0 Gardados para despois

"En Portugal hai un monocultivo do eucalipto no monte e un monocultivo turístico nos centros históricos"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A cidade xa non é un medio de produción, senón un produto en si mesma. Os centros históricos das cidades -de forma moi importante no sur de Europa, de Lisboa a Atenas pasando por Barcelona- levan ando sufrindo procesos de xentrificación (que segue sen ser un nome de señora) e, máis recentemente, de turistificación ou xentrificación por turismo. Unha forte presión que eleva o prezo dos alugueiros, muda o seu tecido comercial para adaptalo aos seus novos poboadores -permanentes ou de paso- e acaba expulsando os poboadores previos ou impedindo que novos habitantes poidan chegar aos barrios históricos. Esta turistificación e a proliferación de apartamentos para os visitantes acaba por producir consecuencias mesmo máis negativas que a xentrificación tradicional, convertendo rúas e barrios enteiros en parques temáticos ou fermosos decorados para o viaxeiro, mais cada vez con menos poboación.

Nos últimos meses falouse moito da situación que sofre o centro de Barcelona. Porén, Lisboa (con características distintas nalgúns casos) está a vivir un proceso semellante. O arquitecto e investigador lucense Iago Lestegás sabe moito do tema. En xuño defendeu en Italia a súa tese de doutoramento, centrada na análise do proceso de mercantilización do espazo no centro histórico de Lisboa no contexto da crise económica e das políticas de austeridade (Urban commodification in the periphery of the Eurozone: the case of Lisbon's Historic Center). Agora vén de ser galardoado co premio ao Mellor Mozo Investigador na Reunión Anual da Comisión de Xeografía Urbana, un congreso desenvolvido do 6 ao 11 de agosto en Salvador de Baía (Brasil) no que presentou unha comunicación centrada no mesmo asunto titulada Lisbon's historic center: a real estate enclave in the periphery of the Eurozone.

Lestegás vén de regresar a Compostela, despois de completar tres anos de estadías de investigación nos Estados Unidos, Italia e na propia Lisboa. Falamos con el sobre o proceso que se está a dar na capital portuguesa, pero tamén sobre a situación que se forma incipiente se comeza a albiscar na zona vella de Santiago e sobre as medidas que nun e noutro caso se poderían adoptar.

Estase falando moito de Barcelona e da presión provocada polo turismo masivo e o fenómeno airbnb, pero cal é en termos xerais a situación en Lisboa? É igual de grave? Ten as mesmas características? 

En Lisboa o fenómeno da turistificación -ou da xentrificación por turismo- é moi importante porque se deron varios factores que coinciden no espazo e no tempo. Por unha banda a crise iniciada no 2008 e o proceso de austeridade que veu despois (a partir do 2011 cando o Goberno portugués asinou o Memorando de Entendemento coa troika) asfixiaron o mercado interno portugués, reduciron os ingresos e o poder adquisitivo da poboación, ao tempo que se limitaba o crédito para a clase media. En paralelo, produciuse un boom turístico en Lisboa: sobre todo a partir de 2013, a cidade púxose de moda. Todo isto provocou que aumentase a demanda de pisos no centro de Lisboa, tanto de apartamentos turísticos, como de vivenda como investimento, como da propia vivenda para habitar. Pero os promotores, xa que os portugueses non teñen poder adquisitivo, enfocan a súa oferta cara ao mercado estranxeiro.

"Os alugueiros estaban protexidos e os prezos estaban conxelados, pero en 2012 a troika impuxo a desregulación desta cuestión, mesmo sen ter nada que ver coas finanzas públicas"

O problema, polo tanto, non só non foi freado polos distintos gobernos portugueses, senón que as súas medidas mesmo o favoreceron?

Hai un marco legal e fiscal, implementado tanto polo goberno de Sócrates coma polo de Passos Coelho, moi favorable ao investimento, buscando atraer capital á economía portuguesa durante a crise. Isto o que fixo foi alentar o fluxo de capital inmobiliario internacional cara a Lisboa. Ao igual que en España ou Grecia, puxéronse en marcha os Golden Visa, permisos de residencia permanentes a investidores non europeos que merquen unha vivenda por 500 mil euros -350 mil se é unha vivenda para rehabilitar-. Tamén foi importante o réxime fiscal de residentes non habituais, que implica que os traballadores cualificados europeos que fixen a súa residencia habitual en Portugal, pagan só un 20% de impostos sobre o salario, unha tarifa plana. E os xubilados europeos que merquen un piso en Lisboa non pagan nada sobre a súa pensión. E, finalmente, levouse a cabo a liberalización do mercado de alugueiro; os alugueiros estaban protexidos, os prezos estaban conxelados e en 2012 a troika -como condición para conceder o rescate- impuxo a desregulación desta cuestión, mesmo sen ter nada que ver coas finanzas públicas.

"Agora mesmo en Portugal hai un monocultivo forestal do eucalipto no monte e un monocultivo turístico nos centros históricos"

Neste proceso os centros das cidades pasan a converterse nunha mercadoría, nunha materia prima máis que se explota para obter un beneficio?

