Un total de 4.630 vivendas de uso turístico están rexistradas legalmente en Galicia, segundo os datos facilitados pola Axencia Turismo de Galicia, en resposta a unha pregunta parlamentaria formulada polo PSdeG-PSOE. A Xunta ofrece ademais a información detallada por concello, como lle esixían os socialistas, o que permite analizar polo miúdo a importancia que o fenómeno dos apartamentos turísticos ten en cada localidade, atopando neste senso grandes desequilibrios entre unhas zonas e outras.
Case unha cuarta parte do total (1.117, exactamente) sitúanse no Concello de Sanxenxo
De feito, case unha cuarta parte do total (1.117, exactamente) sitúanse no Concello de Sanxenxo. Santiago de Compostela é o segundo lugar con máis pisos turísticos legalmente rexistrados, uns 246. Porén, unha ollada rápida ao mapa amosa que son as localidades do litoral as que acumulan un maior número destes inmobles, suman Barreiros (174), O Grove (169) ou Foz (144) unha cantidade maior que A Coruña (141) ou Vigo (135). Poio (132), Cangas (126), Carnota (98), Bueu (97) ou Fisterra (91) tamén presentan cifras importantes.
O pasado mes de outubro o Goberno galego negárase a facer público o número de vivendas de uso turístico existentes en cada un dos concellos de Galicia, en resposta a outra pregunta dos socialistas. A Xunta, malia recoñecer que dispoñía dos datos completos, limitouse a ofrecer unha estimación xeral para todo o país, situando a cifra total en "máis de 4.500 solicitudes" de apartamentos turísticos que demandaban ser rexistrados ao abeiro do decreto co que o Goberno galego buscaba regular este tipo de inmobles. A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) recorreu este decreto ante os tribunais, a pesar de que o Executivo de Núñez Feijoo modificou algún dos elementos criticados polo ente estatal.
En canto ao número total de prazas dispoñibles nestes apartamentos turísticos, Sanxenxo suma 5.737. A moita distancia aparecen Santiago de Compostela (1.207), O Grove (964), Poio (771), Barreiros (704), A Coruña (677), Cangas (586) e Foz (583). Os datos de Sanxenxo son moi significativos, e máis se os poñemos en relación coa poboación habitual deste concello (17.314) e, sobre todo, en relación ao número de prazas en establecementos hoteleiros (9.245 nun total de 177 hoteis ou pensións). Chaman tamén a atención os datos que Barreiros, ofrece xa máis prazas en apartamentos turísticos que en hoteis ou pensións (294) e o mesmo pasa en Foz (362), ou Cangas (428), e tamén en Bueu ou Carnota.
Barreiros, Foz, Cangas, Bueu ou Carnota ofrecen xa máis prazas en apartamentos turísticos que en hoteis ou pensións
No mapa podemos observar que a cifra de apartamentos turísticos é elevada en todo o litoral galego. Tanto nas Rías Baixas, de Baiona a Ribeira, coma na Costa da Morte e as Rías Centrais, de Muros a Camariñas, coma na Mariña Lucense, destacando os casos de Viveiro e Ribadeo, ademais dos xa comentados.
O número de pisos turísticos é moito máis reducido en concellos do interior, especialmente na provincia de Ourense, que en conxunto suma só 97, menos que Foz ou Cangas. As excepcións aparecen unicamente nalgunhas localidades do Camiño Francés, como Sarria, Arzúa ou O Pino, ou en concellos como Pantón ou Ribadavia, pero con datos moito máis modestos.