0 Gardados para despois

Masificación nas Cíes: "Hai días nos que a illa parece unha feira"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O que se viña advertindo -de xeito máis ou menos público- volveu saltar ás portadas na ponte de agosto. A masificación das illas Cíes foi denunciada polo Parque Nacional das Illas Atlánticas, que demandou catro navieiras ante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza por sobrepasar o límite diario de pasaxeiros, establecido nos 2.200 ademais dos 800 que pode acoller o cámping. As compañías terían transportado os días 3 e 5 deste mes unhas 4.000 persoas de máis, polo que se lle abriron seis expedientes. Pero a situación é reincidente, repetida durante os últimos anos e en numerosos días deste verán. Traballadores e habituais do arquipélago aseguran que a sobreexplotación é algo común. "O domingo 6, aquilo parecía Samil", conta un visitante. Neste mesmo venres 18, entre as 9.15 e as 13 horas xa atracaran máis de cinco barcos e aínda quedaba por chegar un "a rebentar". "A illa parece unha feira; hai moitos días que é así", ratificaba unha fonte desde a zona. As imaxes da mesma xornada corroboran a percepción. 

Traballadores e habituais das Cíes denuncian que a masificación nas illas e o exceso nos visitantes permitidos é habitual

Ao director do Parque Nacional, José Antonio Fernández Bouzas, esgotóuselle a paciencia e solicitou en varias entrevistas "medidas exemplarizantes", mesmo máis aló das multas, que suporían retirarlles temporalmente ás empresas as licenzas para transportar pasaxeiros ás Cíes. Desde Medio Ambiente advertiuse das sancións, que van de 6.000 a 12.000 euros para as navieiras, pero que poderían aumentarse no caso daquelas que reinciden en non respectar as cotas marcadas. 

Mar de Ons e Nabia foron as empresas expedientadas o día 3 e tamén tan só dous días despois por superar o número de viaxeiros nos seus barcos. O sábado 5, a estes catro expedientes uníronselle dous máis: a Tour Rías Baixas e a Cruceros Rías Baixas. Todas por transportar en total unhas 4.000 persoas de máis como mínimo desde Baiona, Cangas e Vigo. 

O director do Parque Nacional das Illas Atlánticas pide "medidas exemplarizantes"

Nas Cíes, están "tan afeitos como enfadados". "Nótase moito cando hai xente de máis; hai días que é esaxerado porque se supera en milleiros de persoas o número permitido, pero é moi habitual que en calquera día do verán haxa 500 ou 600 persoas de máis na illa", explica un traballador na zona e con anos de experiencia. Fala con turistas, compañeiros e gardas. Todo mudou "desde 2009 ou 2010". "Converteuse nun sitio moi turístico, saíu no The Guardian... E da única empresa navieira que había pasouse a algunhas máis; desde aí todo é bastante molesto", insiste. 

As queixas son comúns: "Con 2.200 persoas pódese estar, pero con 4.000 é unha tolemia; hai ringleiras non só para coller os barcos, senón para todo". Visitantes máis ou menos habituais das Cíes corroboran o "molesto" que nalgúns días é "agardar fila para calquera cousa". Na illa hai tres restaurantes e hai xornadas nas que non dan feito. "E a auga, de pozos propios, é a que é, ao igual que o número de servizos", insisten as mesmas fontes. 

"Hai que agardar fila para calquera cousa, é molesto", din habituais nas Cíes

Desde Parques Nacionais e desde as propias Cíes advírtese de que a problemática da sobreexplotación non é só de impacto medioambiental sobre o ecosistema, senón tamén de recursos dispoñibles e de imaxe cara a dentro e máis cara ao exterior. Pero tamén de seguridade. "Isto é unha illa e se pasa algo hai que desaloxar toda a xente de aquí", contan. 

As Cíes, nun dos días de agosto co aforo superado

Praia nas illas Cíes, o pasado domingo 6 de agosto / CC BY-SA Praza Pública

No que si coinciden todas as fontes é que nos "días fortes" do verán, o exceso da capacidade permitida nas illas é sistemático. "A maioría de veces que os gardas fan o reconto, sobrepásase o número permitido; os avisos e as denuncias saen de aquí cara a fóra, pero hai que preguntarse se chegan a onde teñen que chegar ou se fai todo o que se debe", engaden. Praza.gal púxose en contacto coa Consellería de Medio Ambiente hai xa días para recoller información sobre a forma na que se xestionan as devanditas denuncias pero aínda non recibiu resposta. 

"A maioría de veces que os gardas fan o reconto, sobrepásase o número permitido"

Desde dentro das Cíes, as fontes aclaran que "nos catro días posteriores ao coñecemento dos expedientes, a situación calmouse, pero non tardou en volver a masificación". E como pode ser tan habitual? Apúntase un dos motivos que facilita a chegada de máis visitantes dos permitidos. A presenza habitual dunhas 700 persoas no cámping durante o verán obriga a que as navieiras teñan que reservar 300 billetes para aquelas que abandonan o recinto de acampada. "Son pasaxes flotantes porque é xente que pode marchar ao mediodía ou ás cinco da tarde; procuran envialos pola mañá e logo venden o resto; son billetes flutuantes e sempre se acaban vendendo de máis", explican. 

O ano pasado, abríronse 14 expedientes a navieiras por diferentes motivos e polo menos un deles rematou cunha sanción de 12.000 euros a unha delas por transportar persoas de máis. En 2015, houbo máis expedientes logo de que foran case un milleiro de billetes os que se venderan de máis durante algúns días. Hai tres anos, tamén houbo denuncias. 

A multa do ano pasado foi de 12.000 euros; transportar 600 persoas de máis son máis de 11.000 extras

Pero a cousa non parece mudar. Neste venres 18, desde as Cíes volven chegar queixas da "masificación" e da chegada de embarcacións "repletas". As mesmas que manifestaron visitantes o domingo 6 de agosto, tan só un día despois da venda masiva do sábado pola que foron expedientadas catro navieiras. Reclámase contundencia, e na illa hai quen reflexiona: "Vender tan só 600 billetes de máis a 18,50 euros son máis de 11.000 euros; se a multa máis alta que pagaron as empresas foron 12.000, como non lles vai compensar seguir vendendo de máis?". "A illas non poden pasar de ser un Parque Natural a ser Samil", rematan. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.