En Santiago ofértanse unhas 3.000 prazas de aloxamento en arredor dun milleiro de pisos turísticos, moitos máis dos incluídos no rexistro oficial da Xunta. Un recente estudo do Concello da capital galega documentou, concretamente, "717 anuncios de pisos non rexistrados qeu sumaban unha oferta de 3.188 prazas". Trátase dun mercado turístico paralelo alleo ás regulamentacións do sector pero tamén ao pagamento de impostos ao que si están sometidos os establecementos legais e que move, segundo estimacións do goberno local, uns "8,5 millóns de euros sen fiscalizar". Estas magnitudes levaron o consistorio a iniciar un plan de control que xa deu lugar aos primeiros expedientes.
No inicio da campaña de "concienciación sobre o problema dos pisos turísticos ilegais" o Concello santiagués confirma que xa "abriu expedientes a dous apartamentos turísticos da zona histórica" que "funcionan de forma irregular". Ao recibiren esta comunicación oficial ambos apartamentos deberán "cesar a súa actividade". De non o faceren, resalta o Concello, expóñense a multas de entre 300 e 30.000 euros. Segundo o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, "aínda non chegamos á fase de sanción" porque "queremos notificar e instar os propietarios a que regularicen a súa situación ou cesen a súa actividade".
A advertencia sobre estas multas é un dos piares da devandita campaña, que nos últimos días saíu ás rúas a través di diversos materiais como panfletos, cartelaría e difusión a través de internet, pero tamén cunha visible acción na rúa, como é a colocación dunha cama nalgunhas das rúas e prazas máis emblemáticas da cidade. Xunto ao moble, que tras pasar pola Praza do Obradoiro pasará por rúas como Carretas, a Praza de Cervantes ou a Alameda, pódese ler en galego, castelán e inglés que "as camas turísticas ilegais incrementan o prezo da vivenda e expulsan a veciñanza do casco histórico". "Antes de alugares unha vivenda turística, esixe a súa acreditación legal", reclama.
O Concello santiagués estima que os pisos turísticos irregulares moven máis de 8 millóns de euros anuais "sen fiscalizar"
A intención desta acción, desenvolvida conxuntamente cos gobernos municipais de Barcelona e Sevilla por padeceren "unha problemática semellante á compostelá", é que "as persoas propietarias que alugan os pisos a turistas de xeito ilegal sexan conscientes de que están incumprindo a lei e iso ten consecuencias", subliña a edil de Turismo, Marta Lois. Tamén tenta que a propia veciñanza da cidade sexa consciente de que "a proliferación dos pisos turísticos promove a expulsión da veciñanza residente na zona histórica".
As inspeccións e sancións desenvólvense paralelamente á campaña informativa, que pretende concienciar os turistas pero tamén á veciñanza que aluga os apartamentos sen licenza
A coñecida como 'améndoa' da turística zona histórica de Santiago é o que máis sofre este fenómeno, subliña Lois, se ben comeza a espallarse cara a outros barrios da cidade. "Neste espazo vive o 12,6% da poboación do concello, pero aquí concéntrase o 50% das vivendas turísticas e das prazas en aluguer". É por iso que é nesta área na que se concentran os controis, as inspeccións e as posibles multas "a quen non cumpran a normativa". Este programa, resalta o Concello, desenvólvese "en colaboración coa Xunta, que é a quen corresponde a vixilancia desta actividade".