As inscricións no paro baixan a niveis previos á crise coa precariedade como materia pendente

Traballadoras dunha conserveira CC-BY-NC-SA CIG

As inscricións nas oficinas de emprego galegas seguen a tendencia á baixa dos últimos meses e xa se sitúan, agora si, en niveis previos á crise. Os datos de paro rexistrado correspondentes ao pasado mes de xuño sitúan a cifra total de persoas que demandan un posto de traballo por esta vía nos Servizos Públicos de Emprego en 189.665, unha cifra moi semellante á de decembro do ano 2008 (189.903), aínda que daquela as demandas totais de emprego -incluíndo a das persoas que buscan traballo mentres estudan ou seguen cursos asociados ao desemprego, por exemplo- eran menos, 239.951 fronte ás 248.069 actuais.

O paro rexistrado quedou o pasado xuño en algo menos de 187.000 persoas, cifra moi semellante á de finais de 2008

Sexa como for, o certo é que a combinación do descenso de inscricións no paro e o incremento de afiliacións á Seguridade Social -8.573 máis nun mes e 21.949 máis que hai un ano, o que implica crecementos do 0,88% e do 2,29%, respectivamente- permite falar de creación de emprego neto en termos interanuais -a suba das afiliacións supera en 4.284 persoas o descenso do desemprego con relación a hai un ano. No último mes, non obstante, o paro baixou máis do que subiu o emprego no país.

Unha das principais diferenzas do mercado laboral galego a respecto do inicio da crise é a contratación disparada: 10 contratos por cada baixa nas listas do paro

O bo comportamento destas grandes cifras dá lugar a un escenario laboral no que unha das principais diferenzas a respecto daquel ano 2008 está na contratación. Os 103.613 contratos asinados durante o pasado mes de xuño manteñen este indicador en números de récord, cun incremento mensual de case o 20% e superior ao 11% en termos interanuais. Esta circunstancia provoca que a contratación medre a un ritmo case seis veces maior que o emprego e que por cada baixa nas listas do desemprego se asinan 10 contratos. A diferenza entre avance da afiliación e das contratacións é agora moito máis ampla que antes da crise.

A afiliación medra de xeito sostido, pero menos que a contratación

Esta elevada rotación nos postos de traballo que se crean prodúcese nun contexto no que, dos máis de 100.000 contratos asinados, 7.215 foron indefinidos -un 7% máis que o mes anterior e un 8,47% máis que un ano antes- e os restantes 96.398, temporais, o que implica un medre da contratación temporal do 19,22% nun mes e do 10,58% nun ano. Isto sucede nun contexto no que o mercado laboral de Galicia aínda tería un amplo treito por percorrer para que, como o paro, tamén o emprego regresase a niveis de 2008. Non en van, a afiliación á Seguridade Social é aínda un 9,4% inferior: 1,08 millóns de persoas a traballar en xuño de 2008 fronte a 979.877 en xuño de 2017.

Mentres todo isto sucede os servizos públicos de emprego indican que en Galicia había o pasado maio 91.824 persoas a percibiren algún tipo de prestación por desemprego -a estatística de prestacións refírese ao mes anterior ás do paro e emprego-, o que supón unha taxa de cobertura destas achegas do 48% nun panorama xeral no que as prestacións contributivas que se pagan en galicia son algo menos de 36.500. A diminución sostida no tempo de persoas perceptoras de subsidios de desemprego está a cadrar nos últimos anos cun moi notable incremento da poboación receptora da Renda de Inclusión Social (Risga), axuda para a que a Xunta vén tendo que recorrer a sucesivas ampliacións de créditos por quedar sen fondos para atender novas peticións.

Todos estes datos foron aplaudidos con intensidade dende a dirección do PPdeG, cuxo secretariox eral, Miguel Tellado, encadra a baixada do paro nos "froitos" do "traballo do Partido Popular de Galicia nos últimos anos, encamiñado a que os nosos veciños recuperasen o emprego perdido durante a crise". Mentres, asegura, "a oposición quere dar marcha atrás ás reformas que lle están devolvendo a esperanza á xente". Mentres o desemprego aumentou o propio presidente da Xunta mantivo que o Goberno galego non tiña "case ningunha competencia" en materia laboral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.