Nesta comunicación que vén de ser premiada, eu falo de Lisboa como un enclave inmobiliario, comparándoa con estas industrias de enclave, como a United Fruit Company en Centroamérica, países convertidos en monocultivos económicos totalmente orientados ao mercado externo. Agora mesmo en Portugal hai un monocultivo forestal do eucalipto no monte e un monocultivo turístico nos centros históricos. Iso está pasando sobre todo en países como Portugal ou España que non teñen outra materia prima que meter no mercado global, e polo tanto o que fan é vender as súas grandes cidades.

A que zonas de Lisboa está a afectar máis?

Afecta moi especialmente á Alfama, tamén á Bica (freguesia da Misericórdia) e á zona do Miradouro de Santa Catarina e á zona de Graça. E está comezando en Santos, un barrio máis afastado, que non é nin sequera centro histórico oficialmente. Pero a medida que van subindo os alugueres no centro, o proceso vaise desprazando a outros lugares. No Bairro Alto, en cambio, o proceso foi un pouco anterior e é diferente, foi convertido hai tempo nunha zona de copas. Mentres, na Mouraria está comezando; o que pasa é que a Mouraria tiña moi mala reputación e o proceso está tardando un pouco máis, pero o proceso sempre é o mesmo: comeza nunha praza ou nunha rúa que se recuperan, que se pacifican como dirían en Brasil, e despois vaise estendendo. Na Mouraria está pasando na zona do Largo do Intendente; comezaron a abrir bares e tendas moi guais, cun rollo alternativo, como sempre empeza isto, e a partir de aí vaise estendendo.

"Afecta moi especialmente á Alfama, tamén á Bica (freguesia da Misericórdia) e á zona do Miradouro de Santa Catarina e á zona de Graça. E está comezando en Santos"

Que diferenzas hai entre este proceso de turistificación que describes en Lisboa e os procesos de xentrificación en determinados barrios de cidades que coñeciamos ata agora?

Son procesos diferentes que teñen tamén resultados finais diferentes. A xentrificación que comezou a ser estudada nos anos 60 en Londres ou Nova York implicaba a substitución dunha poboación de baixos recursos por unha poboación de maiores recursos nun barrio -normalmente no centro da cidade- previamente degradado e esquecido polo investimento público e privado e posteriormente rehabilitado. En realidade, a turistificación ten efectos máis negativos, porque ti estás substituíndo unha poboación por outra cousa que non é unha poboación, senón unha masa flotante de turistas que están aí 2, 3, 4 días e que despois marcha. Ti o que estás facendo é desertificar unha zona, non é que veñan ricos vivir aí, é que non vén ninguén vivir no barrio.

Hai un factor diferencial. En Lisboa dáse a circunstancia de que o centro estaba moi abandonado. En 2011 -último censo nacional- entre o 20% e o 32% dos pisos estaban baleiros. Na Alfama chegaba ao 32,4%, o barrio estaba moi despoboado. E esa despoboación continúa, porque aínda que se está rehabilitando moito, non é para residencia. Pero o proceso que se está dando, polo tanto, non é o dunha expulsión da poboación, senón o da imposibilidade para moita xente que lle gustaría ir vivir ao centro histórico e que non poden. Evítase a repoboación.

Digamos que ao final si que se se está levando a cabo un proceso de rehabilitación de vivendas e espazos, que era moi necesario, pero non se fai para que esas casas sexa habitadas de forma permanentes?

Non é para habitar, non. Implica entender a vivenda non como residencia, senón como patrimonio inmobiliario, como activo inmobiliario. Hai un conflito entre o valor de uso da vivenda e o valor de cambio.

"O proceso que se está dando non é o dunha expulsión da poboación, senón o da imposibilidade para moita xente que lle gustaría ir vivir ao centro histórico e que non poden. Evítase a repoboación"

O tema xera debate na rúa, na política? Existe preocupación na sociedade e nos propios barrios afectados?

En outubro hai eleccións municipais, as Autárquicas, e este é un tema central na campaña electoral en Lisboa, con moita proxección nos medios. E partidos como Bloco de Esquerda e PCP estanlle dando moita importancia ao asunto. O PS algo menos, xa que está no Goberno, tanto a nivel nacional como en Lisboa, e o alcalde non quere facer nada que prexudique o turismo. A nivel social o debate hai uns meses era aínda moi minoritario: había grupos de persoas moi sensibilizadas e con moita información, que organizaban debates..., pero o movemento non era masivo. En xaneiro publicouse unha carta aberta, titulada Morar em Lisboa, que tivo moi boa acollida.

Que solucións se debaten? Que medidas se poderían adoptar dende as administración e dende a legalidade para minorar as consecuencias negativas deste proceso?

Un dos temas máis debatidos é a cuestión da taxa turística, que xa se paga na actualidade en Lisboa. En Santiago comezouse a falar do tema, pero xerou moitísima oposición por parte dos hostaleiros. En Lisboa pídese que eses cartos da taxa turística non se utilicen para traer máis turistas, senón que se empreguen para dar servizos aos residentes, como unha forma de reverter na poboación os beneficios que xera o turismo cando utiliza a cidade como materia prima. O debate pon a énfase na cuestión fiscal e legal, sobre todo centrado nos golden visa e no réxime fiscal especial que reciben os residentes non habituais. Pídese que se eliminen os privilexios que reciben os investidores estranxeiros e os fondos inmobiliarios.

