ser sequera semellante, pero o crecemento de Airbnb está a ser moi rápido. De feito, na actualidade o número de pisos rexistrados nesta plataforma en Santiago de Compostela supera xa o medio milleiro (519). É dicir, unha cifra moi superior á dos apartamentos inscritos legalmente no rexistro que manexa a Xunta. Vigo é a segunda cidade galega con máis rexistros en Airbnb (352), por diante de Sanxenxo, que conta nesta plataforma cun número de pisos sensiblemente inferior á listaxe manexada polo Goberno galego (345). A Coruña (289), Carnota (165) e O Grove (139) aparecen a continuación. 

A disparidade entre as cifras presentes no rexistro legal que este luns fixo público o Goberno galego e as estatísticas de Airbnb amosa que unha parte importante dos apartamentos turísticos non están na base de datos da Axencia, polo que é de supoñer que o número total de pisos turísticos é notablemente superior aos 4.630 comunicados pola Xunta.

A presión turística en Santiago de Compostela (e os seus efectos na cidade e no benestar dos seus habitantes) está a converterse nun dos temas clave na capital galega. Un estudo elaborado polo catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago Luis Caramés, presentado o pasado mes de outubro, avala a viabilidade dunha taxa turística na cidade, coa que xa contan ducias de urbes en toda Europa, máis dun cento só en Italia.

Compostela é a cidade española cunha maior presión turística potencial en función do aloxamento, pois conta con 138 prazas de aloxamento por cada 1000 habitantes

informe Urbantur elaborado por Exceltur (Alianza para a Excelencia formada por 23 das máis relevantes empresas de toda a cadea de valor turística) salienta que Compostela é a cidade española cunha maior presión turística potencial en función do aloxamento, pois conta con 138 prazas de aloxamento por cada 1000 habitantes, por diante de Granada (124) Barcelona (116), Donosti (106), Palma de Mallorca (77) ou Sevilla (76). Como referencia, A Coruña ten 31. Ese mesmo informe subliña que a Santiago chegan cada día máis de nove turistas por cada cen residentes, unha cifra só superada por Granada (11,7), Barcelona (11,1) e Donosti (10,7).