O pleno de Vigo pide por unanimidade á Xunta o Plan Reitor das Illas Atlánticas, conxelado dende 2011

Vista das Illas Cíes dende Baiona © Turismo de Galicia

A lei que en 2002 declarou as Illas Atlánticas como Parque Nacional esixe que o espazo protexido que ten as Illas Cíes como principal emblema contase cun Plan Reitor de Uso e Xestión dende un ano despois. Nos seis anos en que o parque foi competencia do Goberno de España ese plan non foi aprobado. Cando en 2008 a xestión pasou a mans da Xunta a primeira versión do documento tardou tres anos pero chegou a estar notablemente avanzado, ata estar redactado por completo; pero as discrepancias con entidades como confrarías de pesca ou navieiras enviárono a unha gabeta da que non volveu saír. Tras o escándalo da sobrevenda de pasaxes turísticas ás Cíes a reclamación volve agromar pola banda da oposición parlamentaria, de movementos ecoloxístas e, dende este martes, tamén por parte de todos os grupos do Concello de Vigo.

Aínda que con discrepancias noutros ámbitos -como as responsabilidades do Goberno galego na ausencia de control das navieiras- tanto o gobernante PSdeG como Marea de Vigo e mesmo o PP decidiron votar a prol da moción socialista para pedir a aprobación do plan "de xeito urxente e inmediato". O PRUX, lembra o texto aprobado, é "imprescindible para a xestión e conservación deste espazo natural". Así o lembrou o seu defensor, o edil Carlos López Font, nun contexto no que dende Marea de Vigo o concelleiro Xosé Lois Jácome resaltou que ese plan "debe conter a protección do parque e a súa flora e fauna" e non "a promoción das visitas sen control" que, ao seu xuízo, favorece o Goberno galego.

A proposta aprobada insta o Goberno a aprobar o Plan Reitor "de xeito urxente e inmediato"; o PP votou a prol pero gabouse de ser o "único" partido que "traballou" no documento

O PP, representado polo edil Diego Gago, apoiou a moción a prol dun PRUX que o propio Goberno galego vén admitindo como "fundamental" dende o ano 2009, se ben situou as responsabilidades da súa ausencia en PSdeG e BNG por non moveren, dixo "nin un papel" do proxecto mentres gobernaron na Xunta -o Goberno galego asumiu o parque a mediados de 2008 e Alberto Núñez Feijóo tomou posesión como presidente o 17 de abril de 2009-. O PP, gabouse, foi o "único" que abordou o plan e segue a "traballar nel". "Esperemos que todo o mundo achegue" para aprobalo, reclamou.

Dende o Goberno local dubídase, así e todo, que o gabinete de Feijóo ou a Consellería de Medio Ambiente que dirixe Beatriz Mato sexan quen de sacar adiante o PRUX das Illas Atlánticas. Non en van, reprochou López Font, o propio presidente recoñeceuse "incapaz de chegar a acordos para aprobar o documento". O edil do goberno de Abel Caballero censuraba así as declaracións realizadas apenas vinte e catro horas antes polo titular da Xunta que, no marco dunha visita ao hospital Álvaro Cunqueiro, lamentou que a aprobación do Plan Reitor "non é doado" porque cómpre "poñer de acordo a pescadores, mariñeiros" e mesmo a "distintos departamentos da comunidade autónoma". Pero a Xunta, mantén, vai protexer as Cíes "custe o que custe".

Menos visitantes en Cíes e Ons

Presentación elaborada pola Xunta en 2011 sobre o Plan Reitor das Cíes e os seus límites de visitas

Como informou Praza.gal, tras múltiples redaccións o PRUX das Illas Atlánticas chegou a estar redactado por completo e mesmo foi abordado nun informe polo Consello da Xunta, ademais de ser sometido a exposición pública. Aquel proxecto deixaba claro que "calquera actividade" do parque natural ía estar condicionada ás súas "necesidades de conservación", dende o turismo á pesca ou marisqueo.

O PRUX que ficou conxelado en 2011 supeditaba "calquera actividade" no parque ás súas "necesidades de conservación"

Neste sentido, o PRUX estipulaba "cupos máximos de visitantes" baseados nas "capacidades de carga" de cada illa e, no caso concreto das Cíes, fixábase un máximo diario de 1.800 persoas transportadas polas navieiras -na actualidade son 2.200- e 200 adicionais en grupos con "autorización extraordinaria". Ademais, a capacidade do camping pasaba de 800 persoas a 550 e creábase nun novo límite para o arquipélago das Ons, cun tope de 1.200 persoas transportadas polas navieiras, 200 en grupos autorizados e 300 campistas.

Pleno do Concello de Vigo, este mércores Dominio Público PP Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.