"A Cámara Municipal ten moitas vivendas que podería poñer en alugueiro social. Tamén se pide que se limite o número de pisos turísticos que pode haber nun edificio ou nunha zona determinada"

A vivenda pública ou un mercado social de alugueiros poderían ser a solución?

A Cámara municipal de Lisboa é propietaria dun importante parque habitacional no centro da cidade, o que pasa é que está en moi malas condicións e, de feito, agora estano vendendo. Como din que non o poden manter nin rehabilitar, véndeno. Esa é a gran diferenza con España, por exemplo. A Cámara si ten moitas vivendas que podería poñer en alugueiro social e esta é unha das grandes reivindicacións que fan moitos grupos. Tamén se pide que se limite o número de pisos turísticos que pode haber nun edificio ou nunha zona determinada. Este tema aínda non é claro en termos legais, porque houbo dous ditames xudiciais sobre se unha comunidade de veciños pode vetar que se abra un apartamento turístico, un nun sentido e outro no contrario. Ás institucións públicas correspóndelles defender o uso residencial da vivenda e non o seu uso como activo inmobiliario especulativo. E moitas veces temos leis que promoven precisamente isto.

"Ás institucións públicas correspóndelles defender o uso residencial da vivenda e non o seu uso como activo inmobiliario especulativo. E moitas veces temos leis que promoven precisamente isto"

Resulta curioso como unha boa parte do turismo que chega á Alfama, por exemplo, faino buscando unha certa autenticidade, un carácter popular e orixinal que o propio turismo pode acabar por matar. Non si?

Ao final a turistificación o que fai é homoxeneizar os territorios e destrúe esa autenticidade, entre aspas, porque o propio concepto ten moitas arestas. Pero si, destrúe a esencia do lugar, que é un atractivo turístico importante. Pero a xente segue indo igual, quéixase de que hai moita xente, pero segue indo, porque ao final a xente vai onde vai todo o mundo. Non sei se a xente o percibe, porque tamén hai unha especie de atmosfera construída. Teño visto tendas antigas en Lisboa que imitaban tendas antigas, pero eran modernas. Hai unha certa cousa kitsch en todo isto: destrúese a esencia da cidade para reconstruíla despois.

Acabas de regresar a Compostela, despois de tres anos no estranxeiro. Como é o futuro para un mozo investigador en Galicia?

Estou mirando varias cousas, interésame tanto o aspecto máis teórico, da investigación académica, coma o traballo práctico, de consultoría e de elaboración de políticas públicas. Claro, ademais vivo en Santiago, na zona vella, e vexo todos os días este tema, que me interesa moito.

"Hai que axilizar o mercado de alugueiro, incrementar os impostos á vivenda baleira para incentivar que a xente a poña no mercado, e favorecer o alugueiro residencial sobre o turístico"

Como valoras a situación que se dá neste momento en Santiago?

Este é o momento de tomar accións e de regular para que haxa un equilibrio. Santiago está nun momento no que hai que regular o turismo, nun momento no que pasa de ser unha beizón a ser non sei se unha maldición, pero si outra cousa distinta. O turismo trae cartos, pero tamén xera os empregos máis precarios da economía, iso hai que telo en conta. Cando o único emprego que se xera é no sector turístico, a economía queda máis empobrecida. O turismo en Compostela xera moitos ingresos pero tamén xera algúns impactos negativos que hai que regular. En Santiago a moratoria de dous anos que se aprobou para a apertura de novos establecementos hoteleiros é unha moi boa medida. Pero haberá que pensar que facer despois deses dous anos.

"Unha cidade é moito máis que unha sucesión de fachadas, ten que haber alguén vivindo e traballando detrás delas"

Cres que esta presión turística xa se nota no mercado inmobiliario no centro histórico, no prezo dos alugueiros? Dende logo si está a crear dende hai tempo un monocultivo comercial moi claro na zona vella...

Si, pero ese monocultivo comercial é xa un problema para vivir aquí, a partir do momento en que para facer a compra tes que ir ao Toural ou a Basquiños ou aos Concheiros, iso fai a vida máis difícil na zona vella. Agora, co decreto da Xunta, é obrigatorio rexistrar os pisos turísticos, o que xunto coa moratoria está conseguindo limitar o problema. O que hai que facer é axilizar o mercado de alugueiro, incrementar os impostos á vivenda baleira para incentivar que a xente a poña no mercado, e favorecer o alugueiro residencial sobre o turístico, que hoxe en día é moito máis lucrativo para os propietarios. Todo buscando que veña máis xente vivir ao centro de Compostela, para que a zona vella sexa unha zona vivida e non un parque temático nin unha realidade ficticia. Unha cidade é moito máis que unha sucesión de fachadas, ten que haber alguén vivindo e traballando detrás delas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.