Galicia is 'different'

Peregrinos chegando a Santiago, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza.gal

En 1960 Fraga Iribarne (daquela ministro franquista) acuñou o slogan Spain is different e premeu o botón de acendido do motor económico do turismo. Trinta e tres anos despois, reconvertido en presidente demócrata da Xunta, impulsou a renovación do camiño de Santiago para aplicar aquí a mesma estratexia económica que tan ben lle funcionara antes, malia que daquela xa eran ben coñecidas as contraindicacións ambientais e sociais do modelo.

Este é o enervante pan diario das poucas persoas que seguen a vivir no casco histórico e numerosas rúas da capital galega, cada vez menos habitables. Desde as oito da mañá en adiante. En San Pedro. En Belvís. En Conxo. En San Lázaro. En Vista Alegre. Nos Concheiros. Na rúa Carretas. Na Praza de Galicia

Circula esta semana un vídeo no que un veciño da zona vella compostelá increpa a un grupo de turistas procedentes dos USA que soben cantando pola rúa Xelmírez, portando unha inmensa bandeira norteamericana e camisolas con sentenzas acerca da liberdade e a fe. Síntome identificada con ese veciño.

Haberá quen argumente que era martes, que eran as once da mañá, que non berraban tanto. Que o turismo deixa cartos na cidade, aínda que sexa en cafés, cervexerías, tendas de bocadillos e de souvenirs. Alegarán os 130.000 empregos no sector da tempada en Galicia. Responderemos que si, que talvez. Pero que este é o enervante pan diario das poucas persoas que seguen a vivir no casco histórico e numerosas rúas da capital galega, cada vez menos habitables. Desde as oito da mañá en adiante. En San Pedro. En Belvís. En Conxo. En San Lázaro. En Vista Alegre. Nos Concheiros. Na rúa Carretas. Na Praza de Galicia. Por nomear algunhas. Hai moitas máis que padecen a invasión desconsiderada do turismo xacobeo. 

A nova corporación municipal de Compostela vén de poñer en marcha unha campaña que tenta sensibilizar a este turismo, educar para mitigar eses comportamentos que fan da cidade un lugar hostil para a súa cidadanía. Aplaudo a proposta, mais penso que non vai abondar

Vivín seis anos na contorna de Belvís, moi preto do Seminario Menor. Aturei bastóns batendo incesantes nas beirarrúas. Grupiños que camiñan con metros de distancia entre as integrantes e falan a berros a calquera hora, mesmo de madrugada. Excursións masivas que cortan o tráfico da Avenida de Lugo para cruzar, parando os buses urbanos e a xente que ten que chegar á escola, ao traballo. Cánticos, loas a Deus, himnos deportivos, bandeiras, botellóns, altofalantes, lixo, bicicletas en sentido prohibido... Algunha vez confrontei educadamente eses comportamentos para pedir algo de civismo e recibín peores respostas e caras ca as que se ven no vídeo da rúa Xelmírez (no que por certo, o que fai o grupo de peregrinos é seguir a cantar mentres ollan retando e con acenos ofendidos para o veciño). 

Agora vivo en Silleda. O destino tróuxome a unha finca que linda co Camiño de Inverno e da Vía da Prata. Debo recoñecer que, malia que aquí non me chegan tan de preto como cando pasaban baixo a xanela do meu dormitorio compostelán, podo identificar neste tramo da ruta os comportamentos que por tanto tempo padecín en Santiago.

Cómpre repensar e remodelar o sector turístico desde os alicerces. Desbotar os cartos rápidos e o emprego precario e procurar modelos baseados no coidado ambiental (en todos os sentidos, da natureza e da habitabilidade das urbes)

A nova corporación municipal de Compostela vén de poñer en marcha unha campaña que tenta sensibilizar a este turismo, educar para mitigar eses comportamentos que fan da cidade un lugar hostil para a súa cidadanía. Aplaudo a proposta, mais penso que non vai abondar. Sería preciso estendela a canto albergue e concello se atopan en calquera das rutas xacobeas, porque cando chegan a Compostela estas viaxeiras e viaxeiros veñen rematando un longo proceso de embrutecemento que se coce a lume lento ao longo dos camiños. 

Cómpre repensar e remodelar o sector turístico desde os alicerces. Desbotar os cartos rápidos e o emprego precario e procurar modelos baseados no coidado ambiental (en todos os sentidos, da natureza e da habitabilidade das urbes). Mentres a prensa siga a publicar “recunchos agochados que non podes perder”, mentres o cupo de visitas á praia das Catedrais siga a esgotarse no comezo de agosto, mentres se continúe a fomentar o modelo de sol e praia das rías Baixas (e ollo, o quentamento global xa comezou a desprazar o turismo andaluz e mediterráneo cara Galicia e o Cantábrico, isto so vai medrar ata morrer de éxito), de pouco ou nada van servir estas iniciativas, por máis que, insisto, sexan de agradecer porque, polo menos, nos sentimos comprendidas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.