0 Gardados para despois

A Xunta gábase dun novo "récord" numérico de turismo mentres adía o plan para limitalo nas Cíes

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


As grandes cifras seguen a marcar o roteiro da política turística da Xunta, cuxas liñas estratéxicas ata o ano 2020 foron trazadas dende o sector privado por encomenda do propio Goberno galego, que retirou así este labor das competencias do funcionariado da Administración autonómica. Mentres non cesa a controversia pola venda irregular de pasaxes ás Illas Cíes e o risco de masificación do espazos máis turísticos do Parque Nacional das Illas Atlánticas e concellos como o de Santiago reclaman novas regulamentacións e límites, o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, deu este xoves en gabarse de novo de novos crecementos en clave numérica que, augura, apuntan a que 2017 rematará cun novo "récord histórico" no país.

O Consello da Xunta tivo sobre a mesa súa reunión semanal deste xoves un informe cos datos dunha "sondaxe feita dende Turismo de Galicia para avaliar o nivel de ocupación do verán". Algúns dos datos desa enquisa foron expostos polo propio Feijóo e servíronlle para concluír que "podemos dicir que as expectativas que manexabamos" e "apuntaban a un crecemento de entre un 3% e un 5%, cumpríronse e mesmo superáronse". O presidente anticipa a conclusión a partir de cifras "achegadas polo sector" a respecto do mes de xullo, con ocupacións hoteleiras de "entre o 75% e o 90%", e parte de agosto, con entre o 80% e o 95% das prazas hoteleiras ocupadas.

É destes números dos que Feijóo anticipa a conclusión de que "todo apunta a un novo récord histórico", xa que "nos primeiros sete meses do ano o número de turistas que chegaron a Galicia medrou na contorna do 3,2%" e as estancias hoteleiras avanzaron arredor do 5,6%. Ademais, gábase, "volvemos superar o récord no número de turistas internacionais".

Preto do 100% en Santiago e Vigo e máis dun 80% na Coruña

Poucos meses despois de desbotar a proposta de implantación da taxa turística proposta polo Concello os datos "preliminares" da Xunta sobre o turismo do verán poñen un dos seus principais focos en Santiago. Na capital galega, segundo este informe, "as cifras de ocupación situáronse entre o 85% e o 95%" e ademais a afluencia de peregrinos no Camiño non deixou de se incrementar. Ben ao contrario, Feijóo resalta que "segue crecendo" e só entre xullo e agosto a Oficina do Peregrino selou 105.150 Compostelas, un 6% que nos mesmos meses do ano anterior. O Arcebispado santiagués recibiu o peregrino 200.000 do ano o pasado 25 de agosto, unha semana antes que en 2016.

Poucos meses despois de desdeñar a implantación dunha taxa turística na cidade o presidente admite unha ocupación hoteleira case total en Santiago e máis de 100.000 peregrinos entre xullo e agosto

A contorna do 95% tamén a roldaron, segundo a Xunta e á espera dos datos totais de agosto, os hoteis de Vigo e nalgúns momentos do verán, os de Pontevedra. Mentres, na Coruña a ocupación media "foi do 82% e cun crecente peso do turismo internacional". Todo isto acontece, di Feijóo, nun contexto no que se "incrementa a rendibilidade" do turismo porque "o ingreso por cuarto ocupado medoru un 10,2%, ata chegar aos 42 millóns de euros". A xuízo do presidente "este incremento dos ingresos traduciuse nunha mellora no emprego" porque "os últimos datos oficiais" da Seguridade Social reflicten case un 3% de incremento das afiliacións "no sector turístico".

Neste contexto e apenas corenta e oito horas despois de non ser quen de aclarar se o Goberno retomará o plan para regular a afluencia ás Illas Atlánticas, obrigatorio por lei pero conxelado dende 2011, Feijóo ve "evidente" que "se está cumprindo" a Estratexia de Turismo 2020, isto é, a planificación realizada polo denominado clúster de empresas do sector, que a Xunta asumiu como propia. "Dan resposta, ademais, ao compromiso da Administración autonómica por levar a cabo un modelo de turismo responsable", conclúe a Xunta nun comunicado.ominado clúster de empresas do sector e que a Xunta asumiu como propia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo presenta como “boa acollida” a obriga do sector de cumprir o seu decreto de pisos turísticos

D.R.

Un día despois de coñecerse que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) leva á Xunta aos tribunais para que corrixa o seu decreto sobre vivendas turísticas, este xoves o presidente Feijóo ratificouse en que o Goberno galego segue a defender a súa norma e non a cambiará se non o obriga a xustiza. Feijóo salientou que o decreto segue en vigor, que non foi suspendido cautelarmente pola xustiza e que “a inmensa maioría do sector está a asumindo e cumprindo o decreto”. As palabras do presidente deste xoves reiteran unha liña argumental xa avanzada pola Xunta o mércores a través dunha nota de prensa coa que quixo contestar o anuncio de Competencia, a de converter en virtude a obriga que ten o sector de cumprir a norma mentres esta non sexa anulada.

“Presentáronse máis de 4.500 solicitudes de rexistro deste tipo de aloxamento, o que demostra a súa boa acollida”, di a Xunta sobre o que é unha obriga

Na nota do mércores o Goberno galego salientou que desde a posta en marcha do decreto “presentáronse máis de 4.500 solicitudes de rexistro deste tipo de aloxamento, o que demostra a súa boa acollida e funcionamento”. Co decreto en vigor, a non inscrición no rexistro dese tipo de vivendas suporía unha ilegalidade por parte mesmo das empresas ou particulares que xa viñesen operando no sector de acordo coa legalidade anterior. Isto é, inscribirse no rexistro establecido polo novo decreto da Xunta non é unha demostración de “boa acollida” por parte do sector senón unha obriga para poder seguir operando.

Por outra banda, tanto a nota do mércores como as declaracións de Feijóo deste xoves salientan o “consenso” da maioría do sector, en referencia á hostalería tradicional que domina o clúster do turismo ao que a Xunta ten como principal interlocutor. Nesa liña, o presidente reiterou a súa intención de “manter o compromiso coa maioría do sector”.