Vigo e A Coruña superan a Santiago e convértense nas cidades con máis pisos turísticos

Edificios de vivendas en Vigo, a finais do pasado 2022 CC-BY-NC-SA Praza.gal

O número de vivendas de uso turístico non deixou de aumentar en Galicia dende que no 2018 a Xunta comezou a ofrecer información pública sobre esta actividade económica e o rexistro creado para as persoas que destinan os seus inmobles a alugueiro temporal. Na actualidade o número de pisos turísticos rexistrados legalmente en Galicia é de 17.923, practicamente o dobre dos que existían xusto antes da pandemia de COVID, en xaneiro de 2020.

En total, estes establecementos suman máis de 90.000 prazas dispoñibles, unha cantidade que hai xa tempo que superou ao número conxunto de prazas que ofrecen hoteis (57.540) e pensións (23.957)

En total, estes establecementos suman máis de 90.000 prazas dispoñibles, unha cantidade que hai xa tempo que superou ao número conxunto de prazas que ofrecen hoteis (57.540) e pensións (23.957). Ademais da competencia que os pisos turísticos exercen contra os establecementos hoteleiros tradicionais, a proliferación de pisos turísticos é criticada por limitar o parque dispoñible de vivendas para alugueiro estable, incrementando o prezo das poucos inmobles restantes. Dende o 2015 o prezo dos alugueiros aumentou un 30% en Galicia e máis dun 35% nas sete cidades. A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) alerta de que no país hai menos de catro mil vivendas dispoñibles para o seu alugueiro.

A proliferación de pisos turísticos é criticada por limitar o parque dispoñible de vivendas para alugueiro estable, incrementando o prezo dos poucos inmobles restantes

Unha parte importante destas vivendas de uso turístico concéntranse nas localidades litorais, ligadas a un turismo estival e de praia. Nun comezo, ademais, na cidade de Compostela disparouse o número destes establecementos, nun fenómeno vencellado á chegada de peregrinos e outros visitantes. Santiago era, con moita diferenza a cidade galega con máis pisos turísticos, a moita distancia das demais. En xaneiro de 2020 o número de vivendas de uso turístico na capital de Galicia practicamente duplicaba ás existentes en Vigo e A Coruña.

Dende xaneiro de 2020 o número de pisos turísticos disparouse en Vigo (pasou de 379 a 1.055) e na Coruña (de 365 a 793), superando con claridade os datos de Santiago

Porén, iso vén mudando nos últimos tres anos. Por unha banda, o número de pisos turísticos estabilizouse en Compostela. Na actualidade hai 750 inscritos no rexistro da Axencia Galega de Turismo, apenas un 10% máis que antes da pandemia (681) e practicamente a mesma cifra que había en xaneiro de 2021 (736). Neste tempo, en cambio, o número de pisos turísticos disparouse en Vigo (pasou de 379 a 1.055 dende xaneiro de 2020) e na Coruña (de 365 a 793), superando con claridade os datos de Santiago.

No cambio de tendencia experimentado por Compostela puido influír a aposta por medidas de control e de limitación da concentración de pisos turísticos, que se comezaron a aplicar hai anos, tanto polos gobernos de Compostela Aberta coma do PSdeG-PSOE. O pasado mes de setembro, ademais, o pleno municipal compostelán aprobou por ampla maioría (17 votos a favor de PSdeG, CA e BNG e só os 8 votos en contra do PP) a modificación puntual do PXOM para acoutar este tipo de actividades

Compostela leva anos introducindo medidas de control e de limitación destas vivendas turísticas. Tamén Pontevedra estableceu límites á apertura destes establecementos

A reforma, entre outras medidas, restrinxe nas "zonas sensibles" a instalación de vivendas turísticas aos baixos dos edificios residenciais "que contan cun mínimo de cinco andares" ou ao seu primeiro andar, nos que teñen cando menos seis. Ademais, a cidade de Santiago leva tempo esixindo aos propietarios de pisos turísticos a solicitude dunha licenza municipal para poder operar, xa que se trata dunha actividade económica que debe contar con esta habilitación municipal.

Tamén en Pontevedra o Concello estableceu uns límites estritos para a apertura destes establecementos, indicando que ao tratarse dunha actividade económica só se poden instalar seguindo as mesmas normas que outros negocios; é dicir, nos baixos e primeiros andares dun edificio, en vivendas unifamiliares e tamén en edificios completos, nos que todos os seus andares se dedican a a esta actividade e non se mesturan con usos residenciais.

Na Coruña e en Vigo cada vez son máis as voces que reclaman unha regulación para defender o dereito á vivenda da poboación habitual

Tanto na Coruña coma en Vigo cada vez son máis as voces que reclaman unha regulación semellante para defender o dereito á vivenda da poboación habitual, evitando a carencia dun parque de suficiente de inmobles en alugueiro, os incrementos de prezo e as molestias causadas polos visitantes.

Sanxenxo, o concello con máis pisos turísticos

Sanxenxo segue a ser con moita diferenza a localidade cun maior número de pisos turísticos

En calquera caso, e a pesar do importante incremento do número de pisos turísticos rexistrado en Vigo e A Coruña, Sanxenxo segue a ser -con moita diferenza- a localidade cun maior número destes establecementos, cun total de 2.501.

Na lista, despois de Vigo, A Coruña e Compostela, atopamos outros concellos litorais cunha importante actividade turística, tanto das Rías Baixas coma da Mariña, como O Grove (564), Cangas (528), Foz (476), Barreiros (381) e Poio (376).

Outros concellos litorais, tanto das Rías Baixas coma da Mariña, coma O Grove, Cangas, Foz, Barreiros e Poio, rexistran un gran número de vivendas de uso turístico, o mesmo que localidades do Camiño Francés como Sarria ou Arzúa ou próximas á Ribeira Sacra, como Monforte

Entre as localides con máis pisos turísticos aparecen igualmente concellos como Fisterra, Bueu, Baiona, Carnota, Viveiro, Ribeira, Nigrán, Ribadeo, Boiro, Porto do Son, A Illa de Arousa, Cambados, Muros, Camariñas ou Vilanova de Arousa, todos por riba das 150 vivendas de uso turístico rexistradas legalmente.

O mapa amosa tamén unha importante concentración en localidades do Camiño Francés como Sarria (o punto de partida máis habitual da ruta), Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa ou O Pino. E, igualmente, un número crecente na comarca de Lemos e nas localidades próximas á Ribeira Sacra, como Monforte, Pantón, Sober, Nogueira de Ramuín ou Castro Caldelas.

Nos últimos tres anos o número de pisos turísticos aumentou un 178% en Vigo, un 150% en Pontevedra e un 117% na Coruña, mentres que en Santiago case non se moveu (+10%)

Dende o mes de xaneiro de 2020 o número de pisos turísticos rexistrados legalmente en Galicia aumentou un 81,5%. Hai concellos nos que este incremento foi aínda maior, coma as propias cidades de Vigo (+178% en tres anos), A Coruña (+117%) e Pontevedra (+150%), un cambio que constrasta coa estabilidade de Compostela (+10%).

Tamén aumentaron de forma importante Cambados (+200%), Vilagarcía de Arousa (+165%), Viveiro (+151%), Nigrán (+134%), Moaña (+159%) e, por suposto, Monforte, que en tres anos pasou de 30 a 108 pisos turísticos (+260%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.