0 Gardados para despois

Denunciadas catro navieiras por levar visitantes de máis ás illas Cíes

Redacción | @prazapublica

Os gardas do Parque Nacional das Illas Atlánticas veñen de denunciar ante a Consellería de Medio Ambiente da Xunta catro navieiras por exceso de pasaxeiros na travesía que leva os visitantes ao arquipélago das Cíes. As queixas por superarse o límite de 2.200 persoas ao día imposto para coidar da biodiversidade da zona xurdiran xa hai varios días e a Xunta confirma agora as demandas. 

Os gardas do Parque Nacional das Illas Atlánticas denunciaron ante Medio Ambiente o exceso de visitantes entre o 3 e 5 de agosto

Estas denuncias recaen sobre catro navieiras que levan os pasaxeiros desde Vigo, Cangas e Baiona por viaxar con máis persoas das permitidas ás Cíes. Abríronse ata seis expedientes entre os días 3 e 5 de agosto por superar en ata dous milleiros de visitantes a cota máxima. Aínda así, e segundo variaantes testemuñas, o día 6 foi outro dos días onde a presenza de visitantes foi masiva e onde se terían vendido moitos máis billetes dos permitidos. 

Non é a primeira vez que estas compañías son sancionadas pola Xunta de Galicia, que o pasado ano multou unha firma con 12.000 euros por vender máis billetes dos permitidos pola normativa. Con todo, foron moitas máis as ocasións en anos anteriores nas que se comprobou como varias navieiras transportaran máis xente da permitida. 

Ás 2.200 persoas que teñen permitida a entrada ao días illas Cíes únenselle as 800 que poden estar no cámping e o límite adoita polo menos cumprirse -ou superarse, tal e como se denuncia- no verán, especialmente nas fins de semana. A elevada afluencia provocou que as navieiras dispuxesen de barcos tamén para a illa de Ons. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.