0 Gardados para despois

A Xunta oculta ao Parlamento cantos pisos turísticos operan en Galicia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Dende a pasada primavera a Xunta está inmersa nun tirapuxa coas autoridades estatais da competencia a conta do decreto co que o Goberno galego dixo querer regular as vivendas turísticas, unha actividade xa existente no país dende moito tempo atrás pero que os últimos anos medra ao abeiro de plataformas como Airbnb. Aínda que a Xunta deu en rectificarse a si mesma Competencia seguiu adiante e levou o decreto aos tribunais, onde segue o seu percorrido. Mentres, a norma segue en funcionamento e Turismo de Galicia admite que o volume de pisos rexistrados xa lle permite ter unha "radiografía inicial" da súa implantación no territorio. No entanto, este departamento do Goberno galego decidiu ocultar ao Parlamento os detalles desta información.

Turismo vén de responder unha pregunta parlamentaria na que os deputados do PSdeG Abel Losada e José Manuel Pérez Seco pedían coñecer "o número de vivendas de uso turístico existentes en cada un dos concellos de Galicia". Nesa resposta a axencia pública que dirixe Nava Castro ofrece poucos máis datos dos avanzados en rolda de prensa o pasado setembro por Alberto Núñez Feijóo. Como o presidente, Turismo explica que "nestes primeiros meses" se incorporaron ao rexistro de pisos turísticos "máis de 4.500 solicitudes para comezar a operar". Igual que Feijóo, esta resposta sinala esta cifra como mostra da "boa acollida" do decreto "na sociedade galega", aínda que se trata dunha inscrición obrigatoria e non realizala implica sancións.

Turismo admite que manexa os datos, pero evita revelalos ao Parlamento

Alén desa optimista valoración política, Turismo evita os datos malia admitir que os ten. Os números, bosquexa, permiten "cosntatar" que "este tipo de aloxamentos son un perfil repartido por toda Galicia, especialmente nas provincias da Coruña e Pontevedra", onde "teñen presenza en oito de cada dez concellos". "Territorialmente", continúa o texto, as vivendas turísticas "concéntranse fundamentalmente nos municipios do litoral", entre os que "destaca a Ría de Arousa, Mariña Lucense ou Costa da Morte".

A información bosquexada permite deducir que en Sanxenxo foron rexistradas unhas 900 vivendas turísticas

Malia á concreción da pregunta, o Goberno galego pasa por riba das cifras municipais e apenas achega unhas poucas liñas xerais. Así, revela que "unha de cada cinco" destas vivendas están en Sanxenxo, o que permite deducir que nesta localidade turística foron rexistradas unhas 900 que acumulan "unha de cada catro prazas do total de Galicia". Sempre segundo esta resposta, "tamén é salientable" a "presenza" de vivendas turísticas "nas localidades lucenses de Barreiros ou Foz", aínda que neste caso non ofrece cifra ningunha.

Entre a ausencia de transparencia a respecto dos datos solicitados a Axencia Turismo de Galicia conclúe que os datos que manexa "revelan" que o decreto de vivendas turísticas "está a fortalecer e tamén a incrementar a oferta de aloxamento dispoñible en Galicia, especialmente nas zonas afastadas das grandes cidades" e "responde" de xeito "moi efectivo" á "realidade actual". Faino, conclúe, mentres "agarda a decisión da Xustiza" a respecto do recurso de Competencia. A Xunta, di, "colaborará no que sexa preciso defendendo a validez do decreto".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.