2018 foi o ano da explosión en Galicia do fenómeno dos pisos turísticos. Varias localidades comezaron a sufrir de forma importante os mesmos problemas de saturación e impago de impostos por parte destes negocios que xa afectaban a destinos turísticos tan importantes como Barcelona, Madrid ou Sevilla. E algúns concellos, como Santiago, puxeron en marcha medidas para impedir a proliferación dos apartamentos turísticos ilegais e evitar a súa concentración en determinados barrios.
A cifra real é seguramente moi superior, se temos en conta que o pasado ano o Concello de Santiago detectara a existencia de mil pisos turísticos, catro veces máis dos rexistrados legalmente
A realidade é que o seu número segue aumentando a un ritmo moi rápido. Se en febreiro de 2018 a Xunta revelaba -grazas a unha pregunta parlamentaria do PSdeG-PSOE- que a Axencia de Turismo de Galicia tiña rexistradas de forma legal 4.630 vivendas de uso turístico, menos dun ano despois a cifra oficial é xa de 7.494, un crecemento do 62%. Increméntanse tamén o número de cuartos dispoñibles nestes establecementos (+36%) e o número de prazas totais (+78%), ata un total de 21.270.
A cifra real é seguramente moi superior, se temos en conta que o pasado ano o Concello de Santiago detectara na cidade a existencia de 1.000 pisos turísticos, case catro veces máis que os que naquel momento tiña rexistrados legalmente a Xunta.
A maior parte destas vivendas de uso turístico concéntranse no litoral, ademais de na cidade de Compostela. Destaca por riba de todo o caso de Sanxenxo, que suma 1.516 pisos turísticos, cun total de 7.647 prazas dispoñibles. Moi lonxe aparece Santiago (487 vivendas, cun crecemento do 98%) e xusto por detrás A Coruña (258, un 82% máis).
Sanxenxo e Compostela encabezan unha lista que segue por A Coruña, Barreiros, O Grove, Foz, Vigo, Cangas e Poio
Vilas costeiras como Barreiros, O Grove, Foz e Cangas superan os 200 apartamentos turísticos rexistrados. E Poio, Carnota, Fisterra, Bueu, Ribeira, Porto do Son e Baiona pasan dos 100. E un gran número de localidades suman 50 ou máis: Viveiro, Vilagarcía de Arousa, Boiro, Nigrán, Camariñas, A Illa de Arousa, Muxía, Ribadeo, Muros, Malpica de Bergantiños, Miño, Laxe, Vilanova de Arousa, Ortigueira, Cedeira, Cee, Marín e Cabana de Bergantiños. Todas crecen moito dende febreiro de 2018 e algunhas como Ribeira, Porto do Son ou Ortigueira máis que duplican os seus datos.
As restantes cidades presentan cifras que en moitas ocasións son inferiores ás de vilas de pequeno tamaño: Vigo (235), Pontevedra (101), Ourense (81), Lugo (63) e Ferrol (32). Con todo, as sete urbes incrementan os seus datos por riba da media galega, destacando os casos de Ourense (+138%), Ferrol (+129%) e Lugo (+125%).
Nos concellos do interior tan só destacan algunhas localidades situadas no Camiño Francés como Arzúa (34 apartamentos turísticos) ou O Pino (22)
Á vista destes números sempre xorde o debate sobre se estas cifras son excesivas ou se un exceso de apartamentos turísticos ten consecuencias negativas nos barrios nos que se asentan, na vitalidade deses barrios ou no incremento do prezo dos alugueiros. Na intensidade deses efectos entran outros factores como o o grao de concentración destes pisos turísticos en zonas concretas.
O número de prazas de aloxamento ofrecidas por estes pisos turísticos legais supera xa ás dos establecementos hoteleiros en Barreiros, Foz, Cangas, Bueu, Camariñas, Porto do Son ou Carnota
Cómpre lembrar, ademais, que estes datos se refiren a vivendas rexistradas legalmente, que cando menos están reguladas e pagan os seus correspondentes impostos. As cifras reais son sen dúbida superiores, pero o crecemento nos datos oficiais poden ser unha mostra que certifique a tendencia crecente deste tipo de negocios.
En todo caso, pódense salientar os casos dalgúns concellos nos que o número de prazas de aloxamento ofrecidas por estes pisos turísticos legais supera xa ás dos establecementos hoteleiros ou se sitúa a un nivel semellante. En Sanxenxo, as prazas en vivendas turísticas (7.647) sitúanse moi preto das que existen en hoteis e pensións (8.950). E Barreiros (1.055), Foz (1.050), Cangas (904), Bueu (670), Camariñas (475), Porto do Son (536) ou Carnota (770) ofrecen xa máis prazas en pisos de uso turístico, en ocasións mesmo triplicando as prazas hoteleiras, como é o caso de Barreiros (300), Foz (362), Bueu (207) ou Porto do Son (177) ou duplicándoas como Cangas (427) ou Camariñas (247). En Carnota multiplícaas por cinco (141).